La Veu de Mallorca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La Veu de Mallorca foi o nome de varios periódicos semanais editados en Palma. A derradeira versión en papel desapareceu en 1931.[1] En 2009 o título renaceu en formato dixital.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeira época[editar | editar a fonte]

O primeiro editouse entre o 3 de febreiro e o 28 de abril de 1900 por Joan Torrandell Escales,[2] a imitación do modelo La Veu de Catalunya. Apoiaba a esquerda republicana federal e tiña como obxectivo defender a oficialidade do catalán, criticar o centralismo e o caciquismo e facer propostas políticas e económicas. Colaboraron Joan Alcover, Gabriel Alomar, Bartomeu Amengual, Rafael Ballester, Pere Càffaro, Miquel Costa i Llobera, Fèlix Escalas i Chamení, Joan Gay e Antoni Noguera, entre outros.

Tiña 4 páxinas e unha tiraxe duns 300 exemplares, redactábase en catalán con algún artigo en castelán.[2]

Segunda época[editar | editar a fonte]

O segundo foi outro semanario publicado en Palma entre o 4 de xaneiro de 1917 e o 15 de marzo de 1919,[2] dos que se publicaron 98 números. Desde 1918, foi o órgano do Centre Regionalista de Mallorca e tiña xa unha clara tendencia pancatalanista.[3] O director foi Francesc Muntaner Ordines, pero os directores efectivos foron Joan Estelrich i Artigues e Joan Pons i Marquès. O seu contido era máis literario que político e centrouse máis en cuestións culturais con influencia noucentista. Como colaboradores destacaron Antoni Maria Alcover, Joan Alcover, Gabriel Alomar, Guillem Colom, Miquel Costa i Llobera, Bartomeu Ferrà, Miquel Ferrà, Bartomeu Forteza, Guillem Forteza, Miquel Forteza, Antoni Pol, Joan Ramis de Ayreflor, Guillem Reynés ou Maria Antònia Salvà. Publicou traducións de autores estranxeiros, como Alphonse Daudet, Charles Dickens, Giacomo Leopardi e Alessandro Manzoni.

A circulación tiña entre 300 e 400 exemplares e tiña 8 páxinas. Desaparece tralo fracaso electoral do Centre Regionalista.[4]

Terceira época[editar | editar a fonte]

Volveu saír, nunha terceira época, como revista semanal desde o 17 de xaneiro ata o 19 de decembro de 1931.[2] Publicáronse 53 números como órgano do Centre Autonomista de Mallorca e foi dirixido por Andreu Ferrer Ginard. Defendeu o republicanismo e a autonomía, pero non era anticlerical. Avogou por unha política catalá próxima á da Lliga Catalana. Colaboraron Guillem Colom, Joan Estelrich e Artigues, Miquel Ferrà, Salvador Galmés e Maria Antònia Salvà. Tamén reproduciu artigos de Francesc Cambó, Lluís Nicolau d'Olwer e Antoni Rovira i Virgili.

A tiraxe comprendía entre 600 e 300 exemplares e tiña 4 ou 8 páxinas.

Cuarta época[editar | editar a fonte]

O 15 de decembro de 2009 reaparece como publicación dixital por iniciativa de Xarxa 2015, ligada á Obra Cultural Balear.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MToV (4-7-2018). "La Veu de Mallorca". enciclopedia.cat (en catalán). Consultado o 13-4-2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "La Veu de Mallorca". Gran Enciclopèdia de Mallorca, vol. 18 pp. 101-102 (en catalán). Consultado o 13-4-2020. 
  3. Rovira i Virgili (1916), p. 221
  4. 4,0 4,1 "Reneix La Veu de Mallorca". vilaweb.cat (en catalán). 16-12-2009. Consultado o 13-4-2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rovira i Virgili, Antonio (1916). El nacionalismo catalán. Su aspecto político. Los hechos, las ideas y los hombres. (en castelán). Barelona: Editorial Minerva. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]