Manuel Molares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Molares
Nacemento1916
Lugar de nacementoSalvaterra de Miño
Falecemento1 de maio de 2018
Lugar de falecementoPontedeume
NacionalidadeEspaña
OcupaciónKijacy, emprendedor e empresa de comércio varejista
editar datos en Wikidata ]

Manuel Molares Porto, nado en Salvaterra de Miño en 1916 e finado o 1 de maio de 2018 en Pontedeume, foi un empresario galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun telegrafista, comezou a traballar na pousada da estación de tren de Salvaterra. Alí coñeceu un vendedor de biblias, que o iniciou no protestantismo, que sería a súa crenza todo o resto da vida. Os seus estudos fíxoos na escola de ferroviarios, e chegou a gardavías cando, aínda con 19 anos, o sorprendeu a Guerra Civil. Participou na contenda, e chegou a estar nun pelotón de fusilamento polas súas crenzas relixiosas.

Ao remate da Guerra, traballou na Renfe como xefe de estación en Pontedeume, pero foi expulsado da empresa acusado de facer proselitismo protestante[1]. Abriu negocio pois como drogueiro e farmacéutico, e asociado a Zeltia[1], distribuíu un produto contra o escaravello da pataca que lle deu riqueza. Tamén na comarca do Eume abriu negocio como axente de viaxes, para xestionar pasaxes á emigración americana, e fíxose distribuidor de produtos tan diversos como o gas butano en Pontedeume, vendedor das cerámicas do Castro e de Sargadelos, grazas á súa amizade con Isaac Díaz Pardo, ou de venda e mantemento de electrodomésticos.

Foi nomeado xuíz de paz en Pontedeume[2], posición que mantivo varias décadas, e tamén colaborou como xornalista co Faro de Vigo.

Pegada cultural[editar | editar a fonte]

A triloxía Evanxélica memoria, de Xavier Alcalá, centrada no funcionamento da comunidade protestante en Galicia, está inspirada na vida e na obra de Manuel Molares[3].

Foi un dos maiores impulsores do protestantismo en Galicia na segunda metade do século XX.[Cómpre referencia] Á súa amizade con Manuel Fraga atribúenlle algúns autores influencia na Lei de Liberdade Relixiosa do franquismo[1].

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Estivo casado e tivo cinco fillos, que herdaron os seus negocios. Un dos seus fillos é o xornalista e opinador Manuel Molares do Val.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Alcalá, Xavier (3 de maio de 2018). "Adeus a un emprendedor exemplar". La Voz de Galicia. 
  2. "La ‘evanxélica memoria’ de Manuel Molares dice adiós con 101 años". protestantedigital (en inglés). Consultado o 2018-05-03. 
  3. Press, Europa (2010-03-16). "Xavier Alcalá cierra la historia "desconocida" de la represión sufrida por los evangélicos en España con 'Una falsa luz'". europapress.es (en castelán). Consultado o 2018-05-03.