Loris Malaguzzi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Loris Malaguzzi
Nacemento23 de febreiro de 1920
 Correggio
Falecemento30 de xaneiro de 1994
 Correggio
NacionalidadeItalia e Reino de Italia
Alma máterUniversidade de Urbino
Ocupaciónpedagogo
editar datos en Wikidata ]

Loris Malaguzzi, nado en Correggio o 23 de febreiro de 1920 e finado en Reggio Emilia o 30 de xaneiro de 1994, foi un mestre, pedagogo, deportista e psicólogo italiano, fundador do proxecto pedagóxico levado a cabo na cidade italiana de Reggio Emilia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Loris Malaguzzi viviu a súa infancia xunto coa súa familia nunha casa na praza Piazza Flume de Reggio Emilia. Malaguzzi consideraba esta praza como un lugar importante na súa infancia, na súa formación, e na súa consciencia de felicidade, do permitido e do prohibido. Estudou Pedagoxía e no seu traballo educativo aplicou ideas de moi diferentes campos do saber, como a arte, o deseño, a arquitectura, a bioloxía ou a química.

Militou no Partido Comunista de Italia, aínda que sempre mantendo unha grande autonomía e espírito crítico. Entre 1947 e 1951 dirixiu a edición de Reggio Emilia do xornal Il progresso d'Italia. En 1954 cofundou o Teatro Club canda o poeta Corrado Costa, e como director teatral puxo en escena obras de Samuel Beckett, Bertolt Brech ou Eugène Ionesco entre outros.

Proxecto pedagóxico[editar | editar a fonte]

Criticou durante toda a súa a vida os apuntamentos e ideas de diferentes psicólogos, mestres ou autores que falaran ou traballaran no ámbito da Educación como Jean Piaget ou Sigmund Freud. Para el a concepción da infancia significaba:

Todos aqueles [...] que se puxeron a reflexionar seriamente sobre os nenos/as sempre remataron por descubrir non tanto as debilidades e os límites da infancia, senón máis ben a sorprendente e extraordinaria forza das súas potencialidades, das súas capacidades e o seu inmediato protagonismo interactivo un dos puntos principais da nosa filosofía, coincide con esa imaxe do neno. Un neno que, desde o nacemento, desexa sentirse parte do mundo, usar activamente unha complexa (e aínda non valorada) rede de capacidades e de aprendizaxes, e capaz de organizar relacións e mapas de orientación persoal, interpersoal, social, cognitiva, afectiva e ata simbólica.

Malaguzzi dedicou toda a súa vida á construción dunha experiencia de calidade educativa, que a partir dunha enorme escoita, respecto e consideración das potencialidades dos nenos e nenas, pode recoñecer o dereito destes a ser educados en contextos dignos, esixentes e acordes con ditas capacidades, que as persoas adultas non debemos traizoar.

O proxecto das escolas infantís de Reggio Emilia nace despois da Segunda Guerra Mundial, en 1945, cando algúns grupos de mulleres constrúen coas súas propias mans e cos ladrillos das casas derrubadas polos bombardeos as primeiras Escolas Infantís para nenos de tres a seis anos.

En 1963 o Concello de Reggio funda a primeira Escola Infantil laica para ese tramo de idade. Malaguzzi foi nomeado director pedagóxico, e ocupou ese posto ata xubilarse en 1985. O concello de Reggio Emilia, que estaba gobernado pola esquerda nese momento, mostrou o seu apoio á creación desta primeira escola laica para nenos e nenas de 3 a 6 anos fronte aos grandes intereses das ordes relixiosas ás que ata ese momento estaba vinculada a educación. Como proxecto de carácter social e comunitario, a escola trasladábase unha vez á semana á cidade.

O traballo que desenvolvía Loris Malaguzzi nestes centros dirixíase tanto á actividade na propia escola infantil, mirando e escoitando aos nenos e nenas e reflexionando co profesorado, como divulgando a experiencia por todo o mundo mediante viaxes e conferencias. Para difundir a experiencia deséñase a mostra L'occhio se salta il muro ("O ollo salta o muro"), unha exposición itinerante que recolle a experiencia educativa das escolas de Reggio. Esta mostra lévase e ensínase arredor de todo o mundo.

A cidade Reggiana fíxose famosa polo enfoque educativo das súas escolas para nenos e nenas menores de seis anos. Os centros educativos que seguen o seu proxecto son visitados por persoal docente. En 1993 creouse Reggio Children, unha sociedade de capital público e privado que trata de promover a experiencia reggiana en todo o mundo posibilitando a visita das numerosas persoas que queren coñecer e estudar esta experiencia.

Obra[editar | editar a fonte]

Os libros máis recoñecidos nos cales se fala do labor pedagóxico de Loris Malaguzzi son:

  • (1971) Esperienze per una nuova scuola dell'infanzia : atti del seminario di studio tenuto a Reggio Emilia il 18-19-20 marzo 1971 (ed.), Roma : Editori Riuniti.
  • L'approccio di Reggio Emilia all'educazione dell'infanzia
  • Revista Zerosei (director)
  • Revista Bambini, Azzano S. Paolo : Edición júnior. (director)
  • (1987) I cento linguaggi dei bambini : narrativa del possibile = The hundred languages of children : narrative of the possible [exposición], Reggio Emilia, Italia : Coptip Modena.

Premios[editar | editar a fonte]

1992- Premio LEGO, concedido a persoas ou institucións que contribuíron de forma excepcional a mellorar a calidade de vida dos nenos/as en calquera parte do mundo. 1993- Premio Khol (Chicago), que galardoa a eminentes personalidades da Pedagoxía.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]