Papuxa carrasqueira
Papuxa carrasqueira | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Macho en Monfragüe, Estremadura
| |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
A papuxa carrasqueira[1] (Curruca iberiae) é unha pequena papuxa da familia Sylviidae que se reproduce nas partes máis meridionais de Europa e noroeste de África. Papuxa carrasqueira foi un nome que tamén se lle dera antes en galego á especie Curruca cantillans (hoxe chamada papuxa balcánica) antes de que fose subdividida taxonomicamente.[2]
Igual que a maioría das especies de Curruca ten plumaxes diferentes en machos e femias. O macho adulto ten un dorso e cabeza cincentos, partes ventrais vermello ladrillo, e raias na meixela brancas ("bigotes"). A femia é principalmente marrón dorsalmente, con cabeza máis cincenta e ventre abrancazado con tons rosas. A canción da papuxa carrasqueira é rápida e repenicante, similar á da papuxa cincenta.
Esta ave parece estar relacionada coa superespecie Curruca melanocephala–Curruca mystacea. Todas as especies incluídas teñen áreas malares (nas meixelas) brancas, cabezas escuras na parte superior nos machos adultos e aneis oculares espidos. Estas tres especies están emparentadas cunha superespecie constituída pola Curruca ruppeli e a Curruca melanothorax, que tamén teñen a característica área malar branca e son anegradas na parte superior (Shirihai et al. 2001,[3] Jønsson & Fjeldså 2006 [4]). A papuxa carrasqueira na súa defiición orixinal (Sylvia cantillans) estaba dividida en dous distintos grupos de subespecies que posiblemente diverxeran o suficiente como para podelas clasificar como especies separadas (Shirihai et al. 2001).[3] Os dous grupos tiñan diferentes plumaxes no macho, proferían chamadas distintivas, e eran alopátricas; eran necesarios máis estudos, que finalmente desembocaron na súa división. En maio de 2020, a lista de aves do mundo da IOC incluía as poboacións do oeste na especie C. iberiae (á que se lle mantivo o nome en galego de papuxa carrasqueira) e as poboacións do leste na especie C. cantillans (papuxa balcánica).[5] Porén, HBW-BirdLife v6b considera o taxon da C. iberiae como subespecie de Curruca cantillans (C. c. iberiae).[2]
É unha ave de rexións abertas secas, a miúdo vive en ladeiras de outeiros, con arbustos para nidificar. Constrúen o niño en arbustos baixos ou toxos e poñen de 3 a 5 ovos. É insertívora, pero tamén come bagas.
Hábitat e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Esta especie prefire o mato heteroxéneo denso con árbores espalladas en áreas secas do Mediteráneo, especialmente as devesas de aciñeiras (Quercus ilex) e as dominadas por Arbutus unedo e Erica. Tamén se atopa frecuentemente en bosques de sobreiras novas (Quercus suber) e en áreas arbustivas densas sen árbores. Usa formacións arbustivas dominadas por silvas Rubus fruticosus en barrancos soleados e fondos de vales e prefire os estadios intermedios das sucesións ecolóxicas posteriores a un lume forestal. A reprodución ocorre de finais de marzo a finais de xuño e a especie é monógama. O macho constrúe varios niños pola súa conta, pero ambos os sexos constrúen o niño para a reprodución, que é unha copa robusta e profunda feita de herbas, raíces delgadas e follas e forrada de herbas finas, raicíñas e pelo. O niño sitúano nun arbusto baixo ou pequena árbore, a uns 30–130 cm do chan. A posta é de 3 a 5 ovos. A dieta consta principalmente de insectos e as súas larvas, pero fóra da estación reprodutora tamén comen bagas e outros froitos. A especie migra a longas distancias, pasando o inverno na Áfrca subsahariana (Aymí et al. 2015[6]). [7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ 2,0 2,1 SeoBird Life Lista das aves de España. Consultado en xaneiro-febreiro de 2025
- ↑ 3,0 3,1 Phylogeny and biogeography of the genus Sylvia, pp. 24 – 30 in: Shirihai, Hadoram, Gabriel Gargallo and Andrea J. Helbig (2001) Sylvia warblers: Identification, taxonomy and phylogeny of the genus Sylvia Helm Identification Guides ISBN 0-7136-3984-9
- ↑ Jønsson, Knud A.; Fjeldså, Jon (2006). "A phylogenetic supertree of oscine passerine birds (Aves: Passeri)". Zool. Scripta 35 (2): 149–186. doi:10.1111/j.1463-6409.2006.00221.x.
- ↑ "Split of Western and Eastern Subalpine Warbler". Magornitho. 7 de maio de 2020. Consultado o 8 de maio de 2020.
- ↑ Birds of the world - Cornell Lab Curruca iberiae
- ↑ "IUCN Red List of Threatened Species". Iucnredlist.org. Consultado o 2022-08-10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brambilla, Mattia; Vitulano, Severino; Spina, Fernando; Bacetti, Nicola; Gargalllo, Gabriel; Fabbri, Elena; Guidali, Franca; Randi, Ettore (2008). "A molecular phylogeny of the Sylvia cantillans complex: Cryptic species within the Mediterranean basin". Molecular Phylogenetics and Evolution 48 (2): 461–472. PMID 18590968. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.013.
- Svensson, Lars (2013). "A taxonomic revision of the Subalpine Warbler Sylvia cantillans" (PDF). Bulletin of the British Ornithologists' Club 133: 240–248.
- Svensson, Lars (2013). "Subalpine Warbler variation and taxonomy". British Birds 106 (11): 651–668.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ageing and sexing (PDF; 3.8 MB) de Javier Blasco-Zumeta e Gerd-Michael Heinze Arquivado 08 de novembro de 2016 en Wayback Machine.
- Avibase[Ligazón morta]