Bill Berry
Bill Berry | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | William Thomas Berry |
Data nacemento | 31 de xullo de 1958 (64 anos) |
Nado en | Duluth, Minnesota |
Ocupación | batería, músico, compositor de cancións, produtor musical e labrego |
Instrumento(s) | batería, voz, guitarra, baixo, mandolina e piano |
Relacionado con | R.E.M. |
Tempo en activo | 1980 - 1997 |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
William "Bill" Thomas Berry, nado o 31 de xullo de 1958 en Duluth, Minnesota, foi o batería da banda de rock alternativo estadounidense R.E.M. durante 17 anos, antes de deixar o grupo e converterse en granxeiro. Ademais do seu labor na batería tamén tocou outros instrumentos como guitarra, baixo, mandolina e piano.
Biografía[editar | editar a fonte]
Berry naceu en Duluth, Minnesota, como o quinto fillo do matrimonio formado por Don e Anna. Aos tres anos Berry mudouse coa súa familia a Wauwatosa, Wisconsin, un suburbio de Milwaukee, onde viviu os seguintes sete anos. En 1968, a familia trasladouse novamente, desta vez a Sandusky, Ohio, na ribeira do lago Erie.
En 1972 a familia de Berry fixo a súa derradeira mudanza a Macon, Xeorxia, xusto cando Bill comezaba o instituto. Foi alí onde coñeceu ao baixista Mike Mills, e xuntos tocaron en varias bandas. O seu primeiro intento de facer carreira na música tivo moi curta vida, e ao rematar o instituto vendeu a súa batería e tanto el coma Mills buscáronse un traballo de día, alugando un apartamento xuntos. Berry e Mills mudáronse a Athens, Xeorxia en 1978, onde coñecerían a Michael Stipe e a Peter Buck.
R.E.M. (1980 - 1997)[editar | editar a fonte]
R.E.M. formaríase en 1980. A principios dos anos 90 converteríase nunha das bandas máis aclamadas do mundo. Á parte das súas tarefas coma batería, Berry contribuíu ocasionalmente coa guitarra, o baixo, as voces, os teclados e o piano nas gravacións de estudio. En directo ocasionalmente collía o baixo e adoitaba facer coros. Berry tamén fixo notables contribucións nas composicións, particularmente nos temas "Everybody Hurts" e "Man on the Moon", ambos incuídos no álbum Automatic for the People. Outras cancións súas son "Perfect Circle", "Driver 8", "Can't Get There From Here" e "I Took Your Name". Tamén "Leave" do álbum de 1996 New Adventures in Hi-Fi foi escrita por Berry, sendo este o seu último traballo coa banda.
Durante o ano 1984 Berry tamén foi batería da improvisada Hindu Love Gods, na que tamén estaban os seus compañeiros de R.E.M. Mike Mills e Peter Buck, xunto co roqueiro Warren Zevon.
Berry casou coa súa moza Mari o 22 de marzo de 1983. Divorciaríanse once anos despois sen ter fillos.
En 1995, no Patinoire Auditorium de Lausanne, Suíza, Berry derrumbouse no escenario durante un concerto de R.E.M. debido a un aneurisma cerebral. Recuperouse e volveu a unirse á banda, pero deixaríaa en outubro de 1997.