Saltar ao contido

Virus do papiloma humano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Papilomavirus»)
Virus do papiloma humano (VPH)
Clasificación e recursos externos
Virus do papiloma humano.
DiseasesDB6032
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O virus do papiloma humano (VPH ou HPV do inglés human papillomavirus) son grupos diversos de virus ADN pertencentes á familia dos Papillomaviridae e representa unha das enfermidades de transmisión sexual máis comúns.

Coñécense máis de 100 tipos virales que en relación á súa patoxenia oncolóxica, se clasifican en tipos de alto e de baixo risco oncolóxico. A Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) considera que os tipos de VPH 16, 18, 31, 33, 35, 39, 45, 51, 52, 56, 58, 59 e 66 son carcinóxenos para os humanos ―tipos de alto risco oncolóxico― e que outros tipos, incluídos o VPH 6 e o VPH 11, son posibles carcinóxenos para os humanos ―tipos de baixo risco oncolóxico―.[1] Como todos os virus desta familia, os VPH só establecen infeccións produtivas no epitelio estratificado da pel e mucosas de humanos, así como dunha variedade de animais. A maioría dos VPH descritos non causan ningún síntoma na maior parte da xente. Algúns tipos de VPH poden causar espullas ou condilomas, mentres outros poden xerar infeccións subclínicas, que poden (nunha minoría de casos) dar lugar a cancro cervical, de vulva, vaxina e ano en mulleres, ou cancro do ano e pene en homes.[2] A maior parte da xente infectada por VPH descoñece que o está.[2] Todos os VPH transmítense por contacto pel a pel.

Entre trinta e corenta tipos de VPH transmítense normalmente por contacto sexual e infectan a rexión anoxenital. Algúns tipos de VPH transmitidos por contacto sexual poden producir verrugas xenitais. A infección persistente con algúns tipos de VPH transmitidos sexualmente denominados de «alto risco» (diferentes dos que causan verrugas) pode evolucionar e producir lesións precancerosas e cancro invasivo.[3] A infección con VPH é a causa principal de case todos os casos de cancro cervical, aínda que na maior parte das infeccións con este tipo de virus non se produce ningunha patoloxía.[4] No ano 2008, o médico alemán Harald zur Hausen (1936-) recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina polo descubrimento de VPH como unha causa de cancro cervical.

  1. "Virus del papiloma humano. Situación actual, vacunas y perspectivas de su utilización". Comisión de Salud Pública/Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud. febreiro de 2007. 
  2. 2,0 2,1 "Infección genital por VPH - CDC Fact Sheet en español". Centers for Disease Control and Prevention (CDC). 24 de outubro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2010. Consultado o 25 de xaneiro de 2010. 
  3. Schiffman, Mark; Castle, Philip E. (2003-08-01). "Human Papillomavirus: Epidemiology and Public Health". Archives of Pathology & Laboratory Medicine (en inglés) 127 (8): 930–934. ISSN 1543-2165. doi:10.5858/2003-127-930-HPEAPH. 
  4. Walboomers JM, Jacobs MV, Manos MM. "Human papillomavirus is a necessary cause of invasive cervical cancer worldwide" (1). PMID 10451482. doi:10.1002/(SICI)1096-9896(199909)189:1<12::AID-PATH431>3.0.CO;2-F. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]