Noa (lingüística)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Noa é o termo permitido cando unha designación non se pode utilizar por ser considerada tabú, é dicir que acarrea castigos ou perigo polo menos.

O vocábulo noa procede de linguas polinésicas, como o seu antónimo tabú, este propiamente significa "sagrado" e indica algo prohibido polo seu carácter sagro, interdición que se estende á mesma palabra que designa ese algo. Noa é o termo que substitúe ao prohibido. Nalgunhas linguas, como o francés úsase para este concepto o sintagma mot taboué, que en castelán tense traducido por palabra tabuizada.

A introdución de noa para referirse a certas realidades lingüísticas existentes no galego, débese ao polígrafo Xesús Alonso Montero, nun artigo do ano 1969. Alonso Montero empregou os conceptos desenvolvidos por Otto Jespersen nunha publicación do ano 1947.

Eufemismo e noa[editar | editar a fonte]

En canto eufemismo designa un termo ou unha expresión que substitúe outra real, pero que non se debe pronunciar, semellaría que sobraría noa como vocábulo técnico. Porén o campo semántico do eufemismo abrangue un rango maior, pois o termo ou a expresión eufemística substitúen un amplo elenco de termos que se refiren en moitos casos a regras de urbanidade, ao considerarse inadecuado, polo menos en certos medios sociais, o uso dun determinado vocábulo sexa por delicadeza ou por decencia, pero non estritamente por tabú.

O tabú en Occidente[editar | editar a fonte]

Aínda que as sociedades occidentais, rara vez manteñen tabús nun sentido rigoroso, o certo é que en determinadas sociedades ou, polo menos, en certos estratos das mesmas, existen prohibicións tácitas sobre determinados actos ou cousas e os termos que as designan, prohibicións que subsisten por tradición, superstición ou ben por medos, sexan reais ou infundados. Así na Galiza, a prohibición de erguer a máscara dun participante no Entroido estaba terminante prohibida para quen coñecese os costumes seculares e, incluso, podería comportar a morte de quen transgredise a interdición. Para Andalucía é moi coñecido que hai un consenso social moi forte para non utilizar o nome real da cobra, que leva a usar universalmente o vocábulo bicha.

Algúns vocábulos noa[editar | editar a fonte]

Como os suxeitos ao respecto dos cales subsisten tabús, ben que atenuados, nas nosas sociedades, en boa medida desacralizadas e racionalistas, a lista de termos noa non pode ser demasiado extensa. Alonso Montero foi quen chamou a atención para realidades galegas nas que se usaban termos noa, mostrando o seu uso para o lobo, o raposo, a cobra e a donicela, animais respecto os cales o campesiñado, como noutras partes de Europa, mantén temores ou prexuízos, que o levan a usar un termo de substitución en vez de usar o seu nome universal.

O lobo[editar | editar a fonte]

Atribúelle Alonso Montero as designacións no seguintes: Xan, tío Xan, amigo, compañeiro, "gitano", perico, perillán, o outro.

En opinión do autor a voz noa é máis utilizada de noite que polo día, e para unha concreta ("o amigo") en San Xoán de Alba, por terras de Vilalba, úsase máis polo inverno. O autor chama a atención para o feito de que o animal non perdese, con todo, o seu vello nome indoeuropeo.

A raposa[editar | editar a fonte]

O mesmo nome raposa, é en orixe noa tamén, mais non substituíu completamente o antigo nome, derivado do latín vulpes, de vella xinea indoeuropea, que subsiste no norte do territorio galego como golpe. Si desapareceu en español ou en francés (actualmente é renard, que substituíu a goupil, vivo aínda na Idade Media).

Pódense indicar como noa: galiñeiro, Marica, García, Pedro.

A cobra[editar | editar a fonte]

O propio nome, cobra, subsiste como derivado do latín vulgar colubra. Son noa: bicha e bicho, pezoña, leiteira, suíña, retorta, rastreiriña.

O nome de leiteira , e a expresión "a que bebe o leite", alude á espallada superstición de que gusta de zugar o leite de mamíferos (incluídas mulleres)[1].

A donicela[editar | editar a fonte]

O cancioneiro popular alerta sobre o perigo da mordedura deste animal. O termo latino era mustela, que non deixou derivados en galego. Un bo grupo de termos galegos derivan do latín domina "señora", pola forma do vulgar domna, á que se lle engadiron diversos sufixos diminutivo-afectivos. Aparece así: doniña, donicela, donosiña, delonciña, dona das paredes, e semellantes, que en orixe son termos noa meliorativos. Porén, desde a época medieval, na que se documentan algunhas das formas, sufriron un desgaste, que levou a utilizar unha serie de termos noa novos: bonitiña, garridiña, lindiña, churrusqueira, feitiña etc, estes tamén de carácter meliorativo; porén outros son pexorativos: borracha, ladra, farrapeira, gataleiteira, farragacheira etc.

Outros[editar | editar a fonte]

Sacerdotes[editar | editar a fonte]

En medios mariñeiros de pescadores, o sacerdote ou cura é un termo tabú, cuxa vista ou mención poden malograr a mellor xornada ou campaña de pesca. Non se pode mencionar. Como noa usan unha serie de termos: xames, xamentendes, corvo, meco, "piquero", negro, pandullo,...[2]

Cancro[editar | editar a fonte]

Adoita eludirse o nome da enfermidade, o mal e o bicho, son dúas voces noa.

O Demo[editar | editar a fonte]

Pode ser aludido con nomes noa, para evitar asín invocalo: pereno, nemigo, proviso, sucio etc.

O ovos e os pelachos[editar | editar a fonte]

Os pelachos, as crías dos paxaros, e os ovinos, reciben denominacións noa infantís. A crenza popular coida que cando se descobre un niño de ave, non se pode aludir o seu contido (ovos, ou crías) co seu nome real, pois os pais paxaros poderían escoitalo é entón trasladar ou abandonar o niño. Para os ovos úsase areas, pedras, pedriñas e seixos. Para os paxaros sapos ou sapiños. en ambos dous casos son denominacións da Galicia oriental, aínda que Sarmiento indica a de seixos para os ovos nas súas "Coplas".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez López, Jesús, Supersticiones de Galicia (1895), 6ªedic. 1974, páx. 195
  2. Lisón Tolosana, Carmelo, Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Madrid. Akal. 1979

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Jespersen, Humanidad, nación, individuo desde el punto de vista liguïstico. Buenos Aires. Revista de Occidente. 1947.
  • Rohlfs, Gerhard, Diferencia léxica de las lenguas romances. Madrid. CSIC. 1960.
  • Rohlfs, Gerhard, Lengua y cultura. Madrid. Ed. Alcalá. 1966.
  • Alonso Montero, Xesús, Denominaciones gallegas de la culebra, el zorro y el lobo: una incursión en la lingüística del tabú y de la expresividad, in Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos históricos y artísticos de Lugo, nº 67-68, 1969, reproducido in Lingua, literatura e sociedade en Galicia: 25 anos de filoloxía galega:1951-1976, páxs. 47-58.
  • Alonso Montero, Xesús, Encol da donicela, ibídem, páxs. 75-79.

Outros artigos[editar | editar a fonte]