En 2003 o álbum foi situado no número 197 da lista da revista Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos.[1] Mantivo ese posto na lista de 2012 e subiu ata o número 165 na revisión de 2020.[2]
R.E.M. comezou a gravar o seu álbum de estrea en decembro de 1982. I.R.S. emparellou á banda co produtor Stephen Hague, que tiña un perfil máis alto que o anterior produtor de R.E.M. Mitch Easter.[3] A énfase de Hague na perfección técnica non encaixou co grupo; o produtor fixo ao grupo interpretar múltiples tomas da canción "Catapult", o que desmoralizou ao batería Bill Berry. Ademais, Hague colleu o tema completo e levouno ao estudio Synchro Sound de Boston onde lle engadiu partes de teclado sen o permiso do grupo.[4] Insatisfeitos, os membros de R.E.M. pedíronlle ao selo poder gravar con Easter.[5] I.R.S. accedeu a unha sesión de proba, permitindo á banda viaxar a Carolina do Norte e gravar a canción "Pilgrimage" con Easter e o seu compañeiro Don Dixon. Tras escoitar o resultado I.R.S. permitiu ao grupo traballar con Dixon e Easter.[6]
O 6 de xaneiro de 1983 R.E.M. entrou nos Reflection Studios en Charlotte, Carolina do Norte, para comezar as sesións de gravación con Easter e Dixon. Gran parte do material da banda para o disco probárase en anteriores xiras. Debido á mala experiencia con Hague, o grupo gravou o traballo a través dun proceso de negación, rexeitando incorporar clichés do rock como solos de guitarra ou os populares sintetizadores da época, para darlle á súa música unha sensación intemporal.[6] Berry especificamente resitíuse a suxestións musicais "raras", insistindo en que as súas baterías fosen gravadas cunha cabina para batería, unha técnica xa anticuada nese momento.[7] Dixon e Easter adoptaron un enfoque práctico na meirande parte do proceso de gravación. A parella só arranxou unha pista de voz e pedíronlle ao vocalista Michael Stipe regravar se era moi deficiente.[8] A gravación rematou o día 23 de febreiro de 1983.