Miguel López Torre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miguel López Torre
Nacemento1893
Lugar de nacementoPontedeume
Falecemento25 de xullo de 1958
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónlibreiro
editar datos en Wikidata ]

Miguel López Torre nado en Pontedeume en 1893 e finado o 25 de xullo de 1958, foi un libreiro e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Galiza, mais viviu na Habana até os 16 anos, para máis tarde regresar á súa vila natal en 1909. Á súa chegada, mergullouse no mundo das letras, tanto na faceta de escritor como de libreiro; inaugurou a primeira libraría de Pontedeume[Cómpre referencia] no ano 1922 e a primeira imprenta en 1923. Décadas máis tarde, os Talleres Gráficos López Torre serían un referente editorial en Galiza.

Os seus primeiros traballos literarios viron a luz en publicacións periódicas de carácter local, como Ecos del Eume ou Breamo, e noutras de ámbito galego como La Voz de Galicia. Durante a década de 1920 foi arquivando unha serie de datos históricos sobre a bisbarra eumesa e Galiza en xeral, material do que, en gran parte, se serviu o seu amigo Antonio Couceiro Freijomil para completar a Historia de Pontedeume e a súa Comarca.

Foi sempre moi activo na vida cultural de Pontedeume. En 1933 foi nomeado director artístico da recentemente creada sociedade literaria musical Euterpe. Escribiu versos para as distintas comparsas de carnaval e colaborou durante anos con artigos que se publicaron nos programas-revistas anuais con motivo das festas patronais.

En 1936 comezou a padecer unha grave enfermidade (artrite reumatoide) que ao pouco tempo o prostrou nunha invalidez que o acompañou o resto da súa vida. Durante este tempo concibiu Romanceiro do Eume un libro de poemas que se publicou por primeira vez en 1958, dous meses antes do seu falecemento . Pero antes, tivo a dita de escoitar, a través de Radio Nacional de España os seus versos, preparados e radiados por Fonópolis en Madrid, baixo a cariñosa dedicación do seu grande amigo o xornalista e historiador José María Basanta Barro.

Durante os vinte e dous anos que durou a súa longa enfermidade, traballou incansablemente na recompilación de datos para a elaboración dunha guía turística da bisbarra eumesa, sen abandonar os artigos de costumes e a poesía. En 1976 publícouse, a título póstumo, a súa obra en galego Do Tear Esquecido, prologada por Xosé María Pérez Parallé.

En 1981, o seu fillo Miguel López Piñeiro culminou finalmente un vello sono do seu pai, ao actualizar os datos e fotografar os recantos da bisbarra, para sacar á luz Pontedeume y la Comarca, a primeira guía turística desta vila [1], que fora declarada Monumento Histórico-Artístico a mediados do século XX, e dos sete concellos que a rodean (Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Monfero, Vilarmaior e Miño).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Torre, Miguel (1981). Pontedeume y la comarca. Pontedeume: López Torre.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]