O coelliño branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O coelliño branco
Autor/aXosé Ballesteros
Ilustrador/aÓscar Vilán
OrixePontevedra (España)
LinguaGalego
ColecciónOs contos do trasno
Tema(s)Amizade, valores, valentía
Xénero(s)Conto popular, literatura infantil
EditorialKalandraka
Data de pub.1998
FormatoCapa dura (22x22 cm)
Páxinas26

O coelliño branco é un álbum ilustrado por Óscar Vilán, adaptado por Xosé Ballesteros a partir dun conto popular portugués. Foi publicado pola editorial Kalandraka en 1998, e galardoado con numerosos premios como o Premio Nacional de Ilustración no ano 1999.

Trama[editar | editar a fonte]

A historia trata dun coelliño que, tras ir buscar coles á súa horta para facer un caldiño, cando volve á casa, se topa coa Cabra Cabresa, unha cabra moi grande que non o deixa entrar, quen lle di “- Eu son a Cabra Cabresa, e se non marchas, sáltoche por riba da cabeza-”. Nese momento, o coelliño emprende a súa aventura na procura de alguén que o axude; polo camiño, vaise topando con diferentes animais, pero ningún se atreve a facelo. Finalmente, atópase cunha formiga do máis valorosa que logra que a cabra fuxa e deixe o coelliño tranquilo, o que reflicte que polo feito de ser grande, non hai que abusar dos demais e que, polo feito de ser pequeno/a, non hai que ser nin menos valente nin menos astuto. Ao final da obra aparecen todos os animais que o coelliño fora encontrando polo camiño cun gran sorriso pola fazaña da formiga.

Edición[editar | editar a fonte]

Presenta un formato cadrado (22×22 cm) de pouco volume, cunha cuberta dura. Tanto a cuberta como a contracuberta teñen un fondo fucsia, onde, por un lado, aparece o protagonista da obra: o coelliño branco e, pola contra, o debuxo da formiga. Na garda dianteira, sobre un fondo morado, aparecen na parte superior as grandes orellas entrelazadas do coelliño e, na garda traseira, aparecen na parte inferior, as patiñas da formiga.

Destaca o seu texto por xoga coa rima, creando para un texto áxil, divertido e moi fácil de memorizar polos nenos, xa que a estrutura se vai repetindo ó longo de toda a narración.

Ilustracións[editar | editar a fonte]

As ilustracións que aparecen neste conto son realistas á vez que divertidas, acompañando moi ben o relato, transmitindo o que acontece sen necesidade da lectura do texto, podendo seguir ben a historia simplemente por medio das imaxes. As personaxes e ambientes aparecen sobre un fondo de cor fucsia, con cores rechamantes. Tamén se xoga con tamaños e proporcións desmesuradas para destacar certos trazos dos personaxes, o que chama realmente a atención. A técnica empregada (témpera) aporta carácter e orixinalidade ós debuxos.

Potencialidades educativas[editar | editar a fonte]

Conto baseado na repetición, con gran número de xogos de palabras e rimas, o que favorece a memorización, a participación e anticipación dos/as oíntes, á vez que se traballa a conciencia fonolóxica. (Repetición dos animais que atopa o coello branco, que un tras outro lle din que non o axudarán, e repetición da historia polo coello branco).

Conta con ilustracións moi rechamantes e que axudan a que os nenos/as sexan capaces de seguir a historia.

Danse a coñecer algúns dos animais que podemos atopar no rural.

Trabállanse aspectos do currículo como son os tamaños (pequeno e grande).

Trabállase o tema da amizade e a solidariedade á vez que se axuda a que os nenos/as sexan capaces de desenvolver a empatía fronte situacións de abuso.

O texto, baseado nunhas rimas divertidas e sonoras, complementa as ilustracións, que reflicten perfectamente unha historia sobre a valentía, non só ó enfrontarse á cabra, senón tamén a de pedir axuda.

Fai reflexionar os nenos/as sobre como o aspecto físico ou o tamaño non é determinante para ser valente se non que iso depende de outros factores.

A obra foi traducida a moitos idiomas como o portugués, inglés, éuscaro, catalán, castelán, galego e italiano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ballesteros, Xosé, (adapt) (2015). O coelliño branco, Ilust. Óscar Vilán. Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno, [26 pp.] (ISBN 978-84-8464-548-1)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]