Lamina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As proteínas laminas nucleares, tamén chamadas filamentos intermedios de clase V, son proteínas fibrosas que desempeñan unha función estrutural e unha regulación transcricional no núcleo da célula. As laminas nucleares interaccionan con proteínas asociadas á membrana nuclear interna para formar a lámina nuclear na cara interna da envoltura nuclear (obsérvese a ortografía de lamina e lámina). Están implicadas na rotura e rexeneración da envoltura nuclear durante a mitose, e no posicionamento dos poros nucleares.

Tipos de laminas[editar | editar a fonte]

Nas células animais existen as laminas A e B, as cales difiren na súa lonxitude e punto isoeléctrico. As células humanas teñen tres xenes regulados diferentemente para codificar estas proteínas.

  • As laminas de tipo B están presentes en todas as células, e poden ser B1 e B2. As laminas B1 e B2 son o resultado da expresión dos xenes LMNB1 e LMNB2 situados en 5q23 e 19q13, respectivamente.
  • As laminas de tipo A só se expresan na gastrulación do embrión. Dentro do tipo A as laminas máis comúns son as laminas A e C, que son variantes orixinadas por un distinto splicing (corte do ARNm) procedentes do xene LMNA, situado en 1q21.
  • As de tipo C tamén están suxeitas a unha expresión específica de tecido.

Función e estrutura[editar | editar a fonte]

Estas proteínas localízanse en dúas rexións do núcleo celular, a lámina nuclear (unha capa proteica situada debaixo da cara interna da envoltura nuclear) e no nucleoplasma, no chamado "veo" nucleoplásmico.

Se comparamos as laminas cos filamentos intermedios do citoesqueleto veremos que as laminas teñen uns 42 residuos extra (seis héptadas) na espiral 1b. O dominio da cola C-terminal contén un sinal de localización nuclear (NLS), un dominio cun pregamento de Ig, e en moitos casos unha caixa CAAX carboxilo-terminal que está isoprenilada e carboximetilada (a lamina C non ten a caixa CAAX). A lamina A sofre un procesamento posterior no que se lle eliminan os últimos 15 aminoácidos e a súa cisteína farnesilada.

As laminas A e C forman homodímeros que se asocian cabeza con cola.

Durante a mitose as laminas son fosforiladas por factores promotores da mitose (MPF), o cal orixina a desensamblaxe da lámina nuclear e de toda a envoltura nuclear. Despois da segregación dos cromosomas, a desfosforilación das laminas nucleares provoca a rexeneración da envoltura nuclear.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]