Os mozos da rúa Panisperna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os mozos da rúa Panisperna (en italiano I ragazzi di via Panisperna) é o nome co que se coñece un grupo de físicos italianos, case todos rapaces moi novos, liderados por Enrico Fermi na primeira metade do século XX.

Historia[editar | editar a fonte]

O grupo ten a súa orixe na vontade do físico e político Orso Maria Corbino, senador e director do Instituto de Física da Universidade de Roma. Corbino, coñecedor do labor investigador de Fermi, decide propor para el a primeira cátedra de Física teórica en Italia, en 1926, localizada no Instituto que el dirixía, e que naquela altura tiña enderezo na romana rúa Panisperna. A partir de 1929 Fermi e Corbino dedicáronse a transformar o Instituto nun centro de investigación avanzado e moderno, co cal comezan a reunir a moi novas promesas da física italiana teórica (Ettore Majorana) e mais experimental: Edoardo Amaldi, Franco Rasetti, Emilio Segrè, Bruno Pontecorvo e o químico Oscar D'Agostino (estes dous, a partir de 1934).

As súas pescudas traballaron a espectroscopia atómica e molecular, centrándose no estudo do núcleo atómico. Obtiveron neutróns irradiando berilio con partículas alfa de radon, e bombardearon con eses neutróns distintas substancias estábeis, que foron converténdose en radioactivas. Dende o punto de vista teórico, desenvolveron os modelos do que se coñece como forzas de Majorana e a teoría da emisión beta, resultado das investigacións de Fermi entre 1933 e 1934. Aos mozos da rúa Panisperna débeselle tamén o descubrimento en 1934 das propiedades dos neutróns lentos, que se sitúan na base dos desenvolvementos posteriores de reactores nucleares e da bomba atómica.

En 1936 Corbino creou o Instituto de Electroacústica dentro do mesmo edificio. Co falecemento de Corbino en 1937 comeza o proceso de disgregación do grupo, empurrado fundamentalmente polo goberno de Mussolini e as súas políticas racistas. Así, nas vésperas da segunda guerra mundial, a maior parte dos investigadores se exiliaron a centros de investigación ao estranxeiro: Rasetti á Universidade de Laval (Quebec), Segrè a Berkeley, Fermi á Universidade de Columbia, Pontecorvo a París, Majorana desaparecido e nunca máis visto etc. Só D'Agostino e Amaldi permaneceron en Italia; este segundo participou na reconstrución da investigación na posguerra e na creación do CERN.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]