Marvel Comics

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo

Marvel Comics é unha editorial estadounidense de banda deseñada, con sede en 387 Park Avenue South, en Nova York. Entre as súas revistas máis famosas encontramos os Catro Fantásticos, Spiderman, Hulk, Capitán América e X-Men. É unha das dúas empresas estadounidenses máis importantes, xunto a DC Comics, dende a década de 1960. Actualmente, conta con máis de 4.700 personaxes.

O 31 de agosto de 2009, a empresa The Walt Disney Company anuncia a compra da marca Marvel Entertainment por 4.000 millóns de dólares[Cómpre referencia], traspasando así preto de 5.000 personaxes ao mundo Disney Enterprises, Inc..

Historia[editar | editar a fonte]

Timely Comics (anos 40).
Atlas Comics (anos 50).

Marvel foi fundada nos anos 30 do século XX, utilizando varios nomes, entre os cales Timely Comics foi o máis utilizado). A súa primeira publicación foi en 1939 co primeiro número da revista Marvel Comics, onde se deron as primeiras aparicións do superheroe Antorcha Humana (non a dos Catro Fantásticos, senón un androide con poderes moi semellantes que reaparecería no universo Marvel ao longo dos anos 80-90) e o antiheroe Namor, (o Príncipe Submarino). Durante os anos 40 a Timely tamén era coñecida por publicar o seu heroe patriota Capitán América.

Nos anos 50, xuntamente coas restantes editoras, a Marvel atravesou tempos difíciles. Durante esta década publicou principalmente historias con monstros, en xeral condimentadas lixeiramente con ficción científica. Durante esta época, a empresa foi coñecida por Atlas Comics ou Timely/Atlas.

DC Comics estaba a conseguir éxito ao renacer o xénero de superheroes de banda deseñada ao final dos anos 50 e comezos dos anos 60, e a Marvel decidiu seguir o mesmo camiño, para o cal os seus empregados Stan Lee (edición e argumento) e Jack Kirby (arte) crean os Catro Fantásticos. A revista foi un éxito e a Marvel comezou a publicar outros títulos de superheroes. O que tivo máis éxito foi o de Spiderman, por Stan Lee e Steve Dikto.

Os libros da Marvel distinguíanse dos demais polo universo no que se desenvolvían era máis próximo á realidade. Os argumentos exploraban a caracterización das personaxes. No caso de Spiderman, era un heroe con algunha falta de autoestima e moitos problemas mundanos, semellantes ao de moitos adolescentes. Este novo ollar acabou por revolucionar, co paso do tempo, a banda deseñada norteamericana. Lee gañou prestixio e foi durante algúns anos o director da empresa.

No inicio dos anos 70 unha serie de novos directores traballaran para a empresa nunha época non moi favorábel para esta industria. Ao final desa década a Marvel estaba novamente de boa saúde, grazas ás novas estratexias de mercadotecnia na distribución e á renovación do título X-Men, por Chris Claremont e John Byrne.

Nos anos 80, Jim Shooter era o director. A pesar da súa personalidade controvertida conseguiu eliminar algúns dos males da empresa, como a falta de publicación das revistas no prazo debido, e promover un renacemento creativo na empresa.

No ano 1981 a Marvel comprou os estudios de animación DePatie-Freleng Enterprises, do famoso animador dos Looney Tunes, Frit Freleng. A empresa foi rebautizada como Marvel Productions Ltd. e produciu series de debuxos animados bastante coñecidas, como G.I. Joe, Transformers e Muppet Babies.

En 1988 a Marvel foi comprada polo produtor e empresario Ronald Perelman, que colocou a empresa na bolsa de Nova York e promoveu o aumento do número de títulos publicados. Entre tanto, a empresa vendeu o seu catálogo de animación a Saban Entertainment e pecharon permanentemente o estudio de animación, optando por contratar terceiros para producir os seus proxectos de animación.

A Marvel gañou bastante diñeiro no inicio dos anos 90 debido ao boom da banda deseñada nos Estados Unidos, pero a mediados da década apareceron acusacións de que Perelman tirara todos os cartos da empresa en beneficio propio. Como consecuencia, a industria de distribución de revistas de banda deseñada sufriu un grande abalo cando a Marvel anunciou que o seu distribuidor exclusivo pasaría a ser o Heroes World. A perda potencial da maior empresa da industria, orixinou o peche das actividades da maioría dos distribuidores. Hoxe só existe unha grande distribuidora de banda deseñada nos Estados Unidos, a Diamond Distribution, o que moitos peritos xulgan ter causado inmenso dano na industria da banda deseñada.

O investidor Carl Icahn tentou obter o control da Marvel, pero por loitas xurídicas, o control da empresa foi entregado en 1997 a Isaac Perlmutter, propietario da Toy Biz, unha das empresas do grupo. Co seu socio Avi Arad e os seus nomeados (e controvertidos) editor Bill Jemas e o director Joe Quesada, Perlmutter reergueu a Marvel. Co gallo da revitalización das revistas da empresa, algúns dos seus personaxes foran adaptados para se tornaren filmes de éxito, principalmente X-Men e Spiderman.

A Marvel mantense coma unha das principais editoras norteamericanas de banda deseñada, mesmo nunha altura na que a industria é apenas unha fracción do que foi décadas atrás. Stan Lee xa non está oficialmente ligado á empresa, pero permanece un nome coñecido na industria e ocasionalmente demostra o seu cariño polos personaxes.

En 2001, a Marvel Comics retirouse da Comics Code Authority e estableceu o seu propio sistema de clasificación para as súas revistas. Creou tamén novas liñas editoriais, incluíndo unha destinada a adolescentes máis vellos (Marvel Knights) e outra a adultos (MAX).

Editores xefe[editar | editar a fonte]

Os editores xefe de Marvel foron figuras de gran poder, tendo a última palabra en decisións creativas da compañía.

A Marvel no cine[editar | editar a fonte]

Os principais personaxes da Marvel foron adaptados ao cinema. Orixinalmente isto fíxose mediante o outorgamento de licenzas a diferentes compañías. O caso máis coñecido é o de Spider-Man, cuxos dereitos de explotación cinematográfica foron vendidos a Sony en 1998 por 10 millóns de dólares[1], quen faría tres filmes na década seguinte:

O éxito destes filmes nos cinemas e en DVD levou a Marvel a tentar capitalizar ese éxito por si mesma mediante o proxecto que posteriormente se denominaría Universo Cinematográfico de Marvel (UCM). Desenvolvido en diferentes fases (en 2022 está en plena fase 4 e xa ten proxectadas as fases 5 e 6), o seu primeiro título foi Iron Man (2008), ao que seguirían filmes sobre outros supereheroes ou grupos de superheroes como Capitán América, Thor, Os Vingadores, a Viúva Vermella ou Doutor Estraño.

De maneira análoga aos filmes, Marvel cedeu inicialmente os dereitos de explotación dalgúns superheroes en forma de serie á plataforma Netflix para a súa estrea mediante vídeo baixo demanda. Así naceron as seguintes miniseries:

Posteriormente, da como propiedade de Disney, desenvolvéronse distintas miniseries que forman parte das distintas fases do UCM, como:

Notas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]