José Pérez Figueiras
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 25 de xuño de 1912 Buenos Aires, Arxentina | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 8 de maio de 1986 (73 anos) Rancagua, Chile | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
José Pérez Figueiras, alcumado El Gallego, nado Buenos Aires o 24 de xullo de 1912 e finado en Rancagua o 8 de maio de 1986, foi un futbolista e adestrador arxentino, de orixe galega. Xogaba como dianteiro e desenvolveu case toda a súa carreira como futbolista entre o Platense e o Ferro Carril Oeste. Tivo tamén un breve paso polo fútbol francés, gañando a Copa de Francia en 1939 co Racing de París.
Os seus maiores logros conseguiunos como adestrador, sendo o técnico de máis éxito na historia de Santiago Wanderers, ao conseguir dous títulos da Primeira División de Chile e dúas Copas Chile. Tamén é considerado un dos grandes adestradores da historia de O 'Higgins. Caracterizábase por propoñer un xogo agresivo e feroz a diferenza do que outros adestradores propoñían neses anos en Chile.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no barrio porteño de Villa Soldati, sendo fillo de emigrantes galegos. Comezou a súa carreira como futbolista aos quince anos no Platense, onde foi un destacado "ala". Xogou con este equipo en Primeira División ata 1936.
Na seguinte tempada pasou polo San Lorenzo de Almagro e en 1938 marchou a Francia, onde fichou polo Racing Club de París. Co equipo parisiense quedou terceiro na liga francesa e conquistou a Copa de Francia de 1939, anotando un dos goles da final contra o Olympique Lillois.[1] Co estalido da segunda guerra mundial decidiu regresar ao seu país, pero antes de saír foi detido polas autoridades francesas xunto á súa esposa, sospeitosos de seren espías. Foron liberados despois da intervención do cónsul arxentino e conseguiron volver a Buenos Aires.[2]
De volta na capital arxentina xogou no Ferro Carril Oeste ata 1946. Ademais exerceu como adestrador das divisións inferiores do club, e en 1945 substituíu a Guillermo Stábile como adestrador do primeiro equipo, formando parte do primeiro descenso da historia do club en 1946.
En 1947 viaxou a Chile, onde exerceu tamén como xogador-adestrador en Bádminton, que naqueles anos acostumaba a ocupar as últimas posicións da táboa. Pérez conseguiu acabar a tempada na sétima posición, o que propiciou que o contratase Santiago Wanderers. Co equipo verde conseguiu o subcampionato en 1949, o primeiro na historia do club. En 1951 regresou á Arxentina, onde adestrou o Platense primeiro e o San Lorenzo de Almagro despois.
En 1955 regresou a Valparaíso, comezando a súa segunda etapa no Santiago Wanderers. Comezou a construír un equipo competitivo, no que destacaba a forza dos seus xogadores, que eran na súa maioría dos outeiros de Valparaíso e arredores. En 1958 o traballou deu os seus froitos e o equipo conquistou o seu primeiro título de liga. Neses anos sumou ademais dous subcampionatos de liga e dúas Copas Chile.
Despois de seis anos de éxito en Santiago Wanderers, decide cambiar de club e tomar as rendas do O'Higgins de Rancagua, onde a pesar de ter grandes figuras como o internacional arxentino Federico Vairo, acabou descendendo a Segunda División. Tras este fracaso, permaneceu no cargo e na seguinte campaña logrou o ascenso coroándose campión de Segunda a falta de catro xornadas.[3] Continuou no club ata 1967, manténdose no medio da táboa, e a continuación regresou a Santiago Wanderers.[4]
No seu retorno a Valparaíso, atopou un equipo ben armado, ao que sumou a Mario Griguol, Elvio Porcel de Peralta e Roberto Bonano como reforzos. Estes xogadores, xunto con outros como Reynaldo Hoffmann, Juan Álvarez ou Vicente Cantatore, formaron o denominado equipo dos "Panzers", que destacaba por xogar un fútbol feroz e agresivo a diferenza do que se xogaba en Chile neses anos.[3] O equipo gañou o campionato dese ano, por diante de Universidad Católica e Universidad de Chile. Con todo, deixou o equipo por problemas coa directiva, e fichou polo Universidad Católica, onde substituíu a Fernando Riera.
Co Universidad Católica chegou ás semifinais da Copa Libertadores de 1969, onde caeu contra o Estudiantes de La Plata, pero despois diso non materializou boas tempadas. Posteriormente adestrou durante unha tempada ao Everton de Viña del Mar antes de volver de novo a Santiago Wanderers. Na súa cuarta etapa no club de Valparaíso non logrou reeditar os éxitos de campañas anteriores, poñendo punto e final á súa traxectoria en 1977, despois de descender a Segunda por primeira vez na historia do club verde.
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Tivo tres fillas coa súa esposa: Mirta, Leticia e Ana María.[2]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Racing Club de París
- Copa de Francia (1): 1939.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Santiago Wanderers
- Primeira división de Chile (2): 1958 e 1968.
- Copa Chile (2): 1959 e 1961.
O'Higgins
- Segunda división de Chile (1): 1964.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "La historia de un gigante: José gallego Pérez" (en castelán). 15 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2021. Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "La historia íntima del técnico más exitoso de Wanderers". El Mercurio de Valparaíso (en castelán). 15 de agosto de 2013. p. 14. Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 "Fútbol Clásico VII: José Pérez" (en castelán). 19 de abril de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2013. Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ Aretio, Jorge. "Pildoritas en los 57 años de O'Higgins: “¡Toque la bola, y se va!...”". elrancaguino.cl (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 9 de maio de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beraud Zurita, Jorge. "Los panzers del 68". Los vagabundos de Valparaíso.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFA.com.ar (en castelán).
- Nados en 1912
- Nados en Buenos Aires
- Arxentinos de ascendencia galega
- Xogadores do CA Platense
- Xogadores do Racing Club de France
- Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro
- Xogadores do Ferro Carril Oeste
- Adestradores de fútbol da Arxentina
- Adestradores do Ferro Carril Oeste
- Adestradores do Club de Deportes Badminton
- Adestradores do Santiago Wanderers
- Adestradores do CA San Lorenzo de Almagro
- Adestradores do Club Deportivo O'Higgins
- Adestradores do Club Deportivo Universidad Católica
- Adestradores do Everton de Viña del Mar