Alfred Charles Kinsey
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de xuño de 1894 Hoboken, Estados Unidos de América |
Morte | 25 de agosto de 1956 (62 anos) Bloomington, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | pneumonía |
Lugar de sepultura | Rose Hill Cemetery (en) |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Bowdoin College (pt) Universidade Harvard Columbia High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Bioloxía |
Ocupación | biólogo, educador sexual, sociólogo, profesor universitario, psicólogo, sexólogo, zoólogo, médico, entomólogo, escritor |
Empregador | Universidade de Indiana (pt) |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Clara McMillen (1921–1956) |
Pais | Alfred Seguine Kinsey e Sarah Ann Charles |
Premios | |
Descrito pola fonte | Medvik >>>:Kinsey, Alfred C. (Alfred Charles), 1894-1956, Indiana Authors and Their Books, 1917-1966 (en) |
Alfred Charles Kinsey, nado en Hoboken (Nova Jersey) o 23 de xuño de 1894 e finado en Bloomington (Indiana) o 25 de agosto de 1956[1], foi un sexólogo estadounidense. Investigou o comportamento sexual humano durante a década dos anos 1940 e publicou unha serie de libros que revolucionaron as concepcións da época sobre a sexualidade humana.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A súa preparación científica e os seus primeiros anos: o zoólogo
[editar | editar a fonte]Entre 1914 e 1916 estudou no Bowdoin College de Brunswick (Maine, EUA) onde se licenciou en bioloxía e psicoloxía. A súa cualificación foi cum laude. Máis tarde, en setembro de 1919 doutorouse en bioloxía pola Universidade Harvard. En agosto de 1920 empezou a impartir clase como profesor asociado de zooloxía na Universidade de Indiana.[2] Durante este período dedicouse fundamentalmente á zooloxía. As súas investigacións iniciais centráronse no estudo dunha diminuta avespa. Axiña Kinsey conseguiu unha importante reputación grazas ás estas minuciosas investigacións, fundamentadas en análises estatísticos, en taxonomía e evolución animais.
Investigando o comportamento sexual dos seres humanos
[editar | editar a fonte]Non obstante, en 1938 ocorreu un feito que cambiaría o ámbito investigador do doutor Kinsey. Ese ano recibiu o encargo de impartir un curso sobre matrimonio, recentemente incorporado á oferta da Universidade de Indiana. Kinsey centrou as súas leccións nos aspectos biolóxicos do matrimonio. Inmediatamente quedou fascinado ó descubrir a complexidade do comportamento sexual humano e a escaseza, por non dicir, inexistencia de estudos ó respecto. Axiña Kinesy comezou a recompilar historiais sobre a vida sexual dos norteamericanos. Pero o seu traballo neste eido espertou unha forte polémica na comunidade universitaria de Indiana o que obrigou a Kinsey a proseguir as súas investigacións de forma privada. Kinsey elaborou un profuso test e dedicouse a viaxar por todo o leste dos Estados Unidos en busca de persoas dispostas a relatarlle a súa vida íntima. Para Kinsey foi todo un achado descubrir os submundos da prostitución e da homosexualidade.
En 1940 Kinsey puido contar por primeira vez cunha bolsa, ofrecida pola fundación Rockefeller, para continuar o seu proxecto. Inmediatamente contratou e adestrou un grupo de colaboradores. Con este equipo conseguiu confeccionar máis de 18.000 entrevistas. A partir destas entrevistas, Kinsey puido establecer diversas correlacións que estiveron na base do libro que publicou en 1948: Sexual Behavior in the Human Male ("O comportamento sexual no home"). Ademais o ano anterior á publicación do libro, isto é, en 1947 Kinsey acordou con Herman B. Wells, reitor da Universidade de Indiana, a creación do Institute for Sex Research ("Instituto para a Investigación Sexual"), rebautizado en 1982 como The Kinsey Institute for Research in Sex, Gender, and Reproduction ("Instituto Kinsey para a Investigación en Sexo, Xénero e Reprodución").
A figura pública do doutor Kinsey
[editar | editar a fonte]Alfred C. Kinsey morreu en 1956 ós 62 anos de idade convertido nunha autoridade mundial no inexplorado eido da sexualidade humana.
En vida, a partir da publicación en 1948 de Sexual Behavior in the Human Male, Alfred C. Kinsey, ata daquela un escuro e ignorado profesor da Universidade de Indiana, converteuse nunha figura pública de primeira orde. Na mente de moitos norteamericanos, Kinsey deveu nun sinónimo de sexo. Kinsey non deixou de cultivar esta faceta. De feito, dise que comezaba a maioría das súas conferencias dicindo que un 95% dos oíntes que acudiran a escoitalo se atopaban fóra da lei porque practicaban en actos sexuais ilegais como o adulterio, a felación, a homosexualidade ou a zoofilia.
Kinsey foi obxecto tanto de admiración coma de deostación. Aínda hoxe en día, a súa figura é para moitos polémica. En 1981, a doutora Judith Reisman acosouno de pederastia polas súas investigacións no eido da sexualidade infantil, acusación que reiterou en 1990 coa publicación dun libro denunciatorio. Reisman sostiña, sen ningunha evidencia a favor, que Kinsey secuestrara e abusara, así como fomentara o secuestro e abuso de menores, con fins investigadores. Tal acusación, desmontada nos tribunais, probablemente só tiña por obxecto desacreditar ó doutor Kinsey e uníase a unha longa serie de acusacións máis ou menos veladas sobre a vida sexual do propio doutor.
Sexual Behaviour in the Human Male
[editar | editar a fonte]O libro Sexual Behavior in the Human Male converteuse case de inmediato nun best-séller (vendeu máis de 200.000 ó pouco de aparecer) maila ser publicado nunha minúscula editorial especializada en obras científicas. Con todo, tratábase dun sisudo libro de difícil lectura, que abranguía máis de 800 páxinas, a maioría delas consagradas a defender a metodoloxía empregada e a presentar os resultados estatísticos obtidos. Non era, nin moito menos, un libro escabroso ou obsceno, como moitos puideron pensar.
Non obstante, Sexual Behavior in the Human Male era un libro polémico. As súas conclusións eran sorprendentes para os plácidos anos 1940. Por unha parte, reflectía que a vida sexual dos norteamericanos era moito máis activa do que confesaban en público, que case un terzo dos homes casados eran infieis, que case un 37% dos norteamericanos tivera polo menos unha experiencia homosexual, que case un 20% dos homes practicara sexo con animais. Para moitos estes feitos eran inaceptables dende un punto de vista moral ou relixioso.
Na esfera científica criticouse ademais a metodoloxía empregada para obter os resultados. Por un lado, negouse a veracidade estatística dos resultados. A maior crítica ó seu traballo vén dun concepto chamado "autoselección". Un dos elementos máis importantes para a neutralidade dun estudo estatístico é a selección da mostra. No estudo de Kinsey as persoas que contestaban a súa enquisa facíano voluntariamente, é dicir, autoseleccionábanse. Debido ó tema, arrodeado de tabús, era moi fácil que as persoas dispostas a falar de sexo fosen precisamente aquelas que vivían unha sexualidade máis complexa, activa ou enfermiza.
Ademais, Kinsey, probablemente pola súa propia extracción social, tendeu a escoller homes de raza branca, clase media e formación alta. Estes constituíron o núcleo principal da súa investigación. Frecuentou tamén os presidios nun intento de incluír suxeitos de clases máis baixo, pero evidentemente a poboación reclusa forma unha clase social aparte en nada representativa das clases sociais baixas. Por outro lado, non puido apenas conseguir entrevistas que abranguesen a grupos raciais non brancos. Por outro lado, tamén se alegou que Kinsey se deixou levar polos ambientes sexuais máis sórdidos tendendo a sobrevalorar a incidencia do adulterio, a homosexualidade, a pederastia ou a prostitución.
Sexual Behavior in the Human Female
[editar | editar a fonte]Maila as críticas, o doutor Kinsey volveu á carga en 1953 con Sexual Behavior in the Human Female, libro que analizaba o comportamento sexual das mulleres. O libro espertou unha grande expectación. De feito, no verán de 1953, semanas antes da publicación, Kinsey estaba tan preocupado con que a prensa presentase de xeito inexacto as súas investigacións, que convocou na súa casa ós xornalistas e presentoulles un resumo dos contidos da obra. Durante catro días recibiu a máis de 60 periodistas dos Estados Unidos, Gran Bretaña, Alemaña, Australia, os Países Baixos, Escandinavia etc. A única condición que impuxo Kinsey, baixo contrato, foi que os xornalistas só podían escribir artigos de 5.000 palabras máximo que debían entregar a Kinsey para que el as supervisase antes da súa publicación. Ningún destes artigos debía aparecer antes do 20 de agosto de 1953, unha xornada que a prensa bautizou como o día K (por Kinsey).
Cando Sexual Behavior in the Human Female apareceu o 14 de setembro de 1953, os norteamericanos abalanzáronse ós quioscos e o libro vendeuse a un ritmo vertixinoso.
De novo arreciaron as críticas. Os estudosos insistiron nas deficiencias que xa denunciaran en Sexual Behavior in the Human Male, especialmente na selección dos suxeitos investigados. Consideraban que o estudo se centraba inevitablemente nas mulleres cun comportamento sexual máis "aberrante" mentres as "boas" mulleres, as amas de casa, simplemente se negaban a participar na investigación.
Obra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Informe Kinsey.
Kinsey recompilou na súa obra O comportamento sexual no home publicada en 1948, miles de entrevistas persoais que, aínda que adoecen dalgúns problemas legais, metodolóxicos e técnicos importantes, os seus resultados coincidiron en grande medida cos posteriores estudos sobre a conduta sexual masculina realizados noutros países e noutros momentos diferentes.[3]
Sobre a base de máis de 5.300 entrevistas persoais con homes de raza branca, Kinsey chegou a unha serie de conclusións sobre a homosexualidade:
- O 37 % dos homes entrevistados experimentaron algunha vez un orgasmo homosexual a partir da adolescencia.
- O 13 % dos homes sentiron desexos homosexuais, sen que se producise por iso contacto físico algún.
- O 25 % deles tiveron experiencias homosexuais non incidentais entre as idades de 16 a 55 anos.
- O 18 % mantiveron igual número de relacións heterosexuais que homosexuais durante un período mínimo de 3 anos, entre as idades de 16 a 55 anos.
- O 10 % tivo unha conduta estritamente homosexual durante un período de 3 anos como mínimo e entre as idades xa salientadas.
- Só un 4 % manifestaba unha conduta estritamente homosexual durante toda a súa vida e xa manifesta durante a adolescencia.
- A homosexualidade existía a todos os niveis sociais e ocupacionais.
Do seu traballo de 1953 sobre o Comportamento sexual na muller, Kinsey realizou 5.490 entrevistas a mulleres de raza branca das cales dedúcese que:
- Un 13% de mulleres experimentaran algún orgasmo homosexual a partir da adolescencia.
- Só un 3% das mulleres foran predominantemente homosexuais durante un período de 3 anos como mínimo.
- As mulleres, en contraste cos homes, non adoitaban ser promiscuas e tiñan as súas relacións homosexuais só con 1 ó 2 compañeiras no 71% dos casos.
Estes resultados, levaron a Kinsey a confeccionar a Escala de Kinsey sobre a heterosexualidade-homosexualidade, onde o grao 0 manifestaba unha heterosexualidade completa e o 6 unha homosexualidade exclusiva e dominante. Aínda así, o seu estudo amosa que a maioría das persoas atopábanse dentro do número 1 ou 2 na súa escala.
As conclusións que se extraen da obra de Kinsey diferían radicalmente a apreciación da homosexualidade como fenómeno minoritario: a metade dos homes da mostra estudada tiveran polo menos unha experiencia homosexual (a nivel físico ou de fantasía), aínda que era moi frecuente que tivesen máis dunha, ou ata unha vida homosexual exclusiva (4%). Xa que logo, este tipo de sexualidade non era excepcional, o que viña indicar que a homosexualidade en si non era un índice de patoloxía mental, como demostrarían posteriormente Churchill en 1967, Silverstein en 1972 ou Martin e Lyon tamén o mesmo ano, quen argumentan nos seus estudos que a maioría de homosexuais masculinos e femininos identifícanse co seu propio sexo, ao contrario do que a miúdo considérase en canto ao afeminamento do home ou a masculinización da muller.
O estudo de Kinsey, recibiu numerosas críticas no que á súa metodoloxía e resultados se refire, das que destacan as realizadas por German en 1948.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ [http://writing.upenn.edu/~afilreis/50s/kinsey.html Dr. Kinsey is Dead; Sex Researcher, 62, no New York Times o 26 de agosto de 1956. (en inglés)
- ↑ Origin of the Institute Arquivado 19 de agosto de 2010 en Wayback Machine. The Kinsey Institute. (en inglés)
- ↑ Sexual Behavior in the Human Male, ISBN 978-0-253-33412-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alfred Kinsey, o científico do sexo. Reportaxe. Vídeo en YouTube, primeiro dunha serie de nove.