Miguel Tellado
Nome orixinal | Miguel Ángel Tellado Filgueira |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 21 de febreiro de 1974 Ferrol, A Coruña, Galicia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Española |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | Político |
Partido político | Partido Popular |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Miguel Ángel Tellado Filgueira, nado en Ferrol o 21 de febreiro de 1974, é un político galego, secretario xeral do PPdeG.
Traxectoria
Licenciado en Ciencias Políticas e Sociais pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1997 traballou como xornalista en diversos medios de comunicación locais da comarca de Ferrolterra. Foi xefe de prensa do Concello de Ferrol (2003-2007), xefe de prensa do Grupo Popular na Deputación da Coruña (2007-2009), xefe de Gabinete da Consellería de Traballo e Benestar (2009-2011) e xefe de Gabinete da alcaldía de Ferrol tras as eleccións municipais de 2011. Entrou no Parlamento de Galicia en 2012 e, actualmente, é secretario xeral do PPdeG.
Carreira política
Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012 ocupou o número catro da candidatura do PP pola provincia da Coruña. Na súa condición de Deputado Autonómico na IX Lexislatura do Parlamento de Galicia é voceiro do PPdeG en asuntos de emprego. Foi secretario da Comisión 3ª de Economía e Orzamentos e vocal das Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego e da Comisión 6ª de Economía e Industria. Nesta Comisión encargouse dos asuntos relacionados coa comarca de Ferrol, e especialmente do relativo ó sector naval.
O 16 de setembro de 2014 o Comité Executivo do PPdeG designouno, portavoz do partido[1], cargo no que sucedeu a Paula Prado del Río.
En maio de 2016, no marco do XVI Congreso do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo propúxoo para converterse en secretario xeral[2] da formación sucedendo a Alfonso Rueda Valenzuela como número dous da formación.
Tras as Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016 foi reelixido deputado autonómico. No Grupo Parlamentario Popular da Cámara galega ocupa o cargo de viceportavoz. Ademais é portavoz do PPdeG na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo e voceiro do Grupo na área de Industria e Emprego.
En febreiro de 2017 entrou a formar parte do Comité Executivo Nacional do Partido Popular[3].
Notas
- ↑ "Miguel Tellado, nuevo portavoz del PPdeG". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-09-15. Consultado o 2017-02-21.
- ↑ "Miguel Tellado será el nuevo secretario xeral del PPdeG". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-05-07. Consultado o 2017-02-21.
- ↑ Press, Europa (2017-02-11). "Tellado entra en el Comité Ejecutivo del PP, en el que se sentarán siete gallegos además de Rajoy". europapress.es (en castelán). Consultado o 2017-02-21.