Federación Galega de Caixas de Aforro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federación Galega de Caixas de Aforro
Tipoorganización
Área de operaciónGalicia
Data de fundación1926
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Federación Galega de Caixas de Aforro foi unha asociación das caixas de aforro domiciliadas en Galicia. Aínda que o seu nome e número de membros foi variando, o seu fin era a representación colectiva e a cooperación entre as entidades adheridas.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira asociación das caixas de aforro de ámbito galego foi constituída en 1926 co nome de Federación de Cajas de Ahorro de Galicia. Tiña como finalidade fomentar a colaboración e axuda mutua entre os membros, dentro do respecto á independencia de cada un.

En 1924 as caixas de aforro de Guipúscoa, Biscaia, Navarra e Álava formaran a Federación Vasco-Navarra, a primeira asociación desta natureza en España. Seguindo o seu exemplo, a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo propuxo ó resto de caixas galegas a formación dunha federación. Para isto, convocara unha asemblea rexional en 1925 e unha proposta de estatutos ás súas potenciais socias que foron ratificados o 23 de setembro de 1926, sendo o seu primeiro presidente Maximiliano Asúnsolo Linares-Rivas, alcalde da Coruña e conselleiro da Caixa de Aforros local.[1] Un dos seus primeiros obxectivos foi atender ás colectividades galegas na emigración e conseguir a protección dos seus aforros e editou unha publicación trimestral dende 1927.[2] A Federación incorporouse á Confederación Española de Caixas de Aforro na súa fundación, en 1928.

A mediados da década de 1930 o órgano de representación da Federación era a Asemblea Xeral onde os votos dependían en función do volume das institucións asociadas. Os acordos tomados na Asemblea Xeral eran de obrigado cumprimento polas caixas de aforro. Ademais, a Asemblea Xeral designaba un Comité Directivo integrado por un presidente, un secretario e dous vogais.[2]

En 1940, as institucións federadas pactaron conceder un préstamo ao Concello de Pontevedra para liquidar a Caixa de Aforros Municipal da cidade do Lérez, que atravesaba unha precaria situación.[1]

En 1977, xusto antes da primeira gran fusión das caixas galegas (entre as caixas da Coruña-Lugo e Ferrol), estaba integrada polas seguintes entidades:[3]

Co desenvolvemento da autonomía política de Galicia, o Parlamento aprobou unha lexislación que afectou ás Caixas de Aforro. Así, a antiga Federación de Caixas de Aforros de Galicia foi reconvertida na Federación Galega de Caixas de Aforro de acordo co título III da Lei 7/1985, do 17 de xullo, de Caixas de Aforro galegas.[4] A resolución dos recursos de inconstitucionalidade do Tribunal Constitucional sobre esta lei, fixo que o Parlamento aprobase a Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, que no seu título VI abordaba as competencias e organización da Federación.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Fornies Casals, J.F; Ortega Gómez, A; Palacios Bañuelos, L. (1977). Historia de una Institución ferrolana: La Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol (1902-1977). Caja General de Ahorros de El Ferrol. ISBN 84-7231-354-9. 
  2. 2,0 2,1 Estatutos de la Federación de Cajas de Ahorros de Galicia. Imprenta Moret. 1936. 
  3. Galán Galindo, A; González Páramo, J. M; Ayuga Valero, L; de Andrés Viñas, A. (1977). Introducción a las Cajas de Ahorro. Fondo para la Investigación Económica y Social de la C.E.C.A. ISBN 84-7231-321-2. 
  4. "LEI 7/1985, DO 17 DE XULLO, DE CAIXAS DE AFORRO GALEGAS" (PDF). Parlamento de Galicia. Consultado o 26-1-2021. 
  5. "LEGISLACIÓN GALLEGA DE CAJAS DE AHORRO (DE LA LEY 7/1985 A LA LEY 4/1996)." (PDF). Revista Xurídica Galega. Consultado o 26-1-2021. 
  6. "Lei do DOG nº 117 do 14/06/1996 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2021-01-26.