Maxila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esquema dun crustáceo malacostráceo.
No céfalon, móstranse (en cor rosada) as mandíbulas, as maxílulas e as maxilas.

As maxilas son unhas das pezas bucais dos artrópodos mandibulados (crustáceos, miriápodos e insectos).

Trátase de dous pares de pezas provistas dun pequeno apéndice denominado palpo.

Hai que ter en conta que as denominacións nos diferentes grupos crea certa confusión. Nos insectos chámanse maxilas ao primeiro par de maxilas, chamándose labio á estrutura formada pola fusión do segundo par de maxilas. O mesmo ocorre nos miriápodos; cando presentan segundo par de maxilas, estas están fusionadas co primeiro par. Nos crustáceos, chamanse maxílulas ao primeiro par de maxilas, denominándose simplemente maxilas ao segundo par.

Crustáceos[editar | editar a fonte]

Nos crustáceos, as maxilas son cada un dos dous quintos apénices cefálicos, situados no segmento maxilar, moi delgados (moito máis que as mandíbulas), birrámeos, compostos, nos malacostráceos decápodos, por un endopodito mastigador e un exopodito alongado e curvo de función ventiladora.[1]

Insectos[editar | editar a fonte]

Adaptacións das pezas bucais dos insectos.
lr (vermello): labro, md (verde): mandíbulas, mx (amarelo): maxilas, lb (azul): labio.

Nos insectos, as maxilas son cada un dos dous apéndices laterais, compostos por varios artellos e frecuentemente dotados de palpos sensoriais, que están situados entre as mandíbulas e o segundo par de maxilas, que están fusionadas formando o labio. Parten do cuarto segmanto cefálico, e a súa función é a mastigación do alimento.[2]

Constan dos seguintes elementos:

  • Cardo
  • Estipes
  • Palpígero
  • Palpo maxilar
  • Lacinia
  • Galea

Miriápodos[editar | editar a fonte]

Nos miriápodos pode faltar o segundo par de maxilas, ou poden darse diferentes tipos de fusións. Así:

  • Nos diplópodos e paurópodos o primeiro par de maxilas (maxílulas) está fusionado orixinando o gnatoquilario, e o segundo par de maxilas está ausente.
  • Nos quilópodos, ambos os pares de maxilas están fusionados.
  • Nos sínfilos, o primeiro par de maxilas está separado e o segundo par de maxilas fusionado para formar un labio, como nos insectos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. maxila (Arthropoda:Crustacea), en Garrido, Carlos (1997).
  2. maxila (Arthropoda:Insecta), en Garrido, Carlos (1997).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]