María Xosé Queizán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 18 de novembro de 2008 ás 00:10 por Todesfuge (conversa | contribucións)

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) é escritora, catedrática de lingua e literatura galega, e figura relevante no movemento feminista en España. Comezou a súa carreira como escritora na súa adolescencia, escribindo artigos para o periódico vigués "El Pueblo Gallego". Nos cincuenta participou en obras de teatro, chegando a crear en 1959 o "Teatro de Arte y Ensayo de la Asociación de la Prensa de Vigo", e a fundar e dirixir de 1967 a 1968 o "Teatro Popular Galego". O seu carácter emprendedor e o seu amor polo teatro levárona a desempeñar varios papeis a cargo de diversas organizacións, como codiretora do grupo teatral Feministas Independentes Galegas (FIGA), directora da galería de arte Roizara de Vigo, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller do concello de Vigo e directora e organizadora do I encontro de Mujeres Poetas Peninsulares y de las Islas (1996). O seu labor como escritora diversifícase en todos os xénero e estilos: novela, conto, ensaio, teatro e poesía; tamén é tradutora. Os seus ensaios feministas tratan temas tan controvertidos como a colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade biolóxica e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica.

Labor literario

A principios dos setenta trasladouse a París, onde coñece a nova novela francesa, o que a axudará a escribir a súa primeira novela, A orella no buraco, obra incluída na Nova Narrativa Galega. En 1977 publica o ensaio A muller en Galicia ao que lle seguiría en 1980 Recuperemos as mans e, en 1998, Misoxinia e racismo na poesía de Pondal. Creou a revista Festa da palabra silenciada, feita só por mulleres, a cal cordina e dirixe dende 1983. En 1989 publicou unha obra de teatro, Antígona ou a forza do sangue, coa que queda finalista do Premio Álvaro Cunqueiro. Outra obra de teatro, Non convén chorar máis, permanece inédita. Obtivo tamén o Premio da Xunta de Galicia polo guión de cine Prisciliano. O seu primer poemario Metáfora da metáfora aparece en 1991, seguido por Despertar das amantes en 1993 e Fóra de min en 1994. Como traductora, figuran no seu haber pezas como: O caderno azul de Marguerite Yourcenar, e tamén contos de Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlote Perkins.

Obra

Teatro

  • Non convén chorar máis (Inédita).
  • A Cartuxeira.
  • Parados.
  • Antígona, a forza do sangue. Finalista do Premio Álvaro Cunqueiro 1989.

Cine

Narrativa

  • A orella no buraco. Novela.
  • Tolería para unha desmitificación. Conto.
  • A semellanza. Novela.
  • Eros e Tanatos. Conto.
  • O tapete de ganchillo. Conto.
  • Amantia. Novela.
  • O segredo da Pedra Figueira. Novela.
  • Amor de tango. Novela.
  • O solpor da cupletista. Novela.
  • Ten o seu punto a fresca rosa. Novela
  • ¡Sentinela, alerta!. Novela

Ensaio

  • A muller en Galicia.
  • A nova narrativa ou a loita contra o sentimentalis.
  • Recuperemos as mans.
  • A muller galega no ensino. A muller e a cultura.
  • Evidencias.
  • Escrita da certeza. Por un feminismo optimista.
  • Marxismo e feminismo.
  • Construír a paz.
  • Misoxinia e racismo na poesía de Pondal.
  • Anti natura, Xerais, 2008.

Poesía

  • Metáfora da metáfora.
  • Despertar das amantes.
  • Fóra de min.
  • Non o abras como unha flor: poesía reunida 1980-2004
  • Cólera.

Véxase tamén

Ligazóns externas