Mosteiro de Santiago de Mens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santiago de Mens
Iglesia de Santiago de Mens (fachada principal).JPG
Fachada da igrexa.
Datos xerais
Tipo Mosteiro
Localización Mens, Coruña, Galicia
Coordenadas 43°17′52″N 8°52′05″O / 43.29777778, -8.86805556Coordenadas: 43°17′52″N 8°52′05″O / 43.29777778, -8.86805556
Culto
Culto Católico
Diocese Santiago de Compostela
Arquitectura
Construción Século XI - século XIX
Estilo Prerrománico e románico
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santiago de Mens é un edificio relixioso do que só queda unha igrexa con significativos restos románicos. Atópase na parroquia de Mens, no concello de Malpica de Bergantiños, na comarca coruñesa de Bergantiños, cuxo principal concello e a capital natural é Carballo. Áchase ao oeste do concello, preto do río de Esteiro e das Torres de Mens. Pódese chegar até ela dende as estradas AC-420 e AC-422, pola C-4307.

Declarada Monumento Nacional por Real decreto 1675 do 25 de maio do 1979.

Historia[editar | editar a fonte]

A súa orixe, pode remontarse aos séculos X (durante o bispado de Sisnando) ou XI (hai noticias do seu abade Recamundo a partir do ano 1078).[1] Recamundo fixo de notario nunha escritura de doazón da vila Nemenio, realizada por Pedro Froilaz de Traba ao mosteiro de San Tomé de Nemeño.[2] Unha inscrición dedicatoria, con caracteres en relevo, sinala a era 1172, que correspondía ao ano 1134.[3] Foi priorado do mosteiro beneditino de San Martiño Pinario no ano 1499, despois pasou a depender da Colexiata da Coruña.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

Considérase unha construción herdeira da arte prerrománica asturiana. A súa estrutura baseouse na capela que se ergueu en Santiago de Compostela co gallo do descubrimento do corpo do Apóstolo.[5]

Interior[editar | editar a fonte]

A igrexa é moi compacta, composta dun corpo principal de tres naves paralelas, formando un bloque de planta basilical case cadrada, do que sobresaen ao oeste a fachada principal, prolongación da nave central e ao leste remates curvos das tres ábsidas.

Orixinalmente, tratábase dunha igrexa de traza prerrománica sobre a que se ergueron tres naves románicas iguais, pero no século XIX foi profundamente reformada, eliminando os dous primeiros tramos das naves laterais e a primitiva fachada románica. Na actualidade, os tramos das naves están reducidos a tres, precedidos por un primeiro tramo da nave central convertido nunha especie de adro cuberto a distinto nivel. As naves laterais están separadas da central por arcos formeiros de medio punto que proveñen de piares de sección sensibelmente cadrada, que se converten en pilastras contra as divisións das ábsidas.[6]

As ábsidas están aliñadas e rematan as tres naves. A central é de base pentagonal (procedente do decágono regular) e as laterais semicirculares. Están precedidas por pequenos tramos cubertos por bóvedas de canón semicirculares e rematadas por cascaróns de cuartos de esfera. Os arcos triunfais que os delimitan son de medio punto e sostéñense sobre distintos capiteis de motivos vexetais de variada feitura. A capela maior ilumínase por unha arquería de tres ocos formada por arcos de medio punto sobre columnas acodilladas.

A fachada, do século XIX, está formada polo primeiro corpo da nave central, que avanta formando un corpo sobre o que se apoia a torre. A porta de entrada é alintelada, cunha xanela rectangular situada sobre ela. A sinxela portada que forma o conxunto, limitada por pilastras laterais, está coroada por un frontón triangular partido polo arranque da torre e con pináculos laterais. A torre é de planta cadrada, con ocos para as campás rectangulares e está coroada por unha lanterna de base circular cuberta por unha cúpula ovalada rematada por un esvelto pináculo. O testeiro corresponde ao arco triunfal da ábsida central asoma sobre a cuberta e está coroado, á súa vez, por unha cruz e rematado lateralmente por outros dous pináculos.

Ángel del Castillo di da antiga fachada románica, hoxe desaparecida que nela: «...abríase unha boa portada de arquivoltas semicirculares, tóricas e con axadrezado ao exterior, cun tímpano liso, sobre dúas columnas por lado, e enriba, unha fiestra románica, de arcos de medio punto, tóricos con lóbulos semicirculares cunha columna acodillada en cada xamba».[7] Ángel del Castillo fixo un debuxo da fachada, publicado no número 10 do Boletín da Real Academia Galega, do 20 de febreiro de 1907.[8]

As fachadas laterais posúen uns canzorros que sonteñen os beirís e a portada románica da fachada sur, acaroada á sancristía, que a oculta dende moitos puntos de vista. Está formada por un arco de medio punto liso que se apoia sobre un par de columnas acodilladas con capiteis de decoración vexetal e sen bases, seguramentes ocultas so o pavimento actual. Arrodea o arco unha roca ou arquivolta decorada con billetes formando o típico axadrezado.

Exterior[editar | editar a fonte]

As ábsidas, pese a algún oco posterior, conservan inda a súa primitiva imaxe románica. Na ábsida central, na zona dos tres lados centrais do pentágono da base e entre catro columnas pegadas, ábrense tres xanelas con arcos de medio punto, os laterais lisos, que se sustentan directamente polas xambas sen columnas. O central, porén, sostense por dúas potentes columniñas acodilladas nas xambas con sinxelos capiteis vexetais. Tres arquivoltas ou roscas iguais, ornamentadas con pequenos cilindros, arrodean as tres fiestras. As semicolumnas que dividen a ábsida están coroadas por capiteis de decoración vexetal, agás o correspondente á columna da dereita do oco central, que presenta un orixinal e sobrecargado conxunto de tres figuras humanas, que poderían ser músicos suxeitando os seus instrumentos. Son tamén notábeis os canzorros das ábsidas, decorados con motivos xeométricos, antropomorfos, animais e vexetais, entre os que salientan os correspondentes ao oco central e ao situado á súa esquerda con figuras humanas en variadas posicións.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación de Pedro Barrié de la Maza. p. 775. 
  2. Citando a López Ferreiro, Freire Camaniel di que o mesmo recacamundus abbas monasterii magnessalagie actuou coma notario na doazón que, da uilla de nemenio, fixo Pedro Fróilaz ao mosteiro de San Tomé de Nemeño.
  3. Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 321. 
  4. Toma posesión no seu nome Alonso Gonsalves. Ángel del Castillo conta que foi priorado do mosteiro de San Martiño Pinario, de Santiago, a que uniu Fr. Rodrigo de Valencia, co gallo da reforma das Casas de Galicia, e que máis tarde pasou a pertencer á Colexiata da Coruña.
  5. "Iglesia de Santiago de Mens". Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  6. "Igrexa de Santiago de Mens". Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  7. Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. 
  8. Castillo López, Ángel (1907). "Iglesias gallegas. Santiago de Mens. San Julián de Coirós". Boletín da Real Academia Galega (10).