Nathaniel Lyon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nathaniel Lyon
Nathaniel lyon small.jpg
Nacemento14 de xullo de 1818
 Ashford
Falecemento10 de agosto de 1861
 Springfield
CausaMorto en combate
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterAcademia Militar dos Estados Unidos
Ocupaciónoficial
editar datos en Wikidata ]

Nathaniel Lyon, nado o 14 de xullo de 1818 e finado o 10 de agosto de 1861, foi o primeiro xeneral da Unión en morrer no decurso da Guerra Civil americana; é célebre polas súas accións no estado de Missouri no inicio do conflito. Trátase dunha figura controvertida na historia americana. Algúns apoian a súa rápida acción e liña dura para frear o secesionismo en Missouri, outros bótanlle en cara as súas accións contra a poboación civil como o Incidente de Camp Jackson, que polarizou os sentimentos dos cidadáns de Missouri sobre a cuestión da secesión.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e carreira[editar | editar a fonte]

Lyon naceu nunha granxa en Ashford, Connecticut, fillo de Amasa e Kezia Knowlton Lyon [1], mais xa dende mozo odiaba a vida da granxa. Os seus parentes loitaran na Guerra de Independencia dos Estados Unidos, e el tiña a determinación de seguir as súas pegadas. En 1837 entrou na Academia Militar de West Point, graduouse o décimo primeiro da súa promción en 1841.

Asignado ao 2º Rexemento de infantería, serviu con el nas Guerras Semínolas e na Guerra mexicano-americana. A pesar de estar en contra da participación estadounidense na guerra de México [2], promocionou a primeiro tenente pola seu "notable valor na captura de artillería ao inimigo" na batalla de Cidade de México e actuou como capitán nas batallas de Contreras e Churubusco. Logo enviárono á fronteira, onde participou na masacre dos indios pomo en Clear Lake (California) en 1850 "Bloody Island Massacre[3] Despois de ser reasignado para Fort Riley, Kansas, Lyon deveu un acérrimo abolicionista[4] e republicano (con lazos con prominentes republicanos radicais), mentres servía nos conflitos fronteirizos entre Kansas e Missouri coñecido como "Bleeding Kansas." En xaneiro de 1861 escribiu sobre a crise secesionaista, "Xa non é útil apelar á razón, senón á espada."[1]

Arsenal de Saint Louis[editar | editar a fonte]

Monumento a Lyon en Saint Louis

En marzo 1861, Lyon chegou a Saint Louis á fronte da compañía D do 2º de Infantería dos Estados Unidos. No tempo a poboación e o estado de Missouri era relativamente neutro na disputa entre Norte e Sur, mais o gobernador Claiborne Fox Jackson era un destacado simpatizante sureño, como tamén o eran moitos dos lexisladores estatais. Lyon estaba preocupado pola posibilidade que Jackson intentase tomar o arsenal federal de Saint Louis no caso que o estado se secesionase xa que as forzas defensivas da Unión eran insuficientes para evitar a captura. Tentou fortalecer as defensas, mais contou coa oposición dos seus superiores, entre eles o xeneral de brigada William S. Harney a cargo das tropas estadounidense ao oeste do Mississippi. Lyon utilizou a súa amizade con Francis Preston Blair, Jr., para conseguir o nomeamento de comandante do arsenal para si. Cando estalou a Guerra Civil e o presidente Abraham Lincoln pediu tropas para derrotar a Confederación, Missouri recibiu o encargo de fornecer catro rexementos, o gobernador Jackson rexeitou a petición e ordenou á Garda Estatal de Missouri reunirse fóra de Saint Louis coa finalidade de adestrarse na autodefensa.[1]

Lyon estaba grandemente implicado na milicia paramilitar do Partido Republicano, os Wide Awakes, de Saint Louis, aos que armara e que pretendía utilizar para defender o arsenal, xa enviara unha parte do armamento a Illinois en segredo. Lyon estaba ao tanto dunha operación clandestina da Confederación que transferiu a artillería capturada no arsenal militar de Baton Rouge ao campamento da Garda Estatal de Missouri en Saint Louis. O 10 de maio dirixiu os rexementos de voluntarios de Missouri e ao 2º de Infantería contra o compamento, forzando a súa rendición. Mentres Lyon marchaba cos seus prisioneiros por Saint Louis cara ao arsenal producíronse revoltas na cidade. A situación provocou o Incidente de Camp Jackson ao disparar as tropas de Lyon contra unha multitude de civís, ferindo cando menos 75 e matando 28 persoas.[1] Morreron tamén dous soldados federais e tres milicianos, e outros resultaron feridos. Descoñécese quen disparou primeiro, algunhas testemuñas afirmaron que fora un manifestante bébedo, e outros afirmaron que se disparou sen provocación. Lyon foi, así e todo, promovido a xeneral de brigada[5] co mando sobre as tropas da Unión en Missouri. Asumiu o mando do Exército do Oeste o 2 de xullo.[5]

Persecución de Jackson[editar | editar a fonte]

En xuño, despois de se reunir persoalmente con Jackson en Saint Louis nunha tentativa va de renovar o acordo de Harney, Lyon declaroulle a guerra a Jackson e a Garda Estatal de Missouri. O gobernador fuxiu primeiro ao capitol de Jefferson City, e despois retirouse co goberno estatal a Boonville. Lyon Subiu o río Missouri e capturou Jefferson City o 13 de xuño. Continuou a persecución e o 17 de xuño derrotou a unha parte da Garda Estatal de Missouri na Batalla de Boonville. O gobernador, o seu goberno e a Garda Estatal retiráronse cara ao suroeste. Lyon Instalou un goberno estatal prounionista no seu lugar e destituiu o fiscal xeral de Missouri, James Proctor Knott, un unionista que non contaba coas simpatías dos máis radicais. Lyon reforzou o seu exército antes de marchar tamén cara ao suroeste.[1]

Batalla de Wilson's Creek[editar | editar a fonte]

Lyon a cabalo

O 13 de xullo, Lyon acampou en Springfield, Missouri, cuns 6.000 soldados da Unión. A Garda Estatal de Missouri estaba aproximadamente 120 quilómetros ao suroeste de Lyon e baixo o mando de Price, xuntándose coas tropas de Benjamin McCulloch a finais de xullo, sumando en total estas forzas confederadas uns 12.000 homes, planeando atacar Springfield, comezaron a marcha cara o nordeste o 31 de xullo. Os exércitos encontráronse no alborecer a uns poucos quilómetros ao sur de Springfield o 10 de agosto na Batalla de Wilson Creek. A Lyon, quen xa fora ferido dúas veces na loita, disparáronlle na cabeza, perna, e peito[5] e morreu mentres dramaticamente reagrupabga os seus homes, sobrepasados en número polos confederados. A pesar da derrota do Exército de Unión en Wilson Creek, a acción rápida de Lyon neutralizou a efectividade das forzas prosureñas en Missouri, permitindo ás forzas da Unión aseguraren o estado.[1]

Destino dos restos de Lyon[editar | editar a fonte]

Na confusión da retirada unionista de Wilson Creek, o corpo de Lyon quedou no campo de batalla e foi descuberto polas tropas confederadas. Enterrouse provisoriamente na granxa dun soldado da Unión preto de Springfield ata que se puidera entregar á familia de Lyon. Finalmente os restos soterráronse nun terreo da familiaa en Eastford, Connecticut, onde unha multitude estimada en 15.000 persoas atendeu o funeral. Ergueuse un cenotafio en memoria de Lyon no Cemiterio Nacional de Springfield.[5]

Legado[editar | editar a fonte]

O 24 de decembro de 1861 o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha resolución agradecéndolle os seus servizos eminentes e patrióticos. Levan o seu nome o condado de Lyon, Iowa, o condado de Lyon, Kansas, o condado de Lyon, Minnesota, o condado de Lyon, Nevada, tamén dous fortes levaron o seu nome durante a Guerra Civil americana, Fort Lyon en Colorado e Fort Lyon, Virxinia.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Downhour, James G., "Nathaniel Lyon", Encyclopedia of the American Civil War: A Political, Social, and Military History, Heidler, David S., and Heidler, Jeanne T., eds., W. W. Norton & Company, 2000, ISBN 0-393-04758-X.
  • Eicher, John H., and Eicher, David J., Civil War High Commands, Stanford University Press, 2001, ISBN 0-8047-3641-3.
  • Warner, Ezra J., Generals in Blue: Lives of the Union Commanders, Louisiana State University Press, 1964, ISBN 0-8071-0822-7.
  • Bloody Island Massacre website

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Downhour, pp. 1233-34
  2. Warner, pp. 286-87]
  3. Bloody Island Massacre
  4. Warner, p. 286, afirma pola contra que Lyon "estaba ben lonxe de ser un abolicionista e estaba a favor de manter a escravitude onde existía."
  5. 5,0 5,1 5,2 Eicher, p. 357. El ascendeu a xeneral de brigada da Milicia de Missouri o 12 de maio de 1861 e do Exército dos Estados Unidos o 17 de maio.

]]