Mirza Begić

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mirza Begić
Mirza Begić 2013.jpg
Begić no EuroBasket 2013
Dominion Bilbao Basket  – No. 14
Pivote
Información persoal
Nacemento 9 de xullo de 1985 (32 anos)
Flag of SR Bosnia and Herzegovina.svg Bijeljina, RS de Bosnia e Herzegovina, RFS de Iugoslavia
Nacionalidade Flag of Slovenia.svg Eslovenia/Bosnia
Altura 2,16 m (7 ft 1 in)
Peso oficial 120 kg (265 lb)
Información da carreira
Carreira dende 2003
Historial de equipos
Flag of Bosnia and Herzegovina.svg KK Sloboda Tuzla (2001–2002)
Flag of Slovenia.svg Union Olimpija II (2002–2003)
Flag of Slovenia.svg Triglav Kranj (2003–2004)
Flag of Belgium.svg Huy Basket (2004–2005)
Flag of Italy.svg Virtus Bologna (2005–2006)
Flag of Slovenia.svg KD Slovan (2006–2007)
Flag of Slovenia.svg KK Union Olimpija (2007–2009)
Flag of Lithuania.svg BC Žalgiris Kaunas (2009–2010)
Flag of Spain.svg Real Madrid (2011–2013)
Flag of Greece.svg Olympiacos BC (2013–2014)
Flag of Slovenia.svg Union Olimpija (2014)
Flag of Spain.svg Laboral Kutxa (2014–2015)
Flag of Spain.svg Bilbao Basket (2015–presente)
Premios e galardóns

1× Mundial de Clubs da FIBA (2013)

Mirza Begić, nado o 9 de xullo de 1985 en Bijeljina, é un xogador profesional de baloncesto con pasaporte esloveno que xoga para o Dominion Bilbao Basket da Liga ACB. Cunha altura de 2,16 metros, xoga na posición de pivote.

Traxectoria profesional[editar | editar a fonte]

Club[editar | editar a fonte]

Begić comezou a xogar profesionalmente no KK Sloboda Tuzla bosnio, onde estivo ata o ano 2002. Alí fixo o seu debut coma profesional na tempada 2001-02 na liga bosnia. En 2002 trasladouse a Eslovenia, onde pasou por tres equipos en tres anos: o KK Koper, o filial do KK Union Olimpija e o Triglav Kranj. Na súa primeira tempada na liga eslovena, Begić acadou 7.0 puntos, 5.0 rebotes e 1.7 minutos por encontro.

No ano 2004, fichou polo Virtus Bologna italiano, pero na primeira tempada foi cedido ó Huy Basket belga, onde fixo 6.3 puntos e 4.2 rebotes por partido. Na seguinte tempada xa en Boloña, foi cortado polo equipo. Na tempada 2006-07, volveu a Eslovenia, ó fichar polo KD Slovan. Alí mellorou os seus rexistros, chegando a case 10 puntos e 6 rebotes por encontro na Liga ABA e na liga eslovena. Ó remate da tempada, presentouse ó Draft da NBA de 2007, pero non foi elixido por ningún equipo.

O 30 de xullo de 2007, asinou un contrato de dous anos co KK Union Olimpija, equipo co cal debutou na Euroliga. Nesta segunda etapa no Union Olimpija, gañou ligas e dúas copas eslovenas, nos anos 2008 e 2009. O 24 de novembro de 2008 renovou o seu contrato por dúas tempadas máis, pero na tempada 2009-10 fichou polo Žalgiris Kaunas lituano, onde se proclamou campión da Baltic Basketball League no ano 2010.

O 18 de xaneiro de 2011, Begić fichou polo Real Madrid da Liga ACB ata o remate da tempada 2012-13.[1] Begić debutou co Real Madrid o 30 de xaneiro de 2011 na vitoria do seu equipo por 61-62 na pista do Assignia Manresa. Begić contribuiu con dous puntos saíndo dende o banco. Na tempada 2011/12, proclamouse campión da Copa do Rei na vitoria do Real Madrid sobre o FC Barcelona Regal por 74-91, onde achegou 10 puntos, 4 rebotes e 2 tapóns. Na tempada seguinte, a 2012/13, gañou a Liga ACB e a Supercopa de España. Ademais, disputou a final da Euroliga, onde o Real Madrid perdeu por 100-88 contra o Olympiacos grego.

Foi precisamente o Olympiacos o equipo que fichou por dous anos a Begić ó remate da tempada, o 20 de xullo de 2013.[2] Tras unha tempada, deixou o Olympiacos.

O 20 de setembro de 2014, Begić asinou un contrato dun ano co Union Olimpija.[3] O 19 de novembro de 2014, rematou a súa segunda etapa no club esloveno para asinar un contrato dun mes co Laboral Kutxa da Liga ACB.[4] O 24 de decembro de 2014, extendeu o seu contrato co Laboral Kutxa ata o remate da tempada.[5]

Selección[editar | editar a fonte]

Begić comezou a súa traxectoria coma internacional na selección sub-20 de Eslovenia, coa que disputou en Rusia o Eurobasket sub-20 no ano 2005. Eslovenia rematou na 10ª praza, e Begić foi o máximo taponador do torneo, ó facer 5.5 tapóns por encontro en 8 partidos disputados.

Xa coa selección absoluta, disputou o Eurobasket de 2011, no que Eslovenia rematou na 7ª posición. Begić rematou o torneo sendo o máximo taponador, con 1.9 tapóns por partido, e o décimo máximo reboteador, con 6.5 rebotes por encontro. No ano 2013 xogou de novo o Eurobasket con Eslovenia, rematando na 5ª posición, e sendo de novo un dos máximos taponadores do campionato, con 1.5 por partido.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]