O triángulo inscrito na circunferencia
O triángulo inscrito na circunferencia | |
---|---|
Título orixinal | O triángulo inscrito na circunferencia |
Autor/a | Víctor Freixanes |
Orixe | Galicia |
Lingua | Lingua galega |
Xénero(s) | Narrativa |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | Decembro de 2018 (2ª) |
Formato | Tapa branda con lapelas |
Páxinas | 508 |
ISBN | ISBN 978-84-9151-298-1 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
O triángulo inscrito na circunferencia é unha novela en lingua galega de Víctor Freixanes, publicada en decembro de 1982 pola Editorial Galaxia.
Edicións
[editar | editar a fonte]A primeira edición de Galaxia (ISBN 84-7154-416-4) é de decembro de 1982, con 453 páxs. Tiráronse 5000 exemplares encadernados en rústica e 500 en edición non venal destinados ao Concello de Mugardos. A terceira edición (ISBN 978-84-7154-416-2) é de xaneiro de 1987.[1]
En decembro de 2018 Galaxia publicou unha segunda edición revisada, con 508 páxinas e ISBN 978-84-9151-298-1.[2]
Foi traducida ao castelán por Basilio Losada como El triángulo inscrito en la circunferencia, publicada en 1984 por Argos-Vergara: ISBN 9788471787798.
Proxección
[editar | editar a fonte]1982: Premio Blanco Amor de novela
1983: Premio da Crítica Galicia na categoría de creación literaria e Premio da Crítica Española.
Gonzalo Torrente Ballester, presidente do xurado do Premio Blanco Amor, escribiu: "Un exemplo de dominio da lingua e da fantasía. Un está sempre agardando e desexando que que estas cousas aparezan en Galicia". E Benito Varla Jácome (membro do mesmo xurado): "Unha conquista da lingua e da literatura galegas, comparable ás grandes novelas do noso tempo".[3]
Segundo Xesús González Gómez é "a mellor novela galega desde Xente ao lonxe.[4] Daniel Asorey definiu O triángulo como un «artefacto literario que petou na literatura galega de maneira contundente».[5]
Ramón Nicolás fala de fusión máxica entre o real e o imaxinado, da tonalidade épica que a domina, de vontade de construír unha parábola do país e de tensión explícita entre o inmobilismo e a necesidade de cambio.[6]
Trama
[editar | editar a fonte]Primeira parte.
14 de agosto de 1829, en Vilanova de Alba sae a procesión de Corpus na capital dos navegantes galegos. Cóntase de don Bartolomé e os seus sucesores. Tamén se lembra a importancia dos portos galegos e os grandes navegantes da mar galega. Don Bartolomé foi quen descubriu o estreito de San Vicente, logo estreito Maire, en 1583, feito que sempre reivindicaron os mariñeiros galegos. Hai unha profecía: don Bartolomé voltará do mar acompañado dos grandes navegantes galegos. Fálase do encontro de Drake con don Bartolomé.
Ten moita importancia a familia Mariño, da que don Gonzalo é o último representante. Quinteiro Malvido investiga a historia da familia e a represión absolutista de 1824. Compostela aparece retratada como a cidade dos cregos e do obscurantismo fronte á revolución e a liberdade de Vilanova.
Don Gonzalo Mariño olla a procesión de Corpus de Vilanova. Prodúcese un estoupido forte, hai que salvar a cruz, a custodia encargada por don Bartolomé. O licenciado Santos Oliveira xa se ve na Apocalipse. Cóntase a historia da cadeira de madeira descoñecida que lle apareceu aos Mariño na mar. Hai moitos mortos e feridos nos peiraos, hai medo dos dominadores á revolución dos mariñeiros. Cando don Gonzalo volve á casa cóntanlle que a profecía se cumpre, que volve don Bartolomé. Mentres os revolucionarios queiman as industrias catalás de conservas, Quinteiro Malvido e os demais reúnense na bilbioteca da casa de Santa Cruz arredor do Triángulo. Hai ruídos fortes de mar e unha aparición que só di "Oliveira", antes de esvaerse, polo que todos van considerar a Oliveira (ausente no momento) o único médium posible.
Segue a acción nunha taberna. Oliveira imaxina a volta de don Bartolomé, lembra a figura do piloto-gaiteiro Xohán de Boimorto que acompañou a don Gonzalo nas descubertas no tempo do rei Filipe. Oliveira traballa na casa de Santa Cruz, dos Mariño. O Cego das Viñas canta os feitos de cando as Naus Aparecidas saíron do nada e derrotaron os franceses. Quique da Gándara dálle un golpe a Oliveira que o deixa entre a vida e a morte
2ª parte.
Ese 14 de agosto Quique da Gándara bótase ao monte e xuntarase á partida de Baptista para atacaren as factorías de peixe. Cóntase a histora de Baptista: a guerra contra o francés, a volta sen familia, os cataláns, o monte. Hai preocupación no grupo de reunidos na biblioteca do pazo pola saúde de Oliveira e soñan coa volta de don Bartolomé para que lidere a Baptista e os que andan no monte. O tío Evaristo é o último navegante da caste e insístelle a don Gonzalo en que siga a Quinteiro. Os miles de pombas da casa de Santa Cruz presaxian a ruína da familia.
Cóntase a verdadeira historia do Diluvio (as sete naves) e a importancia das pombas nas historias de navegación. Lémbrase a figura de don Sebastián (descendente de don Bartolomé): foi tratante de escravos e mandou a frota do tesouro das Indias, vencendo os corsarios holandeses. Cando volven os holandeses aparece a nave branca de don Bartolomé, falan os dous e aparecen miles de pombas no barco e os inimigos pendurados nos mastros. Son as mesmas pombas que agora aparecen de novo. Morre don Sebastián e o seu fillo, don Enrique, será quen lle conta a historia ao sobriño don Gonzalo. Oilveira segue doente, ve en soños a Santa Compaña dos navegantes galegos e lembra as súas fazañas.
Aparece o xigante Masma, cóntase dos fuxidos ao monte, do exército rebelde e de como case se constrúe unha relixión. Quinteiro entrevístase cos ingleses para conseguir armas. Medra o culto a don Bartolomé. Xúntanse uns 10000 mil homes armados, mais en Compostela xa estás avisados.
Cóntase a historia de Vilanova e doutras cidades do mar, da liñaxe dos Mariño: don Bartolomé (froito do amor dun galego cunha serea) funda a liñaxe, renovarase a estirpe, volverá don Bartolomé. O triángulo inscrito na circunferencia é a orixe do saber, da enerxía. Don Xerome, o cura desta cidade que non vén nos mapas, tamén cre na nova fe.
O gobernador de Vilanova da conta dos sucesos do día 14 e da formación dun exército nos montes, pide axuda a Compostela.
3ª parte.
Eran os días da Revolucion: 6 capítulos.
Apéndice único.
Onde o autor cerra de vez a curva da circunferencia e a memoria aboia, extraviada, no mar dos espellos.
Narración
[editar | editar a fonte]Espazo
[editar | editar a fonte]A obra está ambientada en Vilanova de Alba, unha cidade galega imaxinaria, situada na costa das Rías Baixas. Nela está o pazo de Santa Cruz, da liñaxe dos mariñeiros de Lobeira de Alba. Son moitos os datos concretos que fan pensar que Vilanova de Alba é un trasunto da cidade de Pontevedra, espazo da infancia do autor. Para o autor: "Vilanova de Alba é unha parábola dos galegos, de Galicia, e en especial da zona das Rías Baixas. Aquela Galicia derrotada, pero que non renuncia malia todo a ser ela mesma".[7]
Trala batalla entre as tropas leais ao goberno e á igrexa chegadas de Santiago de Compostela, a vila é queimada e desaparece non só fisicamente, senón dos mapas e da historia, pasando a ser unha cidade imaxinaria. En certa medida é algo semellante ao que acontece na Saga/fuga de J.B. de Gonzalo Torrente Ballester con Castroforte del Baralla.
Hai unha clara oposición de Vilanova de Alba, a revolución, con Compostela, a represión e o absolutismo. Para Armando Requeixo: "Sempre entre o real e o imaxinario, o mítico e o lendario, a súa particular mestura entre realidade e ficción ten como epicentro a casa de Santa Cruz, pazo da saga dos Mariño nunha imaxinaria Vilanova de Alba, enfrontada a Compostela e a todo o que esta representa: Vilanova de Alba é ocorazón do Mar, a liberdade, a apertura, a posibilidade de escribir a nosa propia Historia; pola contra, Compostela encarna o poder opresor, a manipulación das nosas vidas, a Historia imposta".[8]
Tempo
[editar | editar a fonte]A trama desenvólvese principalmente na Década Ominosa, na restauración do absolutismo tralo Trienio liberal. Xorde en Galiza unha oposición ao absolutismo e ao catolicismo, creándose unha rede de guerrillas con orixe na organizada anos antes na guerra da independencia española. Porén, hai numerosas referencias á historia da vila desde a idade media, cando un rei castelán lle dá un foro de vila e se converte na principal poboación mariñeira, até a idade moderna.
Son tres planos, o da Década Ominosa, o da historia de don Bartolomé e aquel no que está situado o narrador dialogando cos personaxes.
Narrador
[editar | editar a fonte]Segundo Dolores Vilavedra "a omnipresencia da voz narrativa permítelle articular e controlar o amplo abano de rexistros que ocupan o nivel discursivo. Ese constante exercicio das súas funcións narrativas xustifícao aorientando pola diéxese a un lector ó que apela constantemente, obrigándoo a fixarse nun determinado aspecto, avisándoo da relevancia do que vai narrar a continuación".[4] Hai abundantes chiscadelas ao lector: xa falaremos disto, ti comprenderás, xa o vimos.
Predomina un ton elexíaco de canto ao mar e os mariñeiros galegos.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Dolores Vilavedra engade "O enfoque colectivo que predomina na novela fai que os personaxes carezan de profundidade psicolóxica e que resulten un tanto ensombrecidos pola hiperactividade da voz narrativa, e pola proxección constante da figura mítica de don Bartolomé",[4] descubridor no século XVI dun estreito que une o océano Atlántico co océano Pacífico.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O triángulo inscrito na circunferencia". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ "O Triángulo inscrito na Circunferencia". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ Freixanes, Víctor (1982). O triángulo inscrito na circunferencia. Galaxia. p. contraportada. ISBN 84-7154-416-4.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. III. Obras. Ed. Galaxia. p. 466. ISBN 8482883658. OCLC 469752584.
- ↑ "«O triángulo inscrito na circunferencia»: Fito literario vixente tras 37 anos". La Voz de Galicia. 2019-02-19. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ Nicolás, Ramón (01/03/2019). "Ex umbra solem. A "Alabarante Luzarada"". La Voz de Galicia.
- ↑ "'Vilanova é esa Galicia derrotada que non renuncia malia todo a ser ela mesma'. Galicia.". www.elmundo.es. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ "Lemos 'O triángulo inscrito na circunferencia', de Freixanes. CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2019-02-27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Freixanes reedita O triángulo inscrito na circunferencia. TVG 20/02/2019.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Renales Cortés, J.: "Algunas claves histórico-míticas para una novela gallega". Revista de Filología Románica, vol. 11-1984. Editorial Universidad Complutense de Madrid.
- Renales, Juan. "A narrativa de Víctor F. Freixanes (1988-1993): a meditación sobre o tempo". Grial, 127. Consultado o 26/02/2019.
- Capelán Rei, Antón (01-1990). "Presencia da obra de Alejo Carpentier en "O triangulo inscrito na circunferencia"" (PDF). minerva.usc.es. ISSN 0214-9117. Consultado o 26/02/2019.