Monte de piedade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O monte de piedade é unha institución benéfica adicada á concesión de préstamos a baixo interese con garantía de xoias, roupas ou outros efectos (crédito pignoraticio).

Le Mont de Piété. Jean Béreaud

Nacemento[editar | editar a fonte]

A súa orixe remóntase á Idade Media, cando os altos xuros dificultaban o crédito. Seguindo á Biblia, que xa no Antigo Testamento a censuraba (como no Éxodo 22, 22[1]), Igrexa católica condenou a usura e escolásticos como Anselmo de Canterbury, Boaventura de Bagnoregio e Tomé de Aquino[2] foron moi críticos con esta práctica. Mais, aínda que no III Concilio de Letrán (1179) se chegou a privar de comuñón e sepultura aos logreiros, a usura continuou sendo común[3]. Foi así que en 1462[4] os franciscanos Bernabé de Terni e Michele Carcano fundaron o primeiro Monte de Piedade en Perugia. O obxectivo era que aquel que o precisase puidese obter cartos mediante a entrega de prendas: as prestacións serían feitas polos veciños ricos da cidade e poderían ser recuperadas sen interese a cambio de ofrecer sufraxios a Deus[3]. Da man dos franciscanos, os montes de piedade espalláronse por Italia ao tempo que perfeccionaron o seu funcionamento con Bernardino da Feltre. Este, nas décadas de 1480 e 1490, fundou montes de piedade que daban os empréstitos a cambio dun interese moi baixo en comparación cos outros prestamistas, mormente xudeus[5]. Aínda que os dominicos, rivais dos franciscanos nesa época, cuestionaron o interese do préstamo, o apoio do papa León X fixo que os montes de piedade se difundiran por Francia e a Península Ibérica. En 2009, Bieito XVI na súa encíclica Caritas in veritate, louvounos como exemplos de microfinanciamento[6].

Evolución[editar | editar a fonte]

Considérase que os montes de piedade son os precedentes históricos das caixas de aforro e en moitos países fóronse asimilando[3], de feito, en España estas entidades financeiras adoitaron empregar o nome de "caixa de aforro e monte de piedade". Logo da reestruturación bancaria española que seguiu a crise económica de 2008, a gran maioría das caixas de aforro desapareceron pero as fundacións bancarias herdeiras mantiveron os montes de piedade. Por exemplo, o das antigas caixas galegas é xestionado por Afundación, que destina a totalidade do seu lucro á obra social[7]. Hoxe en día tamén existen montes de piedade en Malta, México[8] e Bélxica, onde teñen o monopolio legal en materia de empeños[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Capítulos 21-25 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-01-29. 
  2. Arreguín, Héctor Zagal (2020). "El pecado de usura en la suma teológica de Tomás de Aquino: la potencia del dinero". Cauriensia: revista anual de Ciencias Eclesiásticas (15): 23–41. ISSN 1886-4945. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Galán Galindo, A; González Páramo, J.M.; Ayuga Valero, L.; de Andrés Viñas, A. (1977). Introducción a las Cajas de Ahorro. Fondo para la Investigación Económica y Social de La Confederación Española de Cajas de Ahorro. ISBN 84-7231-321-2. 
  4. "Perugia Mons Pietatis". www.monspietatis.org. Consultado o 2021-01-29. 
  5. Puglisi, Catherine R.; Barcham, William L. (2008). "Bernardino da Feltre, the Monte di Pietà and the Man of Sorrows: Activist, Microcredit and Logo". Artibus et Historiae 29 (58): 35–63. ISSN 0391-9064. 
  6. "Caritas in veritate (29 de junho de 2009) | Bento XVI". www.vatican.va. Consultado o 2021-01-30. 
  7. "Monte de piedade - Afundación". www.afundacion.org. Consultado o 2021-01-29. 
  8. "¿Quiénes somos? | Nacional Monte de Piedad". www.montepiedad.com.mx. Consultado o 2021-01-29. 
  9. "Présentation | Mont-de-piété". www.montdepiete.be. Consultado o 2021-01-29.