Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°30′30″N 07°37′11″O / 42.50833, -7.61972

Santa María de Ferreira de Pantón.

O mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, situado na parroquia de Ferreira de Pantón, no concello de Pantón, é actualmente o único mosteiro feminino da orde do Císter en Galicia.

Historia[editar | editar a fonte]

Parece que foi un mosteiro dúplice desde os primeiros tempos até o século XII. En 1175, despois dunha fase de decadencia, a condesa Fronilda de Lemos restaura a vida monástica, o mosteiro rehabilítase e intégrase na orde do Císter baixo dirección dos monxes de Meira. A xurisdición destes prolongarase até 1600, cando o cenobio se integra na Congregación de Castela.

Foi declarado Ben de Interese Cultural o 17 de outubro de 1994.

Descrición[editar | editar a fonte]

Claustro.

Accédese ao conxunto a través dun arco de entrada do século XVIII. A fachada é de tipo renacentista. Posúe un torreón á dereita, rematado nun mirado con balaustrada de pedra. O seu único claustro -o regular- atópase ao oeste da igrexa, pegado á fachada da mesma.

A hospedaría, con galería e columnata de pedra a modo de pazo, forma ángulo co edificio. No espazo oposto está a Casa das Donas, onde se aloxaban as damas da nobreza que tomaban os hábitos.

No interior do mosteiro, destaca a parte baixa do claustro renacentista: arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro que non chegou a construírse.

A igrexa[editar | editar a fonte]

Ábsida da igrexa de Santa María.

A igrexa do mosteiro é o maior valor artístico do conxunto pola súa ornamentación profusa e diversa, sobre todo na súa ábsida. Considérase que a súa construción foi anterior á incorporación do mosteiro á orde do Císter.

Consta dunha soa nave rectangular. A ábsida ten forma semicircular precedida de tramo recto. Neste tramo, cuberto con bóveda de canón, están os sepulcros de Diego e Lope de Lemos. O tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de medio punto, ao dereito e invertidos. Tamén na ábsida son admirábeis os motivos vexetais, animais e antropomorfos dos capiteis e dos canzorros.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Mosteiro. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]