O Rapote, Broño, Negreira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O Rapote
ParroquiaBroño
ConcelloNegreira
Poboación38 hab. (2011)

O Rapote é unha aldea da parroquia de San Martiño de Broño, no concello coruñés de Negreira.

Localización[editar | editar a fonte]

Situada ao norte da parroquia, esta aldea atópase nos lindeiros co concello da Baña e coas parroquias de San Mamede da Pena e de San Vicenzo de Aro. Dende O Rapote vese ao completo o Monte da Pena - Feáns, quizais o punto máis alto do concello de Negreira e dende cuxos cumes podemos divisar unha extensísima panorámica, alcanzando a avistar lugares tan distantes como Santiago de Compostela, o Pico Sacro, Santa Comba, o Val de Barcala na súa plenitude, e en xeral boa parte do concello negreirés. A esta montaña pódese acceder por multitude de pistas e camiños, moitos dos cales foron abertos trala creación en 2004 do parque de captación de enerxía eólica do Corzán.

Os núcleos de poboación máis próximos son Feáns e Broño, a uns douscentos metros de distancia cada un. Con estas dúas aldeas, O Rapote comparte a festividade de San Miguel (29 e 30 de setembro), que ten como característica que se celebra soamente na metade da parroquia. Cabe citar aquí as outras tres aldeas da parroquia: San Martiño, Redemuíños e Trasbarcala. Mención á parte merece a Casa de Antelo, un fermoso pazo con capela situado entre as parroquias bañesas de Ordoeste e Seoane que pertence á parroquia de Broño.

A aldea está cruzada en boa parte polo Camiño de Santiago - Fisterra, en auxe nos últimos tempos e máis de cara ao Ano Santo Xacobeo 2010.

Conta cun total de quince casas, as cales están distribuídas moi desigualmente, contando un núcleo principal que aglutina a maioría. Outras vivendas atópanse a maior distancia deste núcleo orixinario; porén, cómpre destacar que son construcións de recente creación, e víronse favorecidas pola importante emigración exterior, fundamentalmente dirixida cara o continente europeo na segunda metade do século XX.

Economía[editar | editar a fonte]

No Rapote predominou até hai poucos anos o sector primario, esencialmente gandeiro. Non obstante, este atópase nun detrimento significativo, e a día de hoxe podemos observar só tres casas con explotacións de gando vacún, maioritario na comarca. Malia isto, en boa parte dos fogares críanse animais destinados ao consumo propio (porcos, coellos, galiñas...).

Paisaxe[editar | editar a fonte]

Cómpre salientar o aceptable estado dos montes que rodean a aldea. A súa rede de camiños permite andar en plena natureza sen distanciarse moito de zonas habitadas. Unha das sendas máis percorridas é a do Camiño que leva a Fisterra, pola que pasan peregrinos todo o ano na súa viaxe cara a fin do mundo, e tamén excursionistas a miúdo. Actualmente, esta vía atópase nun estado óptimo á altura da localidade do Rapote (agás algún tramo afectado polas intensas precipitacións caídas o inverno pasado), e permite, ademais de ir a pé, poder pasar con bicicleta sen riscos.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Broño[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Broño no concello de Negreira (A Coruña)

Broño | Casa de Antelo | Feáns | O Rapote | Redemuíños | San Martiño | Trasbarcala

Parroquias de Negreira[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Negreira

Alvite (San Tomé) | Aro (San Vicenzo) | Arzón (San Cristovo) | Broño (San Martiño) | Bugallido (San Pedro) | Campelo (San Fins) | Campolongo (Santa Cruz) | Covas (Santa María) | Gonte (San Pedro) | Landeira (Santo Estevo) | Liñaio (San Martiño) | Logrosa (Santa Baia) | Lueiro (Santa Baia) | Negreira (San Xián) | A Pena (San Mamede) | Portor (Santa María) | Xallas (San Pedro) | Zas (San Mamede)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]