Nicolás Franco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nicolás Franco
Nacemento1 de xullo de 1891
 Ferrol
Falecemento15 de abril de 1977
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónoficial, político, diplomático, militar e enxeñeiro
PaiNicolás Franco Salgado-Araújo
NaiPilar Bahamonde
IrmánsPilar Franco, Ramón Franco e Francisco Franco
ProfesiónMilitar, diplomático, político
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica e Gran Cruz da Orden de Carlos lll
editar datos en Wikidata ]

Nicolás Franco Bahamonde nado en Ferrol o 1 de xullo de 1891 e finado en Madrid o 15 de abril de 1977, foi un militar e político galego, participante na sublevación militar contra a II República que deu orixe á Guerra Civil Española. Era o irmán maior de Ramón, Pilar, María de la Paz e Francisco Franco Bahamonde, quen asumiu a xefatura do Estado tralo conflito.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

O seu pai, Nicolás Franco Salgado-Araújo, foi Xeneral Intendente da Armada Española, e a súa nai, María del Pilar Bahamonde y Pardo de Andrade, proviña dunha familia cunha gran tradición na Mariña.[1]

Continuou a tradición mariñeira da familia ingresando na Escola Naval Militar de Marín, en Pontevedra, onde acadou o grado de Oficial da Armada Española, e na Escola de Enxeñeiros Navais, onde coincidiu con Juan Antonio Suances, graduouse como Enxeñeiro Naval.[2]

Comezou a súa carreira política durante a Segunda República, chegando a ser Secretario Xeral do Partido Agrario que presidía José Martínez de Velasco. De 1932 a 1934 ocupou o cargo de director da Escola Superior de Enxeñeiros Navais, e en 1935 foi nomeado director xeral da Mariña Mercante Española, ás ordes do ministro de Mariña Pedro Rahola, durante o mandato de Joaquín Chapaprieta.[3]

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Sendo o seu irmán Francisco un dos principais instigadores do golpe de estado do 18 de xullo de 1936, pronto se converteu nun dos seus máis importantes colaboradores, e tivo gran influencia na decisión do seu nomeamento como futuro Xefe de Estado. A súa actividade durante a guerra desenvolveuse como embaixador en Italia en 1937 e desde o ano seguinte completamente en Portugal, desde onde garantiu como Embaixador o apoio do goberno de António de Oliveira Salazar ao bando sublevado, así como de subministracións materiais e colaboración para a detención de republicanos que traspasaban a fronteira.

Posguerra[editar | editar a fonte]

En 1940 foi nomeado Cabaleiro da Orde Militar e Hospitalaria de San Lázaro de Jerusalén no grado de Gran Cruz. Ascendido en 1942 a Xeneral do Corpo de Enxeñeiros Navais da Armada, e mantívose como Embaixador de España en Portugal ata 1957. Ao seu regreso a España desenvolveu unha intensa actividade financeira. Foi fundador e Presidente do Consello da sociedade "Fabricación de Automóbiles, SA" (FASA-Renault) e tamén fundador de "Fabricación de Automóbiles Diesel, SA" (Fadisa), así como presidente honorario de Alcan Aluminio Ibérico e conselleiro da Compañía Trasmediterránea de Navegación, así como director de Unión Naval de Levante. Foi igualmente conselleiro de Manufacturas Metálicas Madrileñas. O seu irmán Francisco, xa como Xefe de Estado, designouno Procurador en Cortes, cargo que desempeñou durante as lexislaturas VI, VII, VIII, IX e X; ata o seu falecemento, en 1977.

Falecemento[editar | editar a fonte]

Ás catro da tarde do 15 de abril de 1977 finaba na Policlínica Naval de Madrid, vítima de complicación renais (insuficiencia e uremia aguda) xurdidas tras unha operación á que foi sometido o 2 de marzo dese mesmo ano por mor dunha fractura de cadeira. Os restos mortais estiveron expostos durante a noite do venres e a mañá do sábado nunha capela ardente instalada no propio Hospital Policlínico da Mariña. Logo dunha misa corpore insepulto, celebrada na capela do centro médico, foi trasladado, ás catro e media da tarde, ao cemiterio madrileño da Almudena onde foi enterrado pouco logo das cinco da tarde. Durante o traslado dos restos, a comitiva foi custodiada pola Policía Municipal e a Policía Armada. Ao enterro asistiron soamente a viúva, Isabel Pascual de Pobil; o seu fillo, Nicolás Franco Pascual de Pobil, e algúns familiares máis, ademais dun grupo de altos oficiais da Armada.[Cómpre referencia]

Imputado por crimes contra a humanidade[editar | editar a fonte]

Foi un dos trinta e cinco altos cargos do franquismo imputado pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade cometidos durante a Guerra civil española e nos primeiros anos do réxime, e que non foron procesados ao comprobarse o seu falecemento.[4][5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros Artigos[editar | editar a fonte]