Orquídea púrpura pequena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A orquídea púrpura pequena, Orchis ustulata,[1] L. 1753 é unha especie incluída no xénero de orquídeas Orchis da subfamilia Orchidoideae da familia das Orchidaceae. Distribúense por Europa. Son de hábitos terrestres e teñen tubérculos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ilustración.

As follas son oblongas cunha lonxitude de 5 cm, medra dende os nódulos subterráneos que teñen un tamaño máximo de 6 cm e son redondos

As inflorescencias, que son erectas en espiga, saen da roseta basal de follas estando cuberto o talo en 1/3 por unha bráctea cor verde clara. Presenta unha densa floración con flores pequenas. O tres sépalos son iguais en tamaño estando soldados polos lados quedando os ápices soltos e forman unha especie de gorra que cobre a columna. Os sépalos presentan unha cor púrpura escura que nos bordos vira a esbrancuxada na face, e de cor branca con motas púrpuras no envés. O labelo sobresae debaixo do casco 2/3 partes, é de cor branca con algunhas motas de cor púrpura grosas e dispersas. O labelo presenta unha indentación no extremo da parte inferior con dous lóbulos lixeiramente cara arriba. Tamén presenta dous lóbulos, un a cada lado na parte superior que están lixeiramente arqueados cara arriba. Ten dous pétalos máis moi reducidos. Florece dende abril até xuño. A cor pode variar en intensidade dos tons púrpuras.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Desenvólvese en prados e terreos á luz solar directa ou media sombra.

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

Roseta foliar.

A fariña dos seus tubérculos chamada salep é moi nutritiva e demulcente. Úsase en dietas especiais de convalecentes e nenos. É moi rica en mucílago e forma unha demulcente e suave xelatina que se usa para a canle gastrointestinal irritada. Unha parte de fariña con cincuenta partes de auga son suficientes para formar a xelatina. O tubérculo para preparar a fariña debe ser colleitado cando a planta está recentemente seca despois da floración e cando soltou as sementes.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Orchis ustulata foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 941. 1753.[2]

Etimoloxía

As orquídeas reciben o seu nome do grego όρχις orchis, que significa testículo, pola aparencia dos tubérculos subterráneos nalgunhas especies terrestres. A palabra orchis usouna por primeira vez Teofrasto (371/372 - 287/286 a. C.), no seu libro De historia plantarum (Historia natural das plantas). Foi discípulo de Aristóteles e está considerado como o pai da Botánica e da Ecoloxía.

ustulata: epíteto latino que significa «queimado», «de lume».

Sinonimia
  • Orchis amoena Crantz 1769
  • Orchis columnae F.W.Schmidt 1795
  • Orchis parviflora Willd. 1805
  • Orchis hyemalis Raf. 1817
  • Orchis imbricata Vest 1824
  • Neotinea ustulata (L.) R.M.Bateman, Pridgeon & M.W.Chase 1997

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha no libro Guía das orquídeas de Galicia de Carlos Cortizo Amaro e Elvira Sahuquillo Balbuena. 2006, Baía Edicións
  2. "Orchis ustulata". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 7 de abril de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Leroy-Terquem, Gerald e Jean Parisot. Orchids: Care and Cultivation. Londres: Cassel Publishers Ltd., 1991.
  • Schoser, Gustav. Orchid Growing Basics. Nova York: Sterling Publishing Co., Inc., 1993.
  • White, Judy. Taylor’s Guide to Orchids. Frances Tenenbaum, Series Editor. Nova York: Houghton-Mifflin, 1996.
  • Alec Pridgeon. The Illustrated Encyclopedia of Orchids. Publicado por Timber Press.
  • Bechtel, Cribb e Launert. The Manual Of Cultivated Orchid Species Publicado por MIT Press.
  • Williams, N. H. A reconsideration of Ada and the glumaceous brassias. Brittonia 24: 93–110. 1972