Mosteiro de Santo Estevo de Atán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santo Estevo de Atán
Fachada da igrexa
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
LocalizaciónAtán (Pantón)
Coordenadas42°30′02″N 7°42′11″O / 42.50055556, -7.70305556Coordenadas: 42°30′02″N 7°42′11″O / 42.50055556, -7.70305556
Culto
CultoCatólico
DioceseLugo
Arquitectura
ConstruciónSéculo VIII - século XIII
EstiloVisigodo e románico
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santo Estevo de Atán é unha edificación relixiosa que se atopa na marxe esquerda do río Miño, na parroquia de Atán, no concello de Pantón, da que practicamente só queda a igrexa. Está situado preto de terras asolagadas polo encoro dos Peares en plena Ribeira Sacra. Dende a súa localización, a media ladeira, pode contemplarse na outra beira do río, e máis ou menos á mesma altura, cara á esquerda, a igrexa de San Xoán da Cova. Foi declarado monumento nacional por Decreto 2496 do 23 de agosto do 1975.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundado por Odoario, bispo de Lugo, nos albores da monarquía ovetense nun momento previo á plena integración da Galicia nuclear no reino astur-galaico, denantes do 747: «Item in ripa minei territorio uocitato licino monasterium sancti stephani wallis athane quod ex propia familia extipaui et radice fundamentaui».[1][2] Sería manifestación da persistencia no país dunha continuidade histórica non interrompida pola invasión árabe de Hispania.

É moi posible que teña as súas raíces nas comunidades eremíticas da Ribeira Sacra que se remontan á época do Reino Suevo como consecuencia do proceso de cristianización impulsada por Martiño de Dumio. Na segunda metade do século XII, en plena efervescencia do monacato galego foi obxecto dunha ampliación e reedificación.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Interior[editar | editar a fonte]

A igrexa consta dunha soa nave cuberta de madeira a dúas augas cunha ábsida dividida en dúas partes. Accédese ao presbiterio a través dun arco triunfal lixeiramente apuntado que se apoia sobre semicolumnas acaroadas con capiteis de ornamentación vexetal. Este arco triunfal repítese en medio da ábsida, que forma un cuadrilátero rectangular irregular cuxa forma se aproxima ao cadrado. Este ilumínase por medio de dúas xanelas rectangulares, ao xeito de seteiras abucinadas ao interior, que se abren no segundo tramo deste e por outra semellante, de dobre altura, que se abre no testeiro. Sobre este e arrodeando a fiestra central, desenvólvense unhas pinturas primitivas, quizais do século XV. Á esquerda da xanela desenvólvense a escena da Anunciación, presidida por Deus Pai. So, Santa Lucía cunha bandexa sobre a que repousan os seus ollos lle foron arrincados nas torturas previas á execución. Á dereita da fiestra, o padroeiro da igrexa, Santo Estevo, vesitdo de diácono, é apedrado, sendo un dos executores San Paulo, recoñecíbel polo seu nimbo, denantes de se converter. So, formando parella con Santa Lucía, atópase outra santa mártir. Destaca o fondo de estrelas de tres das escenas, que na cuarta, a do martirio de Santo Estevo, se converten en pedras. Represéntase tamén á Virxe María, quizais pola influencia de Bernaldo de Claraval, que espallou esta advocación polos mosteiros de Europa Occidental e da que foron testemuña singular os do Reino de Galicia.

No templo áchanse outras pinturas posteriores, posibelmente do século XVI, con motivos axadrezados e entre as que sobresae, pola súa conservación, unha Inmaculada, arrodeada dun coro de anxos que a sosteñen entre as nubes, situada na parede norte do templo entre o coro alto moderno, erguido sobre unha estrutura metálica e a porta lateral.

No testeiro correspondente ao arco triunfal e sobre o vértice deste, intégrase unha celosía claramente prerrománica, que se podería datar no século X e, por tanto, anterior á fábrica principal da actual igrexa. Está composta dun dobre corpo, o superior formado por catro círculos e o inferior con forma de xugo con arcos de ferradura.

Exterior[editar | editar a fonte]

Xanela da torre.

A fachada principal ou occidental destaca pola súa portada, formada por unha tripla arquivolta apuntada de mediacanas e escocias sobre tres pares de esveltas columniñas acodilladas nas xambas. Os capiteis son variados e entre eles destacan os dous máis exteriores da dereitam, o primeiro cunha figura animal que podería ser unha leoa e o segundo con Adán e Eva espidos baixo a árbore do Ben e do Mal. O primeiro da esquerda moi parecido a un da portada sur de San Xoán da Cova, forma unha especie de cesto co corpo entrelazado dunha serpe cuxa cabeza asoma pola parte superior. Os restantes capiteis están ornamentados con motivos vexetais variados. Arrodea a arquivolta unha dobre rosca, composta a interior por unha arcatura de arquiños de medio punto e a superior con puntas de cravo. No centro da portada dun tímpano, con inscricións de difícil ou case imposíbel lectura, apóiase sobre dúas ménsulas curvas con ornamentación xeométrica. Unha xanela estreita e alongada en forma de seteira nace xusto no vértice superior da portada e, sobre ela, xa sobre o extremo do cumio da cuberta, un cuadrúpede a xeito de Agnus Dei, cunha cruz moderna sobre o lombo que substitúe a primitiva, hoxe desaparecida.

Na banda dereita ou sur da fachada érguese actualmente unha torre de planta sensibelmente cadrada, froito dunha recente restauración, xa que a primitiva desapareceu en 1904 e só se conservaban os arranques.[3] Esta nova torre prismática, sobre a que se ergue un sinxelo campanario moderno, integra uns importantes elementos prerrománicos entre os que destaca, no seu paramento sur, unha xanela grande xeminada formada por dous arcos de ferradura case circular, que forman unha soa peza seguramente visigoda, que podería pertencer á primeira fábrica do século VIII que figura no testamento de Odoario. Esta celosía atopábase, denantes da última restauración, no muro dun alpendre dunha casa próxima á igrexa.

No muro leste da torre integrouse unha segunda peza prerrománica, pero posibelmente xa do século X, anterior en todo caso ao groso da fábrica actual da igrexa, que até a reconstrución da torre se atopaba no testeiro leste da sancristía, hoxe desaparecida, como pode comprobarse en fotos antigas. Esta peza está construída por unha cruz calada, integrada nun círculo que se mada cun semicírculo de radio maior dunha suxestiva composición.

Por último, na parte superior do paramento oeste da torre, xusto na súa coroación horizontal, intégrase no peto da azotea da torre unha cruz antefixa calada, de forma cadrada xa claramente románica, formada por unha cruz inscrita nun círculo cun trazado xeométrico de catro semicírculos que forman catro pétalos.[4]

Portada norte da igrexa.

A fachada norte está dividida polos contrafortes que albergan dúas alongadas seteiras no segundo tramo da nave e outro máis pequena na parte da ábsida rectangular. Entre as seteiras ábrese unha interesante portada, formada por unha única arquivolta apuntada apoiada en dúas columnas acodilladas nas xambas. A decoración da rosca é similar á da portada principal, e está formada por unha arcatura de arcos e medios arcos, arrodeada por puntas de cravo. O tímpano, liso, apóiase sobre ménsulas ornamentadas xeometricamente, moi semellantes tamén ás da porta principal.

Dos capiteis salienta pola súa orixinalidade, o da dereita, formado por catro follas cóncavas sobre un astrálago en forma de soga. Dentro destas follas dispóñense acios de bólas: cinco, catro en dúas delas e nove. Na parte superior, centrada aparece unha pequena cabeza humana. En ambas as fachadas laterais, norte e sur, destacan os variados canzorros que soteñen o beirado. Os da fachada sur estaban, denantes da restauración, sostendo o beiril da hoxe derruída casa reitoral. Amais dos decorados con elementos xeométricos ou vexetais, destacan unha cabeza de lobo cun cordeiro na boca, unha cabeza de carneiro, outra de ovella, cabezas humanas...

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 618. ISBN 84-89748-35-7. 
  2. No seu testamento, do ano 747 aínda que morre no ano 786, Odoario pono baixo a xurisdición da igrexa de Santa María de Lugo, «Igualmente na ribeira do Miño no territorio de Licín, o mosteiro de Santo Estevo do val de Atán, que fundei coa miña propia familia e edifiquei dende os seus cimentos».
  3. Delgado Gómez, Jaime (2001). Tomo IVː El románico de Lugo y su provincia (en castelán). Edinosa. p. 441. 
  4. Segundo Delgado Gómez, esta cruz ocuparía orixinalmente a cúspide dun dos muros testeiros da nave ou da ábsida.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]