La Arzuana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Arzuana
Tipoempresa
Data de fundación1884
Data de disolución1962
SedePrésaras
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

La Arzuana, máis tarde coñecida como Hilados y Tejidos de Vilasantar, foi unha fábrica de tecidos situada na parroquia de Présaras, no concello coruñés de Vilasantar, que funcionou dende 1882 ata 1962.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1882 constituíase a firma industrial Casimiro Macía Canal y Cía., por acordo entre o carpinteiro Casimiro Macía Canal, o tecelán Andrés Camprubí Genesca e o fundidor Manuel Solórzano Ibáñez. A fábrica de tecidos de algodón construíuse na marxe dereita do río Tambre no lugar de Foro (Présaras, Vilasantar). Ao ano seguinte, disolveríase a efémera sociedade, quedando Manuel como único propietario da fábrica.[1]

Manuel, xunto cos banqueiros lugueses Ramón e Luciano Soler, formaron en 1884 unha nova sociedade enriba da fábrica, La Arzuana.[2] Morto Manuel en 1895, a súa viúva, Basa Freire Fan, e os seus fillos, José Fernando, Rosa, e Fernando José, constituirían a razón social Viuda e hijos de Solórzano, baixo a que se explotou a fábrica durante cinco anos.

No 1900 a fábrica de tecidos de algodón La Arzuana foi adquirida polos irmáns Luis, Pilar e Elena Miranda Santos, fillos do empresario habaneiro Luis Miranda Vázquez, quen co seu socio, o banqueiro coruñés José Núñez de la Barca, explotaba dende 1872 a fábrica coruñesa de fiados e tecidos de algodón Núñez y Miranda. Os irmáns Miranda farían importantes inversións e ampliacións, e dende 1907 a fábrica La Arzuana xiraría baixo a razón social Hilados y Tejidos de Vilasantar, S.A.,[3] sociedade constituída cun millón e medio de pesetas de capital social.[4]

A fábrica viviu un grande esplendor durante o primeiro terzo de século, aínda que cun importante baixón durante a primeira guerra mundial: pasou de ter 41.463,2 pesetas de beneficios en 1913 a perdas nos anos 1914-1915 e 1917-1918. Os motivos das perdas foron varios, entre eles a escaseza de algodón. Ao remate da guerra, a fábrica recuperouse rapidamente da crise e pasou a ter beneficios de 39.413,9 pesetas en 1919, 44.559,8 en 1920, 400.872,6 en 1922 e 159.058,9 en 1923.[4]

Trala guerra civil española sufriu complicacións derivadas da carestía da materia prima, da perda xeneralizada de poder adquisitivo e a preferencia dos mercados polo tecido curado ou branco, e as dificultades para financiar as compras de algodón e o cobro das vendas.

As complicacións medraron xuntándose co malestar do persoal, folgas e mesmo problemas coa saída das mercadorías pola estación ferroviaria de Curtis. A partir de 1958 os irmáns Tomás e Enrique Rodríguez-Sabio Sánchez irían asumindo todas as facultades do Consello de Administración da sociedade.

O 8 de decembro de 1962 un misterioso incendio (popularmente crese que provocado) arrasaba as instalacións e poñía fin a 80 anos de traballo, nos que a fábrica foi o auténtico motor da zona e que provocou un aumento importante da poboación da parroquia e o florecemento doutros negocios. Hoxe as instalacións que sobreviviron son aproveitadas por unha explotación gandeira.[5]

Documental[editar | editar a fonte]

O 15 de setembro de 2018, estreouse no colexio de Pŕesaras o documental Tecido resistente: A silenciosa revolución das mulleres de Présaras, dirixido pola periodista Marina Chiavegatto, que conta a historia das mulleres que traballaron na fábrica.[6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Arzuana". www.asociacionbuxa.com. Consultado o 12-05-2018. 
  2. José Gutiérrez de la Vega (9 de outubro de 1884). "Circular n. 210. Fomento". Boletín oficial de la provincia de La Coruña (en castelán) (84). p. 1. 
  3. "Fábrica de hilados y tejidos de Vilasantar". Galicia: 20. 15 de xullo de 1907. 
  4. 4,0 4,1 Mirás Araujo, Jesús (2007). Continuidad y cambio en la España urbana en el período de entreguerras: análisis de una ciudad española (en castelán). Netbiblo. ISBN 978-8497450072. 
  5. "Cuando ellas revolucionarion Vilasantar" (en castelán). 31-01-2018. Consultado o 12-05-2018. 
  6. "'Tecido Resistente': o empoderamento feminino no rural galego a comezos do século XX". Praza Pública. 16 de setembro de 2018. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  7. "Una aldea poblada por mujeres con alas que marcó el principio del feminismo". El Ideal Gallego (en castelán). 13 de setembro de 2018. Consultado o 16 de setembro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez Íñiguez, M.ª de los Ángeles (2018). La fábrica de hilados y tejidos de Vilasantar (1882-1962) (en castelán). viveLibro. ISBN 978-84-17392-99-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]