Lingua franca nova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lingua franca nova
Creado por: C. George Boeree
Emprego e uso: Lingua auxiliar internacional
Total de falantes: 970 en Facebook[1]
Categoria (propósito): Lingua artificial
 Lingua auxiliar internacional
  Lingua franca nova
Categoria (fontes): Linguas románicas
Estatuto oficial
Lingua oficial de: ningún país.
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2:
ISO 639-3: lfn

A lingua franca nova (ou LFN) é unha lingua artificial creada polo doutor C. George Boeree da Universidade de Shippensburg, en Pensilvania. Baséase no francés, o italiano, o portugués, o español e o catalán. Ten unha ortografía fonética e escríbese mediante 21 letras do alfabeto latino, aínda que tamén pode escribirse con letras do alfabeto cirílico.

A súa gramática é a dun crioulo latino, moi simplificado, pero é tan expresiva como unha lingua natural.

Historia[editar | editar a fonte]

C. George Boeree comezou a traballar nela en 1965. O seu obxectivo era crear unha lingua internacional que fose simple e similar aos idiomas crioulos. Tiña en mente a lingua franca, un pidgin utilizado na contorna Mediterránea desde o século XIV até ben entrado o XIX. Baseouse en 5 linguas neolatinas xa próximas entre se (o francés, o italiano, o portugués, o español e o catalán; este último por unha razón de neutralidade.) A LFN fixo a súa aparición en Internet en 1998[2].

Un grupo Yahoo! iniciouse en 2002 por Bjorn Madsen. Stefan Fisahn creou tamén un wiki dedicado a esta lingua en 2005 (que figuran a continuación). Presentacións e outros textos están dispoñibles en 12 linguas. Atópanse tamén varios dicionarios, un tutorial e distintos textos (orixinais e traducións). Unha das diferenzas máis importantes desta lingua é o papel que tiveron e teñen os falantes. A comunidade contribuíu significativamente á evolución da lingua. Stefan Fisahn creou en 2005 un wiki para a lingua que hoxe conta con máis de 1300 páxinas e 13.000 edicións[3].

Existe unha revista mensual chamada Orizones Nova (Novos horizontes) de interese xeral, esta foi publicada por David McLeod en 2006 até finais de 2007.

Introducións á lingua e gramáticas hai dispoñibles en 12 idiomas[4], aínda que non todas son boas traducións, por iso os membros da súa comunidade aconsellan estudalo principalmente en Inglés ou Español.

O dicionario máis completo (LFN - Inglés) foi confeccionado por Simon Davies, e ten preto de 10,000 entradas. Tamén é posible atopar pequenos dicionarios en diferentes linguas que son de boa calidade.

Características[editar | editar a fonte]

  1. Ten un número limitado de fonemas. Soa similar ao italiano ou ao español.
  2. Escríbese como se pronuncia. Ningún neno ten que pasar anos aprendendo irregularidades.
  3. Ten unha gramática totalmente regular, como todos os crioulos do mundo.
  4. Ten un sistema limitado e totalmente regular de afixos produtivos para crear novas palabras.
  5. Ten regras ben definidas para a orde das palabras, en harmonía con moitos idiomas importantes.
  6. Ten unha lista de palabras totalmente baseadas en linguas románicas modernas. Estes idiomas están moi estendidos, son moi influentes e contribuíron á maior parte do vocabulario do inglés.
  7. Está deseñado para aceptar con naturalidade os neoloxismos técnicos latinos e gregos, o “estándar mundial” de facto.
  8. Está deseñado para ser relativamente “natural” para os que estean familiarizados coas linguas románicas, sen ser moito máis difícil para os demais.

Comunidade[editar | editar a fonte]

Segundo o dicionario de lingua franca nova, un elefenista é un partidario ou falante do idioma.

A súa comunidade de falantes activos é duns 100, mentres que se calcula en 200 aqueles que o poden comprender aínda que non falar correctamente.

Entre os elefenistas máis importantes destacan:

  • C. George Boeree, creador do idioma e principal editor da Wikipedia en lingua franca nova. Morreu en 2021.
  • Simon Davies, un dos principais desenvolvedores do idioma. É tamén o principal tradutor a este idioma e o autor do primeiro libro publicado en lingua franca nova.
  • Vicente Costalago, quen escribe baixo o pseudónimo de "Chabi", é o iniciador da Wikipedia en lingua franca e autor de moitos persoais e artigos alí. Escribiu numerosas obras neste idioma, como a primeira novela orixinal ou o Disionario de mitolojia clasica.
  • Daniel Alegretti, tradutor do primeiro texto escrito na lingua, Colinas como elefantes branca.
  • Jean-Claude Caraco, quen escribiu baixo o pseudónimo "Sunido", foi un dos principais escritores neste idioma. Morreu en 2015.
  • Harri Savolainen foi quen traduciu La fem joven veni de sua amor e Wini-la-Pu a elefen. Tamén creou o "dialecto" lingwa franka moderna.
  • Guido Crufio, autor de moitas poesías orixinais.
  • Patrick Chevin, tradutor de poesías francesas dos séculos XIV ao XX e creador do dialecto "elefanto".
  • Dave MacLeod, tradutor de Sun Tzu e de "Orizones Nova".
  • Brian Mansberger, autor do libro Encontra la familia[5].

Literatura[editar | editar a fonte]

Desde a súa creación, a lingua franca nova ten unha literatura composta por textos orixinais e traducidos.[6]

Literatura traducida[editar | editar a fonte]

O primeiro texto traducido foi Colinas como elefantes blanca, de Ernest Hemingway traducido por Daniel Alegrett en 1999. É un exemplo de lingua franca nova antiga[7]​:

La colinas tra la vale de la Ebro eseva longa e blanca. Esta parte no ave ombra e no arbores, e la stasion eseva entra du linias de ferovia su la sol. Prosima contra un lado de la stasion, aveva la ombra tepida de la construida e un cortina, fada de cordas de granos de bambu, pendente tra la porta abrida a en la beveria, per mantenir la moscas a estra. La american e la fia ce le acompaniava, sentava se a un tabla su la ombra, estra la construida. Eseva multe calda, e la tren rapida da Barselona venira en cuatrodes minutos. El parava se en esta stasion entra dudes minutos e partiva a Madrid.
  • La cade de la Casa de Usor, de Edgar Allan Poe; traducido por Simon Davies, 2008
  • Jigante egoiste, de Oscar Wilde; traducido por Simon Davies, 2008
  • La prinse peti, de Antoine de Saint Exupéry; traducido por Simon Davies, 2009
  • Alisia en la pais de mervelias, de Lewis Carroll; traducido por Simon Davies, 2010
  • Un canta de natal, de Charles Dickens; traducido por Simon Davies, 2010
  • Leteras de la tera, de Mark Twain; traducido por George Boeree, 2010.
  • Re Lear, de William Shakespeare; traducido por George Boeree, 2014/2016.
  • Eneida, de Vergilio; traducido por Simon Davies.

En 2008 apareceron outras traducións, "Bocragonia" (o poema "Jabberwocky" de Lewis Carroll) e La cade de la Casa de Usor, traducido por Simon Davies[8]. Este elenista traduciu outras obras como Alisia en la pais de mervelias, traducida en 2010 e publicada en 2012, o que a converteu na primeira publicación en papel nesta lingua.

Velaquí un extracto de Alisia en la pais de mervelias, un exemplo da lingua case no seu estadio final:

“A acel dirije,” la Gato dise, brandante se pedeta destra, “un Xapor abita: e a acel dirije,” brandante la otra pedeta, “un Lepre de Marto. Visita la un o la otra, como tu desira: ambos es fol.”
“Ma me no vole pasa entre persones fol,” Alisia comenta.
“O! tu no pote evita lo,” la Gato dise: “asi, tota de nos es fol. Me es fol. Tu es fol.”
“Como tu sabe ce me es fol?” Alisia dise.
“Sin duta tu es,” la Gato dise, “car si no, tu no ta veni asi.”

Simon Davies tamén traduciu La prinse peti, de Antoine de Saint Exupéry, en 2009. Nun principio, este texto foi traducido por outra persoa pero, despois de descubrir que non se trataba dunha tradución do orixinal, senón a partir do inglés, Simon Davies decidiu volver traducilo desde o principio.

Entre 2013 e 2014 Simon Davies tamén traduciu Tra la miror, e lo cual Alisia trova a ultra[8].

En 2014 C. G. Boeree traduciu La trajedia de re Lear, de William Shakespeare, sendo a primeira obra teatral traducida a lingua franca nova[8].

En 2018 Simon Davies traduciu Un studia en scarlata e o 29 de abril de 2019 acabou a tradución do primeiro libro da Eneida[8].

Me canta armas e la om ci, de la costas de Troia, escluida par fortuna, ia veni la prima a Italia e la bordas Lavinian, multe lansada sur la teras e la profonda par la fortia de la altas, su la coleria memoriosa de Juno savaje; multe ance en gera el ia sufri, asta fundi un site e introdui dios a Latio, de do es la popla Latina, la padres de Alba Longa, e la murones de Roma alta.

O 22 de xuño de 2019 publicouse a tradución de Vicente Costalago do Evanjelio de San Marco[8], baseándose para iso nas versións en inglés e en castelán da Biblia vaticana. É o terceiro texto completo da Biblia traducido a este idioma, sendo a Segunda Epístola de San Xoán o segundo, traducido polo mesmo autor en 2008; e o Eclesiastés o primeiro, traducido por Dave MacLeod en 2006. Traducíronse fragmentos doutras partes da Biblia, como partes dos Evanxeos de San Lucas e de San Xoán.

O 10 de novembro de 2019, Vicente Costalago traduciu o primeiro capítulo do Quixote e o 22 de febreiro de 2020, acabou a tradución do Evanjelio de San Mateo.

Literatura orixinal[editar | editar a fonte]

A maior parte da literatura en lingua franca nova é literatura traducida.

A literatura orixinal está formada principalmente por poesía, sendo Guido Crufio o elefenista que máis poesías orixinais escribiu neste idioma. Caben destacar as súas poesías Lingua franca nova (un poesia) e Druid la dragon[9].

A primeira novela orixinal escrita neste idioma é La xerca per Pahoa[10], publicada en maio de 2020 por Vicente Costalago. Nela, nárranse as aventuras de Joan, que saíu do seu reino para buscar a espada Pahoa, coa cal podía demostrar que era o único herdeiro do reino de Lincuo.

Literatura para nenos[editar | editar a fonte]

La crea de la mundo, un conto para nenos.

Aínda que a literatura desta lingua ten poucos libros, existes varios para nenos, entre os que se atopan:

  • Encontra la familia[5]
  • Blancaneva[11]
  • Fables de Esopo
  • Frate Jaco[12]
  • Senerela[13]

En 2020, Vicente Costalago escribiu varios libros para nenos, como Naras per enfantes[14], con contos tradicionais; Nos conose la mundo[15], cunha presentación sobre España; Ci é ci?[16], con biografías sobres persoas famosas e un libro sobre animais[17].

Outras obras[editar | editar a fonte]

Outras obras, quizais non literarias, son a gramática, o dicionario do idioma e a revista Orizones Nova. Tamén existe un dicionario de mitoloxía clásica creado por Vicente Costalago e publicado en liña en maio de 2019[18].

En 2006, C. G. Boeree empezou a traducir o seu libro A istoria de psicolojia, o cal acabou en 2019[19].

Outros libros de texto son Leteratur romanica e elefen[20] publicado por Vicente Costalago en 2020 quen o 12 de marzo de 2020 tamén publicou Istoria de Europa[21] e o 16 de marzo do mesmo ano publicou Cultur clasica[22]. Todos estes libros foron revisados por Simon Davies.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Lingua Franca Nova". Facebook (en inglés). Consultado o 9 de marzo de 2017. 
  2. Costalago 2020, p. 37.
  3. Costalago 2020, p. 38.
  4. "Introduis a la gramatica" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 5 de xaneiro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 Encontra la familia
  6. "Leteratur" (en Lingua Franca Nova). 
  7. Costalago 2020, p. 43.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Costalago 2020, p. 44.
  9. Druid la dragon
  10. La xerca per Pahoa
  11. "Blancaneva" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  12. "Frate Jaco" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  13. "Senerela" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  14. "Naras per enfantes" (PDF) (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  15. "Nos conose la mundo" (PDF) (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  16. "Ci es ci?" (PDF) (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  17. "On conose la animales" (PDF) (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  18. "Disionario de mitolojia clasica" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  19. "La istoria de psicolojia" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  20. "Leteratur romanica e elefen" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  21. "Istoria de Europa" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 
  22. "Cultur clasica" (en Lingua Franca Nova). Consultado o 11 de xaneiro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]