Número dual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

En morfoloxía lingüística, o número dual (ou simplemente dual) é unha das posíbeis formas do número gramatical, que expresa a cantidade dúas; contrasta case sempre co singular e o plural, e ás veces con outras variantes como o trial. Semanticamente fai referencia ou ben a dous elementos en xeral, ou ben a un par de elementos, dúas entidades que constitúen unha parella natural (os ollos, as mans...), cultural ("as dúas deusas" en grego clásico fan referencia a Core e Deméter) ou circunstancial ("ambos ían da man"). [cita [Cómpre referencia] Para facer coherentes as oracións nas que se usa, o dual pode afectar á flexión de substantivos, pronomes, adxectivos e/ou verbos, segundo as regras de cada lingua.

O número dual existía en protoindoeuropeo, e conservouse nalgúns dos idiomas indoeuropeos agora extintos como o sánscrito, o grego antigo e o gótico entre outros. Aínda se pode atopar nalgunhas linguas indoeuropeas modernas como o frisón, croata, o esloveno e o serbio. Existen algúns exemplos modernos máis que amosan trazas residuais de dual, como a distinción entre ambos e todos, ou, en inglés entre either (un dos dous) e any (algún) ou neither (ningún dos dous) e none (ningún) etc.

Moitas linguas semíticas tamén posúen un número dual. Por exemplo, en árabe estándar todos os nomes poden declinarse en singular, plural ou dual. Tamén o manteñen o esloveno, o sórabo etc., aínda que en certas linguas só se aplica en cousas que naturalmente son pares, como as mans ou os ollos: por exemplo, en bretón, ao lagad ("o ollo", singular), an daoulagad ("os [dous] ollos [dunha persoa, mamífero, anfibio, peixe, ave ou réptil]", dual) e lagadoù ("ollos" [manchas de graxa formadas sobre un líquido], plural) ou skouarn ("orella", singular), an skouarn ou an divskouarn ("as [dúas] orellas [dunha persoa]", dual) e skouarnoù ("asas dunha vasilla", plural).

Características comparativas[editar | editar a fonte]

Moitas linguas fan distinción entre o singular e o plural. Noutros idiomas ademais destas dúas, atopamos unha forma de dual, que é usada cando exactamente dúas persoas ou dúas cousas son mencionadas. Nalgúns deles o seu uso está esixido pola gramática, e o plural só se usa para mencionar grupos de máis de dúas persoas ou obxectos.

Con todo, noutras linguas o uso do dual é opcional, como en varios dos modernos dialectos do árabe, por exemplo, no árabe exipcio. Noutros idiomas, como o hebreo, só se usa para espazos de tempo (días, semanas...), algunhas palabras de medida e para palabras que naturalmente son unha parella, mais non se usa para referirse a máis de dous excepto en retórica: os ollos, as orellas... En esloveno, o seu uso é obrigatorio, agás en nomes que son parellas naturais como os pantalóns ou os ollos, nese caso pódese usar o plural.

Aínda que relativamente poucas linguas teñen a forma de número dual e a maioría non teñen número ou só singular e plural, o uso de palabras diferentes para grupos de dous, ou grupos de máis de dous non é estraño. Un exemplo é a palabra «ambos» en galego ou no idioma xaponés, que non ten número gramatical, tamén existen as palabras dochira (cal dos dous) e doure (cal de todos) etc.

Uso en linguas modernas[editar | editar a fonte]

Entre as linguas modernas, o árabe estándar moderno exixe o uso do número dual marcado en nomes, verbos, adxectivos e pronombres (a primeira persoa das formas de dual non existen, compárese esta falta coa da terceira persoa do dual coas linguas do xermánico antigo). Moitos dos dialectos árabes falados teñen unha marca de dual para nomes (e só para nomes), mais o seu uso non é obrigatorio. De calquera forma, no acadio existía un dual, aínda que o seu uso estaba restrinxido a formas feitas como "as dúas mans", "os ollos" ou "os brazos". O dual no hebreo está tamén atrofiado, e xeralmente só se utiliza para o tempo, números e parellas naturais xa mesmo en hebreo antigo.

O mapudungun, lingua dos mapuches, marca o número dual na conxugación verbal e nos pronombres, mais non en substantivos ou adxectivos. Por exemplo, "Nós temos dúas casas" dise "(Iñchiw) Nieyu epu ruka" de os posuidores seren dous e "(Iñchiñ) Nieiñ epu ruka" de os posuidores seren máis de dous.