O gato con botas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O gato con botas
Ilustración do conto.
Título orixinal"Il gatto con gli stivali
Autor/aGiovanni Francesco Straparola; Giambattista Basile; Charles Perrault
Ilustrador/aGustave Doré
OrixeItalia, Francia
LinguaItaliano, francés
ColecciónStories or Tales of Past Times with Morals: Tales of Mother Goose (Histoires ou contes du temps passé, avec des moralités: Contes de ma mère l'Oye)
Tema(s)Conto
Xénero(s)Conto de fadas, literatura infantil
EditorialBarbin
Data de pub.Xaneiro de 1697; (1729 en inglés); (século XX en galego)
editar datos en Wikidata ]

O gato con botas é un conto popular europeo. A versión máis antiga recollida é a do autor italiano Giovanni Francesco Straparola, que incluíu este reallto en The Facetious Nights of Straparola no século XIV-XV. Despois foi recopilado en 1697 por Charles Perrault no seu Contos de mamá ganso (Contes de ma mère l'Oye) coma O gato mestre e anteriormente en 1634 por Giambattista Basile coma Cagliuso.

Resumo do enredo[editar | editar a fonte]

O repartimento da herdanza dun vulgar muiñeiro non deixou a seu fillo Benxamín máis ca o gato do celeiro. Decepcionado, o coitado do fillo considerou comelo para non morrer coa fame, mais o micho resultou estar cheo de recursos, e díxolle: «Non debedes vos aflixir, meu señor, non tedes máis que me fornecer unha saqueta e un par de botas para andar pola matogueira, e veredes que a vosa herdanza non é tan cativa coma credes.» O fillo do muiñeiro non cabilou moito e decidiu seguir o seu consello. O gato, galantemente calzado, coa saqueta ao lombo atada no pescozo, encamiñouse axiña ata un tobo onde apañou un coello. Así puxo o seu gran proxecto en marcha, indo ao palacio e amosando a súa caza ao rei:

«Eis, Maxestade, un coello bravo que o Señor Marqués de Carabás (que e o nome que se lle ocorreu dar ao seu amo) me encargou ofrecerlle da súa parte». Co agasallo dunha parella de perdices e outros obsequios, sempre de parte do Marqués de Carabás, o gato con botas logo soubo cando o rei maila súa fermosa filla pasearían pola beira do río:

«Se seguides o meu consello poderedes facer fortuna —díxolle o gato ao seu amo—; só tedes que vos meter no río no lugar que eu vos indique e despois deixádeme actuar.»

Así segue o famoso intre no que a fábula dá un xiro; o gato comeza a berrar «Socorro! Acudídeme! Que o Marqués de Carabás afoga!» Deste xeito, o fillo do muiñeiro, espido, foi envolvido en ropaxes rexias e subido no coche de cabalos do propio rei, revelándose a fábula co aplomo e divertido enxeño característicos de Perrault.

O gato adiantouse entón á comitiva real e dirixiuse ás terras dun poderoso ogro.

Aos labregos que estaban a traballar nelas díxolles: «Boa xente que estades a colleitar, se non dicides que todas estas leiras pertencen ao Marqués de Carabás, esmagareivos coma carne de chouriza.» Cando a carruaxe do rei pasou xunto aos campesiños e a Súa Maxestade preguntou quen era o dono daquelas terras, todos eles responderon: «Son do señor Marqués de Carabás».

Mentres tanto o gato chegou ao palacio do ogro e pediu audiencia. Os gardas, desconcertados pola aparencia do gato parlante, abriron a porta inmediatamente e o levaron perante o seu señor.

Cando estiveron sentados, o gato díxolle: «Disque que vos tedes o don de vos converter en calquera clase de animal; que podíades, por exemplo, vos transformar en león, en elefante.» Afagado, o ogro díxolle que era certo, e de súpeto se transformou nun ruxinte león para demostrar as súas habilidades. O gato retoulle logo a se transformar nun animal moi pequeno, «nun rato, nunha rata». Devecendo por impresionar ao seu convidado, o ogro respondeulle converténdose nun rato, así que o fixo o gato colleuno polo rabo e tragouno enteiro.

Entón reclamou o palacio do ogro coma fogar para o recentemente nomeado Marqués e recibiu o rei coa súa filla. Ao final o Marqués consegue a princesa, e «o gato converteuse en gran señor, e xa non foi máis tralos ratos agás para se divertir.»

Análise[editar | editar a fonte]

Segundo o sistema de clasificación de contos de Aarne-Thompson, O gato con botas é de tipo 545B, O gato como axudante.

Malia a súa popularidade, a dubidosa moralidade da historia, ou en realidade a ausencia dela, fixeron que tradicionalmente o conto fose menos interesante de analizar ca outras historias da época. Comparado co rico material que fornecen A Bela Dormente ou Barbazul, O gato con botas é considerabelmente máis alegre no ton. Perrault era coñecido certamente polas súas tendencias moralistas, porén se realmente hai unha lección por aprender nO gato con botas, semella ser que o engano e a mentira dan beneficios máis axiña e xenerosamente ca o traballo duro e o talento.

Para algúns lectores actuais, a nota eticamente discordante é cando o gato ameaza aos campesiños que traballan para o ogro, obrigándoos a dicir que traballan para o Marqués de Carabás. Nunha versión moderna, o gato con botas chega a un acordo cos campesiños polo que se din seren servos do Marqués de Carabás entón el libraraos da tiranía do cruel ogro. Isto eleva considerabelmente o ton moral da historia.

Tamén se pode considerar esta historia para fins didácticos de administración de empresas, todo "xefe" ou "xerente" nalgún momento deberá "confiar" ou "delegar" traballos a un subalterno. Darlle a oportunidade a alguén de nos axudar pode ser a clave na nosa vida que nos faga prosperar.

Noutras interpretacións o gato con botas representa o xogo da natureza racional e animal no fado do home. O gato é un animal humanizado, non só camiña ergueito senón que tamén fala, é un animal que razoa e que libera os seus instintos cando é necesario, na historia cando ameaza os campesiños ou se come o ogro transformado en roedor.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Ludwig Tieck fixo unha versión teatral satírica en 1797 desta obra.

Le Chat botté (O gato con botas). Esta obra foi adaptada por Ánxeles Cuña e representada teatralmente por Sarabela Teatro en galego (A gata con botas, 2004)

Como se amosa arriba, a versión ilustrada de Gustave Doré é moi coñecida por captar o suave ton satírico da historia.

Un filme animado titulado El gato con botas foi lanzado directamente en vídeo en 1999 por Plaza Entertainment.

O gato con botas apareceu coma un personaxe no filme Shrek 2 (coa voz tanto en inglés coma en castelán de Antonio Banderas). Aparentemente, considerouse o gato coma elección obvia para asasinar a Shrek, que é un ogro, pois xa matara a un famoso antes. Porén, non tenta ningún enrevesado truco desta vez, senón que fai un ataque frontal aberto contra Shrek, aínda que a súa táctica de facer que o inimigo baixe as súas defensas adoptando un aspecto inocente de michiño coitado é tamén extremadamente efectiva. Ademais é español no canto de francés: «El gato con botas» e non «Le chat botté».

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]