Maud Lewis
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Maud Kathleen Dowley 7 de marzo de 1903 Yarmouth |
Morte | 30 de xullo de 1970 (67 anos) Digby, Canadá (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Canadá |
Actividade | |
Campo de traballo | Folk art (en) e pintura |
Lugar de traballo | Marshalltown (en) |
Ocupación | pintora , artista |
Familia | |
Cónxuxe | Everett Lewis |
Maud Kathleen Lewis, nada como Dowley en Yarmouth[1] o 7 de marzo de 1903 e finada en Digby o 30 de xullo de 1970, foi unha pintora folclórica canadense de Nova Escocia, unha das artistas populares máis recoñecidas do Canadá[2].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na vila Yarmouth[3], filla de John e Agnes (Germain) Dowley[4] que xa contaban cun fillo máis. Maud tiña eivas de nacemento e, finalmente, desenvolveu artrite reumatoide, o que reduciu a súa mobilidade, especialmente nas mans. Foi súa nai quen a introduciu no mundo da arte ao aprenderlle a facer tarxetas de Nadal debuxadas e pintadas a man para a venda[5].
Dunha relación con Emery Allen, de Digby, deu a luz á súa filla, Catherine Dowley, en 1928 e despois de Allen abandonar a Dowley e súa filla, continuou a vivir na casa cos seus pais. Un tribunal ordenou a adopción de Catherine, por carecer de recursos para a coidar. En 1935 morreu seu pai e en 1937 súa nai[4] e despois de vivir con seu irmán por un curto período de tempo, mudouse a Digby con súa tía.
Casou con Everett Lewis, un vendedo itinerante de peixe de Marshalltown, o 16 de xaneiro de 1938, á idade de 34 anos[6]. Segundo Everett, Maud apareceu na súa porta en resposta a un anuncio que puxera nas tendas locais para contratar unha muller residente que se encargase dos labores na casa para un solteiro de corente anos. Unhas semanas despois casaron[4]. Os dous viviron cas de Everett, dun só cuarto, en Marshalltown, a poucos quilómetros ao oeste de Digby. A casa converteuse no estudo de Maud e Everett encargábase do traballo doméstico[7].
Maud acompañaba a seu marido no percorrido que facía pola contorna co peixe para vender as súas tarxetas de Nadal a 25 céntimos, e coa boa acollida animouse a pintar noutro tipo de superficies, como cartóns de embalaxe, reverso das caixas de galletas de cartón, masonita. Pintou toda a súa casa e o que contiña, sen lle importar o tipo de superficie: muros, portas, fiestras, tixolas e recubriu totalmente o papel pintado da casa con motivos que recordan as plantas: follas, flores, talos[8]. Seu home sempre a apoiou e mercoulle o seu primeiro xogo de óleos [8]. Nos últimos anos da súa vida, a súa saúde deteriorouse, con numerosas visitas ao hospital; non obstante, Maud seguiu a pintar todo o que puido ata a súa morte en 1970. Seu home morreu en 1979 ao acoitelar un ladrón nun intento de roubo na súa casa[9].
Obra
[editar | editar a fonte]A maioría das obras de Maud Lewis son pinturas con escenas ao aire libre, como barcos aboiando no mar, cabalos que tiran de zorras, patinadores, imaxes de cans, gatos, cervos, aves e vacas. A súa inspiración vén principalmente dos recordos da mocidade: paisaxes e xente da rexión de Yarmouth e Digby e tamén tomou ideas das tarxetas de Nadal comerciais e dos calendarios.
A maioría das súas obras son pequenas, con frecuencia de 20 cm x 25 cm. Aínda que, cando menos, realizou cinco de 60 cm x 90 cm. A lonxitude e o alcance dos seus brazos, moi limitado polo avance da artrite, influía nas dimensións das pinturas que realizaba. Utilizaba a miúdo taboleiros murais e tubos de Tinsol, unha pintura ao óleo. Case sempre seguía o mesmo ritual ao pintar: aplicar unha capa de pintura branca, debuxar un esbozo e finalmente aplicar a pintura directamente dos tubo, xa que nunca mesturou ou combinou cores[10].
Consérvanse poucas pinturas súas da década de 1940 pero ao inicio desa década pintou 22 persianas exteriores para unha familia estadounidense, os Chaplin/Wennerstrom, en Port Mouton; a maior parte das persianas son de dimensións considerables: 150 cm x 48 cm e forman parte agora da colección Clearwater Fine Foods Inc. Entre 1945 et 1950, moita xente paraba regularmente en Marshalltown para lle mercar as súas pinturas por 2 ou 3 dólares canadenses, e tan só nos últimos tres ou catro anos da vida de Maud comezou a vender pinturas ao prezo de 7 ou 10 dólares ao coller sona a partir da publicación en 1964 dun artigo nun xornal de Toronto, o Star Weekly e en 1965 apareceu como figura destacada nun Telescope, unha serie de CBC Television. Por mor da artrite non puido completar todos os pedidos xerados por este tardío recoñecemento nacional.
Casa
[editar | editar a fonte]Despois da morte do marido de Maud, a casa comezou a se deteriorar. Coa misión de salvar a casa como monumento hisórico, xente da rexión formou a Maud Lewis Painted House Society.. En 1984 a provincia de Nova Escocia comprou a casa que quedou ao coidado da Galería de Arte de Nova Escocia, como museo provincial, que a restaurou e instalou no museo como parte da exposición permanente Maud Lewis[4]. No lugar onde estaba a casa instalouse un memorial en aceiro concibido polo arquitecto Brian MacKay-Lyons. En 1999 un pescador, Murray Ross, construíu unha réplica da casa de Maud a poucos quilómetros de Digby[11].
Legado
[editar | editar a fonte]A Oficina Nacional do Cinema do Canadá realizou tres documentais sobre a obra de Maud Lewis: Maud Lewis - A World Without Shadows (1976),[12] The Illuminated Life of Maud Lewis (1998) e I Can Make Art ... Like Maud Lewis (2005). Este último é unha curtametraxe no que alumnos de 6ª grao inspirados polo traballo de Lewis crean as súas propias pinturas folclóricas[13]
En 2009 a Galería de Arte de Nova Escocia en colaboración con Greg Thompson Productions, produciu unha peza de teatro sobre Lewis A Happy Heart: The Maud Lewis Story escrita por Greg Thompson en 2008.
O filme Maudie[14]con guión de Sherry White tivo a súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2016. A película, baseada na vida da artista, dirixiuna Aisling Walsh protagonizada por Sally Hawkins como Maud e Ethan Hawke como Everett Lewis.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lance Woolaver (2016). Maud Lewis: The Heart on the Door. Spencer Books. p. 13.
- ↑ Erin Morton (2016). For Folk’s Sake: Art and Economy in Twentieth-Century Nova Scotia. McGill-Queen's University Press. p. xvi.
- ↑ Antes da publicación da biografía de Lance Woolaver sostíñase que nacera na pequena aldea próxima de South Ohio
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Maud Lewis". Art Gallery of Nova Scotia.
- ↑ "Digby County: A Journey Through Time. Maud Lewis". virtualmuseum.ca. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2015. Consultado o 06 de xuño de 2020.
- ↑ "Yarmouth promoting its Maud Lewis" Arquivado 12 de xullo de 2018 en Wayback Machine.. John DeMings, Digby Courier7 de xuño de 2014
- ↑ Lance Woolaver (1995). The Illuminated Life of Maud Lewis. pp. 16–21. ISBN 1-55109-176-3.
- ↑ 8,0 8,1 Laurie Hamilton (2001) The Painted House of Maud Lewis. Goose Lane Editions, p. 34
- ↑ Lance Woolaver (1995). The Illuminated Life of Maud Lewis. p. 81. ISBN 1-55109-176-3.
- ↑ "Women's work : a selection of work by 4 significant Nova Scotia artists : Maria Morris, Alice Hagen, Maud Lewis, Suzanne Swannie.". Mount Saint Vincent University. Art Gallery. 1981.
- ↑ Jeanne Whitehead (3 de decembro de 2008). "Renewed appreciation for Maud Lewis replica". The Digby Courier. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 08 de xuño de 2020.
- ↑ "Maud Lewis: A World Without Shadows". Online documentary. National Film Board of Canada. 1976. Arquivado dende o orixinal (Adobe Flash) o 25 de marzo 2011. Consultado o 18 de marzo de 2011.
- ↑ Churchill, Jane (2005). "I Can Make Art ... Like Maud Lewis". National Film Board of Canada. Arquivado dende o orixinal o 2009-06-21.
- ↑ "Maudie explores folk artist’s love for another N.S. outsider". Halifax Chronicle-Herald. 26 de febreiro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 7 de agosto de 2015.
- ↑ "Maudie". Toronto International Film Festival. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2016.