Movella de bico branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mobella de bico branco»)
Gavia adamsii

Individuo con plumaxe reprodutiva
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gaviiformes
Familia: Gaviidae
Xénero: Gavia
Especie: G. adamsii
Nome binomial
Gavia adamsii
(Gray,GR, 1859)
     Zona de cría en amarelo.      Zona de invernada en laranxa
     Zona de cría en amarelo.      Zona de invernada en laranxa

     Zona de cría en amarelo.      Zona de invernada en laranxa
Sinonimia

Colymbus adamsii

A movella[2][3] de bico branco ou mobella de bico branco[4][5] (Gavia adamsii) é unha especie de ave gaviforme da familia Gaviidae que habita no Holártico. É unha ave acuática migratoria que cría no norte de Eurasia e norte de Norteamérica, e pasa o inverno nas costas do Pacífico norte e Escandinavia.

Descrición[editar | editar a fonte]

Individuo novo.
Adulto en plumaxe de inverno.

As movellas son aves acuáticas que adoitan ter un tamaño maior que o dun pato, con plumaxes nas partes superiores con padróns de cor negra con pintas brancas, e as inferiores brancas, aínda que algúns dos seus membros teñen a cabeza e o pescozo grises. As movellas nadan co corpo semimergullado e teñen a cola curta. Teñen as patas curtas e situadas moi atrás e con dedas palmadas, o que as converte en grandes mergulladores, pero fainos torpes en terra. Os seus bicos son rectos e bicudos.

A movella de bico branco en verán posúe unha plumaxe negra nas partes superiores cun denso debuxo de pintas brancas a modo de dameiro, mentres que as súas partes inferiores son brancas, e rodeando o seu pescozo presenta unha banda de finas liñas brancas e negras, a modo de colar incompleto por detrás. Caracterízase polo seu bico lixeiramente curvado cara a arriba e de tonalidade branca ou amarelada, que o diferencia do resto de movellas. Mide uns 80 cm de longo e 130 cm de envergadura alar. En inverno as súas partes superiores vólvense de cor cincenta e a súa gorxa e pescozo vólvense brancos como o resto das partes inferiores.

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

A movella de bico branco é unha das cinco especies do xénero Gavia, o único xénero da familia Gaviidae e a orde Gaviiformes.[6] A movella de bico branco foi descrita cientificamente polo zoólogo inglés George Robert Gray en 1859,[6] co nome de Colymbus adamsii. Durante moito tempo estivo clasificada, como o resto da súa familia, xunto aos mergullóns na orde Colymbiformes. Cando se invalidou o xénero Colymbus e se separaron os colimbos dos mergullóns en dúas ordes distintas, Gaviiformes e Podicipediformes respectivamente, os seus integrantes trasladáronse ao xénero Gavia, proposto por Johann Reinhold Forster en 1788. Non se recoñecen subespecies da movella de bico branco malia a súa ampla distribución.[7] Está estreitamente emparentada coa movella grande.

O nome do xénero, Gavia, é un termo latino que designaba unha ave mariña non identificada,[8] mentres que o seu nome específico, adamsii significa 'de Adams', en honra do médico naval e naturalista inglés Edward Adams,[9] que en varias viaxes polo ártico debuxou e recolectou exemplares desta especie e moitas outras.[10]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A movella de bico branco é unha especie que cría principalmente nas costas do Ártico, chegando ata o paralelo 78° N, e pasa o inverno nas augas costeiras do Pacífico norte e do noroeste de Noruega.[11] A súa zona de cría rexístrase en Rusia, Canadá e Estados Unidos.[1] Aínda que pasa o inverno principalmente ao norte do paralelo 50° N, a súa área de invernada esténdese cara ao sur ata o paralelo 35° N nas costas do Xapón,[11] e observouse como divagante en máis de 20 países,[1] incluídos algúns tan ao sur como México e España.[12][1]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente de peixes, aínda que tamén come crustáceos, moluscos e anélidos. Atrapa as súas presas mergullándose.[11]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Como os demais colimbos forma parellas duradeiras. Aínda que prefire as charcas e lagos de auga doce da tundra, a movella de bico branco tamén cría nos ríos, estuarios e costas baixas do ártico. En xeral evita as zonas forestais. A época de cría adoita empezar en xuño, aínda que depende da época na que se produza o desxeo primaveral. Como os demais membros da súa familia esta movella aniña preto da beira da auga. A cópula ten lugar en terra, sen un cortexo complexo. A femia adoita poñer dous ovos. Durante a época de cría a parella defende un territorio grande dos intrusos, aínda que máis adiante poden unirse a outros individuos nos puntos de boa pesca.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2012). "Gavia adamsii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.4 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 18 de febreiro de 2011. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para movella.
  3. Dicionario Digalego movella Arquivado 20 de agosto de 2018 en Wayback Machine.
  4. Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa. 
  5. "mobella de bico amarelo". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024. 
  6. 6,0 6,1 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Gaviiformes
  7. Frank Gill e David Donsker. Loons, penguins, petrels. IOC World Bird List versión 5.4.
  8. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 171. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  9. Johnsgard, Paul A. (1987). "Diving Birds of North America: Appendices". University of Nebraska, Lincoln. p. 265. Consultado o 6 de marzo de 2010. 
  10. Holloway, Joel Ellis (2003). Dictionary of birds of the United States: Scientific and Common Names. Portland, OR, USA: Timber Press. p. 99. ISBN 0-88192-600-0. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Carboneras 1992, p. 172
  12. Howell, Steve N.G.; Webb, Sophie (1995). A Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America. Oxford University Press. p. 93. ISBN 0-19-854012-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carboneras, Carles (1992). "Family Gaviidae (Divers)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 162–172. ISBN 84-87334-10-5. 
  • Hume, Rob (2002). Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]