Mártires de Brens
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Os mártires de Brens foron un grupo de oito veciños de Cee e da bisbarra da Costa da Morte, todos operarios e nalgúns casos dirixentes sindicais da Fábrica de Brens, pertencente na altura á empresa Sociedade Hidroeléctrica do Pindo, e que foron fusilados o 9 de decembro de 1936 polo réxime franquista pola súa militancia política e sindical, e especialmente por liderar unha folga sindical en oposición ao Golpe de Estado do 18 de xullo, e en defensa do goberno da República, da propia fábrica e da liberdade do pobo.
O grupo estaba formado por Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira e Domingo López Domínguez. Outras persoas relacionadas cos feitos foron, entre outras, Jacobo González Mosquera, Avelino Trillo Casal (de Berroxe), Cándido Lema Santos (de Fadibón), José Díaz Cernadas, Manuel López, Domingo Trillo (de Berroxe) e Roberto Mayán.
As causas abertas contra a maioría dos acusados, e a maioría da información que conservamos do suceso, débense a sucesivas declaracións e informes do daquela xefe da fábrica Eduardo Garrone de Cristóforis, colaborador do golpe.
Folga de xullo do 36
[editar | editar a fonte]Ante as noticias da insurrección militar, dirixentes sindicais e operarios da fábrica de Brens comezan a organizar a defensa civil, con diversas iniciativas entre as que estivo unha folga sindical organizada o 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da factoría e do pobo de Cee. Segundo o propio Garrone, esa noite Norberto Recamán comparece nas instalacións chamando ao cadro de persoal a armarse e prepararse para a folga. Axiña corre a voz entre os operarios, que secundan a iniciativa.
Eduardo Garrone de Cristóforis, cidadán italiano e na altura xefe da fábrica, comezou inmediatamente a colaborar cos insurrectos delatando aos participantes na reacción ao golpe militar e mesmo proporcionando aos golpistas os perfiles persoais, laborais e ideolóxicos detallados para poderen desmantelar a cúpula sindical da factoría e represaliar aos dirixentes da folga. Elabora un relato dos feitos describindo os seus operarios coma indesexábeis, perigosos, revolucionarios, exaltados ou marxistas, segundo o contexto, constatando non só a súa disposición a converterse en delator dos seus propios empregados senón tamén a súa afinidade ideolóxica cos alzados. Ademais de encabezar a maioría dos seus escritos cun Viva España, chega a expresar ao xuíz a súa decepción pola conduta dun deses obreiros, Jacobo González, quen chegara á factoría recomendado por amigos coruñeses, derechistas, que lo creían de los suyos (sic).
Fusilamento dos dirixentes sindicais
[editar | editar a fonte]En base ás informacións de Garrone o mando golpista instruíu unha causa militar con número 1.112 que detería e remataría sentenciando á morte aos oito operarios considerados dirixentes da folga, e que serían fusilados o 9 de decembro de 1936 ás sete da mañá no Polvorín de Adurmideiras, sito nas proximidades da Punta Herminia, na cidade da Coruña.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Prieto, Lourenzo; et al. (2011). A represión franquista na comarca da Coruña. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-288-7.