Luís Bouza Trillo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de agosto de 1869 Vilagarcía de Arousa, España |
Morte | 29 de decembro de 1941 (72 anos) Vilagarcía de Arousa, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Fillos | Fermín Bouza-Brey, Luís Bouza-Brey Trillo |
Luís Bouza Trillo de Figueroa, nado en Vilagarcía de Arousa o 1 de agosto de 1869 e finado na súa vila natal o 29 de decembro de 1941, foi un xornalista e escritor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou no Seminario de Santiago de Compostela, pero abandonouno para dedicarse ao xornalismo. Foi redactor de El Fin del Siglo, fundou e dirixiu a revista La Estrella Galaica, onde publicou relatos e poesías en galego e en castelán (ás veces cos pseudónimos Magdalena de Monteblanco ou Gonzalo), e en Vilagarcía Crónica Carrileña (1893). Marchou a Huelva como oficial primeiro de Obras Públicas en 1898. Regresou a Galicia e dirixiu en Vilagarcía El Faro de las Rías (1909), La Opinión (1912) e El Pueblo (1913) e colaborou noutros periódicos (La Integridad, Gaceta de Galicia, El Defensor de Granada e El Tea). O seu poema “Esperanzas” acadou o premio dos Xogos Florais lugueses (1900) e “Plegaria” foi premiado polo Ateneo de Sevilla (1908). Participou na celebración do Centenario da Guerra da Independencia co poema “Aos héroes da Arousa”.
Durante a Segunda República foi tenente de alcalde de Vilagarcía. Ao estalar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 15 de novembro e multado.
Obras
[editar | editar a fonte]Deixou varios libros inéditos, entre eles un poemario galego-castelán titulado Hojas Secas e Amor que mata (drama en castelán). A súa novela curta La Torre de Miadelo empezou a publicarse na Crónica Carrileña e os seus relatos Nubes de Otoño, noutros xornais. Publicou dous relatos en galego en La Estrella Galaica: "Xan Canitrote (conto popular)" e "O polisón".
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Fillo de Manuel Bouza, de San Xurxo de Sacos, e mais de Narcisa Trillo, de Santiago de Compostela[1]. Casado con Orencia Brey Lores, foi pai de Fermín Bouza-Brey e Luís Bouza-Brey Trillo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV.AA. (1992). Fermín Bouza Brey. Unha fotobiografía. Xerais. p. 34.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abuín Duro, Marcelino (2018). La primavera rota. Vilagarcía de Arousa, 1936-1941. Abegondo: Sociedad Bibliográfica de Galicia. p. 192. ISBN 978-84-09-02453-7.
- Centro Ramón Piñeiro, ed. (2003). Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve) (PDF). Santiago de Compostela. pp. 41–42. ISBN 84-453-3736-X. Consultado o 9 de novembro de 2013.