O Matilda II (Infantry Tank Mark II) foi un carro de combate de infantaría británico da segunda guerra mundial. Serviu dende o principio ata o final de conflito e asociouse particularmente á campaña do norte de África. Foi substituído no servizo polo Valentine. Coa súa blindaxe pesada o Matilda II foi un excelente carro de combate de apoio á infantaría, pero estaba limitado pola súa velocidade e armamento.
Cando o anterior Infantry Tank Mark I, tamén coñecido como "Matilda", foi retirado do servizo o Infantry Tank Mk II pasou a ser coñecido sinxelamente por ese nome.
A primeira suxestión para un gran carro de infantaría foi realizada en 1936, coa especificación A12 e o contratista foi decidido a finais de ano.
O Infantry Tank Mk II foi deseñado no Royal Arsenal, en Woolwich para a especificación do Estado Maior A.12 e construído por Vulcan Foundry. O deseño estaba baseado no A7 (que comezara a desenvolverse en 1929) en lugar de no Infantry Tank Mk I, que era un carro de dous homes cunha única metralladora como armamento.
Cando a guerra fíxose inminente, ordenouse a produción do Matilda II e restrinxiuse a do Matilda I. O primeiro pedido, de 140 unidades fabricadas por Vulcan Foundry, foi realizado pouco despois de que se rematasen as probas a mediados de 1938.