José Rodríguez de Vicente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Joselín»)
José Rodríguez de Vicente
Nacemento14 de abril de 1895
Lugar de nacementoVigo
Falecemento20 de setembro de 1958
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista
IrmánsRomán Rodríguez de Vicente
Na rede
IMDB: nm0735622 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

José Rodríguez de Vicente, coñecido como Joselín, nado en Vigo o 14 de abril de 1895 e finado en Buenos Aires o 20 de setembro de 1958[1], foi un xornalista, narrador oral, político e actor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Román Rodríguez, administrador do Pazo do Conde de Gondomar, en Baiona. Estudou en Vigo e Madrid. En 1916 marchou a Uruguai, onde traballou de xornalista no semanario Tierra Gallega, ao mesmo tempo creou o personaxe de Joselín, un galego de aldea, bo e de poucas letras, pero con moita sabedoría.

Regresou a Galicia e fundou as Irmandades da Fala de Baiona. Foi presidente do Casino Recreativo de Baiona en distintas ocasións, e adoitaba participar nas actividades culturais entre como as actuacións no teatro baionés ou a composición de letras para as comparsas do entroido. Foi nomeado alcalde accidental de Baiona a principios da ditadura de Primo de Rivera, e foi tenente de alcalde en distintos gobernos. Volveu ser alcalde entre 1927 e 1929. Durante o seu mandato puxo en marcha distintas reformas sanitarias, reparación de fontes e da Casa Consistorial[2]. En xullo de 1927 nomeou fillo adoptivo de Baiona a Ángel Bedriñana, propietario do Palacio de Monte Real.[Cómpre referencia] En outubro recibiu as súas maxestades Afonso XIII e a súa esposa Vitoria Uxía de Battenberg. Miguel Primo de Rivera concedeulle a distinción de Cabaleiro da Orde do Mérito Civil na súa visita de agosto de 1928, insignias que lle foron impostas en agosto do ano seguinte, tras a subscrición popular que se fixo en Baiona para a súa figura. Dimitiu do seu cargo en outubro de 1929, e foi substituído polo seu tenente de alcalde Vicente Vázquez González.

José Rodríguez de Vicente en La Hora Gallega, 1933.

Posteriormente traballou en Salamanca nunha oficina de turismo e en Madrid como xornalista no diario La Nación. Logo dalgunha incursión no mundo do teatro (en 1932 estreou Terra Nai no Teatro García Barbón), trasladouse a Buenos Aires, onde foi director da revista España do Hospital Español dende 1936. Organizou unha compañía de teatro e elaborou guións para filmes e documentais en colaboración con Suevia Films. Dirixiu a emisión radiofónica La Hora Gallega, de Radio Patria.

Creou en Buenos Aires o centro Ayuntamiento de Bayona, posteriormente transformado en Círculo Social Val Miñor. En 1955 foi premiado coa Cruz de Isabel A Católica.

Como narrador oral, gravou unha serie de narracións moi populares coñecidos como os Contos de Joselín[3].

Era irmán de Román Rodríguez de Vicente.


Predecesor:
Pedro Miranda Suárez de Puga
 
Alcalde de Baiona
 
1927 - 1929
Sucesor:
Vicente Vázquez González

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 30-9-1958, p. 2
  2. Faro de Vigo, 1-4-1928
  3. "Os contos de Joselín". Folque. 2014-04-14. Consultado o 2021-10-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]