Panzer IV

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panzerkampfwagen IV
Panzer IV Ausf.G
Tipocarro de combate medio
OrixeAlemaña nazi Alemaña
En servizo1937 - 1967
Usado porAlemaña Nazi, Romanía, Turquía, Hungría, Bulgaria, Finlandia, España, Croacia, Siria
GuerrasSegunda guerra mundial, guerra árabe-israelí de 1948, guerra dos Seis Días
Deseñado1936
FabricanteKrupp, Steyr-Daimler-Puch
Producido1936 - 1945
Construídosestímanse uns 8.800
Anchura2.88 metros
Altura2.68 metros
editar datos en Wikidata ]

O Panzerkampfwagen IV (Pz.Kpfw. IV), comunmente coñecido como Panzer IV, foi un carro de combate medio desenvolvido na Alemaña Nazi a finais dos anos 30 e usado extensamente durante a segunda guerra mundial. A súa designación oficial era Sd.Kfz. 161.

Deseñado como carro de apoio á infantaría, o Panzer IV orixinalmente non estaba destinado a enfrontarse a blindados inimigos (función realizada polo máis lixeiro Panzer III). Porén, para enfrontarse ao T-34 soviético o Panzer III quedaba obsoleto, polo que o Panzer IV asumiu o rol de loita contra carros. O Panzer IV foi o carro de combate máis fabricado e máis usado polos alemáns na segunda guerra mundial, e serviu de base a outros moitos vehículos de combate, como o canón de asalto Sturmgeschütz IV, o cazacarros Jagdpanzer IV, a arma antiaérea autopropulsada Wirbelwind e o canón autopropulsado Brummbär.

Robusto e fiable, operou en todos as frontes onde participou Alemaña e foi o único carro nazi fabricado durante toda a guerra, producíndose uns 8.800 exemplares entre 1936 e 1945. As melloras e modificacións no deseño, acotío realizadas en resposta á aparición de novos carros dos Aliados, estenderon a súa vida operativa. Xeralmente estes cambios centráronse no aumento da blindaxe e na mellora das súas armas, aínda que durante os derradeiros meses da guerra, coa urxente necesidade de substituír as unidades perdidas, tomáronse medidas retrógradas para simplificar e acelerar a fabricación.

O Panzer IV foi o carro de combate alemán en servizo máis exportado, vendendo ao redor de 300 exemplares a países aliados como Romanía, Bulgaria, Finlandia e España. Despois da guerra, os franceses e os españois venderon ducias de Panzer IV a Siria, onde combateron na Guerra dos Seis Días en 1967.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O Panzer IV foi unha idea do xeneral e teórico da innovadora guerra blindada alemán Heinz Guderian.[1] En teoría pretendíase que fose un carro de combate de apoio para usar contra os canóns anti-carro e as fortificacións inimigas[2]. O ideal era que os batallóns de carros dunha división panzer tivesen tres compañías medias de Panzer III e unha pesada de Panzer IV[3]. O 11 de xaneiro de 1934 o exército alemán escribiu as especificacións para un "tractor medio", e entregáronlla a distintas empresas de defensa. Para apoiar ao Panzer III, que sería armado cun canón anti-carro de 37 mm, o novo vehículo tería un obús de canón curto de 75 mm como arma principal, e asignóuselle un límite de peso de 24 toneladas. O seu desenvolvemento levouse a cabo baixo o nome de Begleitwagen ("vehículo de acompañamento")[4], ou BW, para disfrazar o seu propósito real, xa que Alemaña aínda estaba teoricamente obrigada polo Tratado de Versalles. MAN, Krupp e Rheinmetall-Borsig desenvolveron prototipos, sendo seleccionado o de Krupp para un maior desenvolvemento[5].

O chasis foi orixinalmente deseñado cunha suspensión entrelazada de seis rodas, pero o exército alemán modificouna cun sistema de barra de torsión. Permitindo unha maior deflexión vertical das rodas, pretendíase que este sistema mellorase a súa actuación e a comodidade da tripulación. Porén, debido á urxencia do requirimento para un novo carro de combate, non se adoptou ningunha das propostas, e Krupp equipouno cunha suspensión de balesta sinxela.

O prototipo requiría unha tripulación de cinco homes; o casco contiña o compartimento do motor na parte traseira, co condutor e o operador de radio, que facía o traballo de artilleiro da metralladora do casco, sentados na parte dianteira esquerda e dereita respectivamente. Na torreta, o comandante do carro sentábase baixo o zapón do teito, mentres que o artilleiro estaba situado á esquerda da recámara do canón e o cargador á dereita. A torreta compensouse 66,5 mm á esquerda da liña central do chasis, mentres que o motor moveuse 152,4 mm cara a dereita. Isto permitía que o eixo de torsión despexase a unión da base xiratoria, que proporcionaba enerxía eléctrica para xirar a torreta, ao conectar a caixa de transmisión montada no casco entre o condutor e o operador de radio. Debido á configuración asimétrica, a parte dereita do carro tiña a meirande parte do seu volume de almacenamento, e foi ocupada polos armarios da munición[5].

Aceptado no servizo como o Versuchskraftfahrzeug 622 (Vs.Kfz. 622)[6], a súa produción comezou en 1936 na fábrica de Fried. Krupp Grusonwerk AG factory en Magdeburg[7].

Ausf. A a Ausf. F1[editar | editar a fonte]

Panzer IV Ausf. C

A primeira versión producida en masa do Panzer IV foi a Ausführung A (abreviada como Ausf. A, e que significa "variante A"), en 1936. Estaba impulsado por un motor Maybach HL 108TR, que producía 183,7 kW, e usaba a transmisión SGR 75 con cinco marchas cara a adiante e unha cara a atrás,[8] acadando unha velocidade máxima en estrada de 31 km/h.[9] Como armamento principal, o vehículo montaba o canón Kampfwagenkanone 37 L/24 (KwK 37 L/24) de 75 mm, que era un canón de baixa velocidade deseñado para disparar principalmente proxectís explosivos. Contra obxectivos blindados, disparando un Panzergranate (proxectil perforante) a 430 metros por segundo (1,410 ft/s) o KwK 37 podía penetrar 43 milímetros, cunha inclinacion de 30 graos a alcances por riba dos 700 metros. Unha metralladora de 7,92 mm MG 34 foi montada de xeito coaxial co canón principal na torreta, mentres que unha segunda metralladora do mesmo tipo montouse no frontal do casco. O Ausf. A tiña unha protección de 14,5 mm de bindaxe de aceiro no frontal do chasis, e de 20 mm na torreta. Iso só era quen de parar fragmentos de artillaría, fogo de armas pequenas e proxectís antitanque pequenos.[10]

Despois de fabricar 35 carros da versión A, en 1937 a produción moveuse cara ao Ausf. B. Entre as melloras introducidas estaban a substitución do motor orixinal polo máis potente Maybach HL 120TR de 220,65 kW, e o cambio da transmisión pola nova SSG 75, de seis velocidades e unha marcha atrás. A pesar do aumento de peso ata as 16 toneladas, isto mellorou a velocidade do carro ata os 39 km/h. A placa inclinada aumentou de espesura ata os 30 mm, e a metralladora do casco substituíuse por un porto para pistola cuberto. Fabricáronse 42 Panzer IV Ausf. B antes da introdución do Ausf. C en 1938. Nesta versión incrementouse a blindaxe da torreta ata os 30 mm, aumentando o peso do carro ata as 18,14 t. Tras fabricar 40 Ausf. C, comezando polo número de chasis 80341 o motor foi substituído polo mellorado HL 120TRM. O derradeiro dos 140 Ausf. C foi producido en agosto de 1939, e iniciouse a fabricación do Ausf. D; esta variante, da cal se fabricaron 248 vehículos, reintroduciu a metralladora do casco e cambiou o mantelete interno do canón da torreta por un externo. A proteccion mellorouse novamente, desta vez incrementando a blindaxe lateral ata os 20 mm. Cando a invasión alemá de Polonia en setembro de 1939 rematou, decidiuse aumentar a produción do Panzer IV, que foi adoptado para un uso xeral o 27 de setembro como o Sonderkraftfahrzeug 161 (Sd.Kfz. 161).

Como resposta á dificultade de penetrar aos carros de infantaría británicos (Matilda I e Matilda II) durante a batalla de Francia, os alemáns probaron un canón de 50 mm, baseado no canón antitanque 5 cm Pak 38, nun Panzer IV Ausf. D. Porén, coa súa rápida vitoria en Francia, o pedido orixinal de 80 carros de combate foi cancelado antes de que entrasen en produción.

En setembro de 1940 foi introducido o Ausf. E. Este tiña 50 mm de blindaxe na placa frontal, aínda que se lle aplicou unha placa de aceiro de 30 mm no glacis como medida provisional. Finalmente, a cúpula do comandante foi movida cara a adiante na torreta. Modelos mais vellos do Panzer IV foron adaptados con estas características ao volver do servizo. Foron fabricados 280 Ausf. entre decembro de 1939 e abril de 1941[11].

En abril de 1941 comezou a fabricación do Panzer IV Ausf. F. Tiña unha única placa de 50 mm na torreta e no casco, en lugar dos apliques engadidos ao Ausf. E, e un aumento adicional no lateral ata acadar os 30 mm. O peso do vehículo era agora de 22,3 toneladas, o que requiría unha modificación da anchura das cadeas de 380 ata os 400 mm para reducir a presión no chan. As cadeas máis anchas tamén facilitaron a colocación de cuñas para o xeo, e a roda traseira e o piñón dianteiro modificáronse. A designación Ausf. F foi cambiada pola de Ausf. F1, despois de que aparecese un modelo novo, o Ausf. F2. Un total de 464 Ausf. F (posteriormente F1) foron producidos dende abril de 1941 ata marzo de 1942, dos cales 25 converteríanse cara ao F2 na liña de produción.

Ausf. F2 a Ausf. J[editar | editar a fonte]

O 26 de maio de 1941, apenas unhas semanas antes da operación Barbarossa, durante unha conferencia con Hitler, decidiuse mellorar o armamento principal do Panzer IV. Krupp gañou o contrato para integrar novamente o canón Pak 38 L/60 de 50 mm na torreta. O primeiro prototipo foi entregado o 15 de novembro de 1941. En cuestión de meses, o sobresalto ao atoparse co carro medio T-34 e o pesado KV-1 soviéticos levou á necesidade dun novo canón máis potente. En novembro de 1941 a decisión de equipar o canón de 50 mm non foi adiante, e no seu lugar contratouse a Krupp para modificar xunto con Rheinmetall o seu canón anti-carro de 75 mm, posteriormente coñecido como 7,5 cm Pak 40 L/46. Debido a que a lonxitude de retroceso era demasiado grande para a torreta do carro, o mecanismo de retroceso e a cámara foron acurtados. Isto deu como resultado o KwK 40 L/43 de 75 mm. Ao disparar un proxectil perforante, a velocidade de saída do canón incrementábase de 430 m/s ata 990 m/s. Inicialmente o canón foi montado cunha única cámara, eun freo de boca en forma de bola, que proporcionaba algo menos do 50% da capacidade de freado de retroceso[12]. Ao disparar o Panzergranate 39, o KwK 40 L/43 podía penetrar 77 mm de blindaxe de aceiro a unha distancia de 1.830 m[13].

Panzer IV Ausf. F2

Os carros Ausf. F que recibiron o novo canón KwK 40 L/43 foron chamados Ausf. F2 (coa designación Sd.Kfz. 161/1). O vehículo incrementou o seu peso ata as 23,6 toneladas. 175 Ausf. F2 foron producidos dende marzo ata xullo de 1942. Tres meses despois de iniciarse a súa fabricación, o Panzer IV Ausf. F2 foi renomeado Ausf. G[14].

Durante o seu ciclo de produción dende maio de 1942 ata xuño de 1943, o Panzer IV Ausf. G pasou por varias modificacións, incluída outra mellora da blindaxe. Tendo en conta que o carro estaba chegando ao seu límite viable, para evitar un aumento de peso correspondente, as placas de aceiro aplicadas de 20 mm foron retiradas na súa blindaxe lateral, que no seu lugar aumentouse ata os 30 mm de base. O peso aforrado foi pasado ao blindaxe frontal, que tiña unha placa soldada (despois con parafusos) de aceiro de 30 mm, tendo así 80 mm en total. Esta decisión de incrementar a blindaxe frontal foi recibida favorablemente segundo informes de tropas o 8 de novembro de 1942, a pesar de problemas técnicos no sistema de condución debido ao aumento de peso. Nese momento decidiuse que o 50% da produción do Panzer IV sería equipada con placas adicionais de 30 mm. Posteriormente o 5 de xaneiro de 1943 Hitler decidiu que todos os Panzer IV deberían ter 80 mm de blindaxe frontal[15]. Para simplificar a fabricación, elimináronse os puntos de visión a ámbolos dous lados da torreta e na parte frontal dereita da mesma, mentres que se instalou un estante para dúas rodas de reposto na protección da cadea do lado esquerdo do casco. Como complemento, engadíronse soportes para sete elos das cadeas na placa do glacis. Para operar en lugares con temperaturas altas, mellorouse a ventilación do motor poñendo rendixas sobre a plataforma do mesmo na parte traseira do chasis, e para operar en frío engadiuse un dispositivo para quentar o refrixerante do motor, ademais dun inxetor de fluído de arranque. Unha nova luz substituíu os focos orixinais, e retirouse o porto de sinais da torreta. O 19 de marzo de 1943 exhibiuse o primeiro Panzer IV con blindaxe espazada Schürzen nos seus laterais e na súa torreta[16]. O zapón dobre da cúpula do comandante foi substituída por un zapón redonda sinxela dende o modelo Ausf. G., e a cúpula tamén se lle engadiu máis blindaxe. En abril de 1943 o KwK 40 L/43 foi substituído polo máis longo KwK 40 L/48 de 75 mm, cun redeseñado freo de boca con múltiples deflectores que melloraban o retroceso[17].

A seguinte versión, o Ausf. H, comezou a fabricarse en abril de 1943 coa designación Sd. Kfz. 161/2. Esta variante melloraba a blindaxe do glacis ao construírse cunha única placa de 80 mm. Para previr a adhesión de mnas anti-carro magnéticas, xa que os alemáns temían que puidesen ser usadas en gran número polos Aliados, engadiuse pasta Zimmerit en todas as superficies verticais[18]. Engadíuselle unha blindaxe adicional con faldóns de 5 mm no lateral e 8 na torreta[19]. Durante o ciclo de fabricación do Ausf. H, os rodetes das cadeas recubertos con pneumáticos foron substituídos por uns de aceir fundido e o casco foi equipado con soportes triangulares para os faldóns laterais[20]. Un burato no teito, deseñado para o Nahverteidigungswaffe, estaba tapado por unha placa circular blindada debido á escaseza desta arma. Estas modificación elevaban o peso do vehículo ata as 25 toneladas, reducindo a súa velocidade, unha situación que non mellorou coa decisión de adoptar a transmisión de seis velocidades SSG77 do Panzer III, que era inferior á do modelo anterior do Panzer IV[19].

Panzer IV Ausf. J

A pesar de abordar os problemas de mobilidade do modelo anterior, a derradeira versión de produción do Panzer IV, a Ausf. J, foi considerada un retroceso con respecto á Ausf. H. Nacido da necesidade alemá de substituír as graves perdas, foi enormemente simplificado para acelerar a súa produción[21]. O xerador eléctrico que alimentaba á torreta foi eliminado, polo que esta debía xirarse manualmente. O espazo foi posteriormente usado para instalar un tanque de combustible auxiliar de 200 litros; o alcance incrementouse así ata os 320 quilómetros[22]. Os portos de visión e de pistola da torreta foron eliminados, e a carcasa do radiador do motor foi simplificada cambiándolle os lados inclinados por uns rectos[23]. Ademais, o silenciador cilíndrico foi substituído por dous silenciadores de supresión de chama. Cara finais de 1944 non se aplicou máis o Zimmerit non vehícuos blindados alemáns, e os faldóns laterais do Panzer IV foron substituídos por mallas de arame. Para aumentar a produción o número de rodetes pasaría de catro a tres[24].

Nun intento de aumentar a potencia de fogo do Panzer, procurouse acoplar ao casco a torreta dun Panther co canón de 75 mm L/70 máis longo. Este intento non tivo éxito, confirmando que o chasis acadara os seus límites de adaptabilidade tanto de peso como de volume dispoñible[21].

Produción[editar | editar a fonte]

Orixinalmente o Panzer IV ía só ser usado a pequen escala, polo que inicialmente Krupp foi o seu único fabricante. Antes da campaña de Polonia só se fabricaran 262 unidades: 35 Ausf. A; 42 Ausf. B; 140 Ausf. C; e 45 Ausf. D[25]. Tras a invasión de Polonia, e coa decisión de adoptar o carro de combate como piar das divisións acoirazadas alemás, a produción estendeuse á fabrica de Nibelungenwerke (xestionada por Steyr-Daimler-Puch), na cidade austríaca de St. Valentin. A produción incrementouse cando apareceu o Ausf. E, con 223 vehículos entregados ao exército alemán[26]. Cara 1941, 462 Panzer IV Ausf. F foran montados, e o mellorado Ausf. F2 entrou en produción[27].

Cando apareceron os últimos modelos do Panzer IV iniciouse a produción nunha terceira factoría, Vomag, na cidade de Plauen. En 1941 fabricábanse unha media de 39 carros por mes; esta incrementouse a 83 en 1942, 252 en 1943, e 300 en 1944. Porén, en decembro de 1943 a fabrica de Krupp desviouse para construír o Sturmgeschütz IV e, na primavera de 1944, a de Vomag iniciou a produción do Jagdpanzer IV, deixando á de Nibelungenwerke como única planta que aínda montaba o Panzer IV[28]. Co lento colapso da industria alemá baixo a presión das ofensivas aliadas (en novembro de 1944 a fábrica de Nibelungenwerke foi gravemente danada durante un bombardeo), cara marzo e abril de 1945 a produción baixou aos niveis anteriores a 1942, saíndo só uns 55 vehículos por mes das liñas de montaxe[29].

Exportación[editar | editar a fonte]

O Panzer IV foi o carro de combate alemán máis exportado da segunda guerra mundial[30]. En 1942, Alemaña entregou 11 vehículos a Romanía e 32 a Hungría, moitos dos cales perdéronse na fronte oriental durante os últimos meses de 1942 e o principio de 1943[31]. Romanía recibiu aproximadamente 120 Panzer IV tde diferentes modelos durante toda a guerra[32]. Para armar a Bulgaria, Alemaña proporcionou 46[33] ou 91[34] Panzer IV, e ofreceu a Italia 12 carros para formar o núcleo dunha nova dicisión acourazada. Estes foron usados para adestrar a tripulacións italianas cando o ditador Benito Mussolini foi deposto, pero foron tomados polos alemáns durante a súa ocupación do país a mediados de 1943[33]. O goberno español solicitou 100 Panzer IV en marzo de 1943, pero só se chegarían a entregar 20 cara ao mes de decembro[35]. Finlandia mercou 30 unidades, pero só recibiu 15 en 1944, e ese mesmo ano enviáronse 62 ou 72 a Hungría (aínda que 20 deses carros foron desviados para substituír as baixas alemás). En total entregáronse preto de 300 Panzer IV de todos os modelos aos aliados alemáns[36].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Spielberger (1972), p. 69
  2. Caballero & Molina (2006), p. 5
  3. Perrett (1999), p. 4
  4. Jentz (1997), p. 1
  5. 5,0 5,1 Perrett (1999), p. 5
  6. Spielberger (1972), p. 70
  7. de Mazarrasa (1994), p. 46
  8. Perrett (1999), p. 5; Caballero & Molina (2006), p. 6
  9. Caballero & Molina (2006), p. 6
  10. Perrett (1999), p. 6; Caballero & Molina (2006), p. 7
  11. Perrett (1999), p. 6
  12. Doyle & Jentz (2001), p. 7
  13. Spielberger (1972), p. 73
  14. Doyle & Jentz (2001), p. 8
  15. Spielberger (1993), p. 59
  16. Spielberger (1993), p. 63
  17. Doyle & Jentz (2001), p. 12
  18. Caballero & Molina (2006), p. 44
  19. 19,0 19,1 Perrett (1999), p. 8
  20. Doyle & Jentz (2001), p. 13
  21. 21,0 21,1 Perrett (1999), p. 9
  22. Caballero & Molina (2006), pp. 53–54
  23. Doyle & Jentz (2001), p. 14
  24. Doyle & Jentz (2001), p. 15
  25. Perrett (1999), pp. 5–6
  26. Caballero & Molina (2006), p. 33
  27. Caballero & Molina (2006), p. 36
  28. Spielberger (1972), p. 72
  29. Doyle & Jentz (2001), p. 16
  30. Caballero & Molina (2006), p. 63
  31. Caballero & Molina (2006), pp. 63–66
  32. Scafes and Serbanescu 2005, p.78
  33. 33,0 33,1 Caballero & Molina (2006), p. 66
  34. Doyle & Jentz (2001), p. 41; Perrett (1999), p. 44, afirma que Bulgaria recibiu 88 Panzer IV.
  35. Caballero & Molina (2006), pp. 76–82
  36. Caballero & Molina (2006), p. 67