Saltar ao contido

Papuxa paporrubia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papuxa paporrubia
Sylvia cantillans
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sylviidae
Xénero: Sylvia
Especie: S. cantillans
Nome binomial
Sylvia cantillans
(Pallas, 1764)

A papuxa paporrubia (Sylvia cantillans) é un paxaro pequeno da familia das papuxas (Sylviidae) que cría no extremo sur de Europa e no norte de África.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son paxaros duns 12,5 cm de lonxitude. A plumaxe é distinta entre machos e femias. Nos machos o lombo e a cabeza son gris azulados, as ás e a cola de cor gris pardo, a barbadela, a gorxa e o peito son de cor avermellada. Ten un "bigote" branco. O ventre e os lados son brancos. A femia ten a cabeza máis gris, e acastañada por riba e abrancazada por debaixo. Ten un anel branco ó redor dos ollos, mentres que o macho o ten vermello.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Está presente como ave reprodutora nas áreas máis ó sur de Europa e no noroeste de África. Nos últimos tempos aparece cada vez con máis frecuencia como visitante en zonas centroeuropeas. É unha ave migratoria, que pasa os invernos ó longo da fronteira sur do deserto do Sáhara.

Vive preferentemente en ladeiras soleadas de outeiros con vexetación de tipo mediterráneo, espiñosa e mesta Comparte este biótopo con especies da mesma familia.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Sylvia cantillans

Crían entre abril e os primeiros días de xuño. Fan os niños entre o mato mesto, preto do chan. Constrúenos con pallas e cascas de romeu ou doutras plantas. As paredes exteriores cóbrenas con teas de araña. Poñen no fondo un forro de pelos de animais e peluxe de orixe vexetal . A posta componse de tres ou catro ovos averdesados con pencas mais escuras, que miden uns 16,5 × 12,9 mm e pesan 1,42 g.

Ámbolos dous pais chocan os ovos de 11 a 13 días, aínda que é a femia a que pasa máis tempo incubando. Os pitos nacen sen plumas e teñen a boca vermella coa beira amarela. Os dous proxenitores encárganse da alimentación. A femia protexe os polos do mal tempo e do sol abrindo as ás por riba deles. Pasan no niño 11 ou 12 días. Se a mai comeza unha segunda posta, o macho segue alimentando só ós fillos.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É insectívora, pero come tamén bagas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Parece estar relacionada coa papuxa de Sardeña (Sylvia melanocephala). Nas dúas especies os machos teñen bigotes brancos a parte superior da cabeza escura e aneis vermellos ó redor dos ollos.

Ten varias subespecies, se cadra diferenciadas dabondo para ser consideradas especies separadas. Todas teñen plumaxe diferente, cantos diferentes e son alopátricas:

Onomástica noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Weißbartgrasmücke
  • Búlgaro: Chervenoguxo koprivarche (Червеногушо коприварче)
  • Español: Curruca carrasqueña
  • Finlandés: Rusorintakerttu
  • Francés: Fauvette passerinette
  • Inglés: Subalpine Warbler
  • Noruegués: Rødstrupesanger

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brambilla, Mattia; Vitulano, Severino; Spina, Fernando; Bacetti, Nicola; Gargalllo, Gabriel; Fabbri, Elena; Guidali, Franca; Randi, Ettore (2008). "A molecular phylogeny of the Sylvia cantillans complex: Cryptic species within the Mediterranean basin". Molecular Phylogenetics and Evolution 48 (2): 461–472. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.013. 
  • Svensson, Lars (2013). "A taxonomic revision of the Subalpine Warbler Sylvia cantillans". Bulletin of the British Ornithologists’ Club 133: 240–248. 
  • Svensson, Lars (2013). "Subalpine Warbler variation and taxonomy". British Birds 106 (11): 651–668.