José Fernando Fernández Vázquez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1904 A Pobra do Caramiñal, España |
Morte | 1986 (81/82 anos) Mérida, Venezuela |
Actividade | |
Ocupación | oficial da armada |
Período de actividade | 1920 - |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Restauración borbónica en España |
Conflito | guerra civil española |
Participou en | |
22 de xaneiro de 1961 | asalto ao vapor Santa María |
Familia | |
Cónxuxe | Eva Vilalonga Margarida Ackerman |
Fillos | Luis Fernández Ackermann () Margarida Ackerman Guillermo Fernández Pou () |
Pais | Antonio Sotomaior e María Portela |
Irmáns | Balbino Fernández Vázquez |
José Fernando Fernández Vázquez, coñecido como Comandante Soutomaior,[1] nado na Pobra do Caramiñal en 1904 e finado en Mérida (Venezuela) o 11 de febreiro de 1986, foi un militar e activista político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na Pobra do Caramiñal, sendo fillo de nai solteira. Dende moi novo traballou como albanel e influenciado pola Revolución Rusa, ingresou no PSOE e fundou a agrupación socialista da Pobra do Caramiñal.[1] Tras realizar o servizo militar, continuou na Mariña e pola súa actividade republicana e contra a ditadura de Primo de Rivera foi condenado ó desterro, primeiro en Bilbao e logo en África.[1] En 1930 foi detido pola súa participación na sublevación de Jaca e despois de afrontar un consello de guerra deixou o exército, ao que acabou regresando trala proclamación da Segunda República, co grao de tenente de navío.[2] En 1933 ingresou no Partido Comunista de España e presentouse ás eleccións de 1933 como candidato polo PCE.
Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba na Pobra e para evita-los falanxistas que o perseguían fuxiu por mar, nunha lancha roubada, perseguido pola ría ata que arribou a un porto seguro. Co triunfo das forzas franquistas en Galicia tivo que se refuxiar na serra do Barbanza e permanecer alí cun grupo de homes armados ata agosto de 1937, cando fuxiu a Portugal, onde colaborou no afundimento dun buque alemán cargado con armas para o bando franquista antes de pasar a Francia. Dende alí regresou a España para combater no bando republicano e participou en accións navais no Mediterráneo, como o afundimento do cruceiro Baleares en marzo de 1938.[2]
Campo de concentración e exilio
[editar | editar a fonte]Trala fin da guerra civil, instalouse en Francia e participou na resistencia francesa contra os nazis. Capturado pola Gestapo, foi internado no campo de concentración de Auschwitz, de onde conseguiu saír con vida cando foi liberado polas tropas soviéticas en 1945. Á súa saída de Auschwitz pesaba menos de 40 kg.[2]
No país galo traballou como operario nunha fábrica de Renault e formou parte de asociacións republicanas no exilio.[1][2] Ademais casou coa alemá Margarita Ackermann, coa que tivo un fillo: Federico.[3] En protesta polo abandono da loita armada saíu do PCE en 1948. Exiliado en Venezuela, foi propietario dun pequeno taller de electricidade.
En 1959 fundou xunto a Xosé Velo o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), ao que logo se incorporaron os portugueses Humberto Delgado e Henrique Gãlvao, co obxectivo de loitar contra as ditaduras de Franco e Salazar e cun ideario baseado nun futuro estado federal ibérico que incluíse a España e Portugal.[2]
En 1961 organizou xunto a Velo e Gãlvao o secuestro do Santa María, un paquebote portugués con case un milleiro de persoas a bordo, co obxectivo de chamar a atención do mundo sobre a situación en España e Portugal.[2] Na célebre operación participou tamén o seu fillo Federico.[2] O secuestro prolongouse durante 11 días e tivo unha enorme repercusión internacional, chegando a recibir unha resposta do novo presidente estadounidense, John Fitzgerald Kennedy.[4] Finalmente os membros do DRIL levaron o barco á cidade brasileira de Recife e recibiron asilo político do país suramericano.[1][4]
Despois de desacordos con Xosé Velo sobre futuros obxectivos, o Comandante Soutomaior regresou a Venezuela, onde adestrou os guerrilleiros das Forzas Armadas de Liberación Nacional para continuar a loita contra os gobernos burgueses do país.[1] Foi detido polas autoridades venezolanas en 1963 e 1964 e a continuación instalouse na Habana como profesor de universidade. No país insular foi membro da secretaría permanente da Organización Latinoamericana de Solidariedade (OLAS), coa que viaxou por diferentes lugares como Laos, Camboxa ou Vietnam durante a guerra de Vietnam.[1]
Pasou os seus últimos anos en Venezuela, onde se dedicou a pintar e escribir teatro, contos, novelas, memorias e ensaios políticos. Escribiu dous manifestos sobre a historia de Galicia e declarouse independentista. Faleceu na cidade venezolana de Mérida o 11 de febreiro de 1986.[1]
Obras
[editar | editar a fonte]- Ideas sobre la técnica del golpe de estado, 1932.
- Yo robé el Santa María.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou dúas veces, a primeira delas coa galega Manuela Pou, coa que tivo cinco fillos: José, Rosa, Manuel, Santiago e Guillermo Fernández Pou. Máis tarde casou coa alemá Margarita Ackermann Von Haag, coa que foi pai do fotógrafo Federico Fernández.[3]
Era irmań de Balbino Fernández Vázquez, coñecido como Noe, xunto ao que loitou na serra do Barbanza ata que este foi detido e condenado a prisión.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "O Comandante Soutomaior". Museo do Pobo Galego. Consultado o 6 de outubro de 2024.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Xosé Fernández “Sotomayor”, el gallego que sobrevivió a Auschwitz" (en castelán). 16 de xullo de 2023. Consultado o 6 de outubro de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 "El pirata antifascista que 'fotografió' la revolución más disparatada contra el franquismo". Público (en castelán). 20 de xaneiro de 2021. Consultado o 6 de outubro de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 ""Operación Dulcinea: el secuestro del trasatlántico Santa María contra las dictaduras de Franco y Salazar", en 'Documentos RNE'" (en castelán). 7 de abril de 2017. Consultado o 6 de outubro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abuín Duro, Marcelino (2018). La primavera rota. Vilagarcía de Arousa, 1936-1941. Abegondo: Sociedad Bibliográfica de Galicia. pp. 188–190. ISBN 978-84-09-02453-7.
- Calvo, Tucho (28-1-1979). "Un gallego planeó el secuestro del trasatlántico «Santa María»". La Voz de Galicia: 27.
- Soutomaior, J. (1999). Eu roubei o Santa María. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-8288-271-0.