Saltar ao contido

Mosteiro de Santa María de Melón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santa María de Melón
Mosteiro de Santa María de Melón
PaísEspaña
LocalizaciónMelón
Coordenadas42°15′20″N 8°13′00″O / 42.25555556, -8.21666667
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Melón é un mosteiro de estilo románico de transición, pertencente á Orde do Císter e fundado en 1158. Está situado no concello ourensán de Melón. Estivo habitado ata 1835, cando se produciu a desamortización de Mendizábal.

Aínda que o rei Afonso VII lles cedeu o coto de Melón, que incluía as parroquias de Melón, Quins e Vilar de Condes (Carballeda de Avia), nun principio rexeitaron vivir de rendas e basearon a súa economía na explotación das súas terras.

No século XIII o mosteiro tiña posesións no Porriño, Vigo e Redondela, a través de onde comercializaba as colleitas de viño dos viñedos das ribeiras do río Avia. O patrimonio foi aumentando aos poucos por compras, doazóns ou cesións da nobreza. En San Pedro de Domaio (Moaña), a parroquia tiña a obriga de cruzar ao abade dunha beira a outra da ría de Vigo.

A partir do século XIV endurécense as rendas e recoñecementos de señoríos. Esixíase tamén a consideración da vasalaxe e obediencia dos señores ao visitaren a comarca, e o pago da loitosa, unha taxa de transmisión para poder herdar os bens dos antepasados.

No século XIX comezou o ocaso do mosteiro, por mor da desamortización de Mendizábal. Ante o abandono e ruína dos edificios, o bispo de Tui decidiu pechar cunha fachada a parte que quedaba. Boa parte da pedra foi vendida (a un prezo de peseta por carro) para a construción do templo da Cañiza.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

O conxunto foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. Do antigo muro do mosteiro consérvanse hoxe soamente parte da cerca e a portada de traza semicircular, flanqueada por cilíndricos torreóns con seteiras, o frontón triangular e unha fornela coa imaxe da Virxe. As restantes dependencias quedaron reducidas ás ruínas de dous claustros: o das procesións (S. XVI), con bóveda estrelada e arcos semicirculares e outro, o da hospedaxe. Da igrexa destaca a cabeceira con deambulatorio gótico e capela de enterramento, emulando á do mosteiro de Oseira. A ábsida semicircular do presbiterio presenta ao exterior forma poligonal na parte correspondente á capela maior e semicircular nas radiais. Sobre o ángulo formado polas naves e o cruceiro levántase unha torre de corpo rectangular rematada en casquete piramidal.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]