Saltar ao contido

London Eye

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O London Eye.
Ao atardecer.

O London Eye (ollo de Londres), tamén coñecido como Millennium Wheel (nora do milenio), rematado en 1999 e aberto ao público en marzo do ano 2000, foi a maior nora-miradoiro do mundo ata a apertura da Estrela de Nanchang en maio de 2006, e a posterior Singapore Flyer no 2008. O London Eye alcanza os 135 metros de altura sobre o extremo occidental dos Jubilee Gardens, no South Park do Támese entre as pontes de Westminster e Hungerford. A nora está ó lado de County Hall e fronte ás oficinas do Ministerio de Defensa.

Deseñado polos arquitectos David Marks, Julia Barfield, Malcolm Cook, Mark Sparrowhawk, Steven Chilton e Nic Bailey, a nora conta con 32 cápsulas para pasaxeiros seladas e climatizadas suxeitas a súa circunferencia externa. Xira a 0,26 m/s (uns 0,9 km/h), polo que cada volta completa supón uns 30 minutos. A nora non adoita deterse para que os pasaxeiros suban: a velocidade de xiro é o suficientemente baixa como para que estes poidan subir e baixar facilmente das cápsulas a nivel do chan. Porén, detense para permitir que pasaxeiros discapacitados ou anciáns teñan tempo de subir e baixar con seguridade. A roda de London Eye está suxeita por radios e aseméllase a unha enorme roda de bicicleta, como foi representada nun cartel publicitario dunha carreira ciclista benéfica. Foi construída en seccións que flotaban sobre barcazas no Támese e ensambláronse tumbadas sobre pontóns. Cando a roda foi completada levantouse coa axuda de grúas a unha velocidade de 2 graos por hora ata acadar os 65º. Estivo nesta posición durante unha semana mentres que os enxeñeiros preparaban a segunda fase de izado. O peso total é de 1700 toneladas.

Foi inaugurada polo primeiro ministro británico Tony Blair o 31 de decembro de 1999, aínda que non se abriu ao público ata o mes de marzo do ano seguinte, debido a problemas técnicos. Desde a súa apertura, o London Eye, xestionado por The Tussauds Group co patrocinio de British Airways, actualmente é un importante punto de referencia e atracción turística londiniense.

Desde o 1 de xaneiro de 2005 o London Eye é o punto central das celebracións do Aninovo de Londres, cun espectáculo de fogos artificiais de 10 minutos. No 2006 Tussauds é propietaria do 100% do London Eye, mantendo British Airways o patrocinio da atracción. Tussauds, British Airways e a familia Marks Barfield (os principais arquitectos) xa foran propietarios dun terzo cada un.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]