Lucrezia Borgia
Lucrezia Borgia, nada en Subiaco o 18 de abril de 1480 e finada en Ferrara o 24 de xuño de 1519, filla ilexítima do cardeal Roderic Llançol de Borja (máis tarde papa Alexandre VI), foi unha das figuras femininas máis controvertidas do Renacemento italiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dende que tiña once anos estivo suxeita a unha política de matrimonio vinculada ás ambicións políticas do seu pai primeiro e logo do seu irmán César Borgia. Cando o seu pai accedeu ao trono papal, foi inicialmente dada como esposa a Xoán Sforza, señor de Pesaro, mais uns anos despois, trala anulación do seu matrimonio, Lucrecia casou con Afonso de Aragón, fillo ilexítimo de Afonso II de Nápoles. Un cambio nas alianzas, que achegou os Borgia ao partido pro-francés, conduciu ao asasinato de Afonso por orde de César.[1]
Despois dun breve período de loito pasado en Nepi co seu primeiro fillo, Rodrigo de Aragón, Lucrecia participou activamente nas negociacións da súa terceira voda con Afonso I d'Este, primoxénito de Ercole, duque de Ferrara, quen tivo que aceptala como esposa.[2] Na corte de Este, Lucrecia conseguiu facer esquecer a súa orixe como filla ilexítima do Papa, os seus dous matrimonios infrutuosos e todo o seu pasado tormentoso; de feito, grazas á súa beleza e á súa intelixencia, fíxose benquerida tanto pola súa nova familia como pola poboación de Ferrara.
Adquiriu fama de hábil política e diplomática, até o punto de que o seu marido chegou a confiarlle o manexo político e administrativo do ducado cando tiña que ausentarse de Ferrara. Tamén foi unha mecenas activa, acollendo na corte a poetas e humanistas como Ludovico Ariosto, Pietro Bembo, Gian Giorgio Trissino e Ercole Strozzi.
Dende 1512, por mor das desgrazas que a afectaron a ela e á casa ferraresa, Lucrecia comezou a usar un cilicio, inscribiuse na Orde Franciscana Secular, uniuse aos seguidores de San Bernardino e Catarina de Siena e fundou o Monte de Piedade de Ferrara para socorrer os pobres.[3][4] Morreu en 1519, aos trinta e nove anos, debido a complicacións nun parto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bradford 2005, p. 87.
- ↑ Cloulas 1989, p. 263-264.
- ↑ Bradford 2005, p. 290-291.
- ↑ Montanelli 2003, p. 346.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lucrezia Borgia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bellonci, Maria (2011). Lucrezia Borgia. Milán: Mondadori. ISBN 978-88-04-45101-3.
- Bradford, Sarah (2005). Lucrezia Borgia. La storia vera. Milán: Mondadori. ISBN 88-04-55627-7.
- Cloulas, Ivan (1989). I Borgia. Roma: Salerno Editrice. ISBN 88-8402-009-3.
- Montanelli, Indro (2003). Storia d'Italia: il Rinascimento (vol. 2, 1250-1600). Milán.