José Luis Mira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «José Luis Mira Lema»)
Infotaula de personaJosé Luis Mira
Biografía
Nacemento15 de agosto de 1954 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Nantón, España Editar o valor em Wikidata
Catedrático
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpedagogo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 951787

José Luis Mira Lema, nado en Nantón, Cabana de Bergantiños,[1] o 15 de agosto de 1954, é un profesor, inspector e técnico en administración educativa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1972 -1977), foi profesor de Física e Química no corpo de profesores de Formación Profesional, con destino no Centro de Formación Profesional de Monte Alto, na Coruña (hoxe CIFP Ánxel Casal). Tras o proceso de fusión dos corpos de profesores de Bacharelato e de Formación Profesional, é Catedrático de Física e química de Educación Secundaria.

Foi coordinador de Formación Profesional e da Reforma de Ensinanzas Medias en Galicia (1985-1988). Pertence ao corpo de Inspectores de Educación.

En xuño de 1996 foi nomeado director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e, despois, director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional na mesma consellería, até xuño de 2000, cando se incorporou ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, cargo que desempeñou até 2004.

Participou na planificación e implantación da oferta de ensinanzas de Bacharelatos e Ciclos Formativos de FP en Galicia, a coñecida como "Rede de Centros", impulsou a implantación dos ciclos formativos da Formación Profesional. Participou, en tre outros, no deseño e na implantación do Plan de Orientación Educativa e Profesional en Galicia, do Plan de Formación do Profesorado, dun Plan de Atención á Diversidade, do Plan de Formación de Persoas Adultas, no Plan de Formación ao Longo da Vida, na promoción e no desenvolvemento de programas europeos e no deseño do Plan de Potenciación de Idiomas.

No Ministerio de Educación participou no deseño e a coordinación do debate sobre o Memorándum da Aprendizaxe Permanente en España, e na elaboración do Informe Nacional, resultado do debate, que se presentou diante da Comisión Europea, e na elaboración da Lei orgánica das Cualificacións e da Formación Profesional (Lei orgánica 5/2002, de 19 de xuño), e dos reais decretos de desenvolvemento desta.

Participou activamente no proceso de Bruxas de mellora da transparencia e o recoñecemento das cualificacións a través dunha maior cooperación en materia de Formación Profesional, así como no proceso de Copenhague de reforzo da cooperación en materia de ensino e formación profesional en Europa; na elaboración do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos, promovido pola Unión Europea.

Coordinou en España os grupos de traballo creados para o desenvolvemento do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos, e promoveu e coordinou a participación de España nos programas europeos Sócrates e Leonardo da Vinci. Tamén participou en accións de cooperación de España con varios países iberoamericanos en materia de alfabetización, educación especial e formación técnico-profesional. Coordinou o Informe da OCDE sobre a Educación de Adultos en España.

Coa volta do Partido Popular de Galicia ao goberno da Xunta, o novo conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad propúxoo novamente como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,[1] cargo do que tomou posesión o 26 de abril de 2009 e que desempeñou ata o 15 de xuño de 2012, cando foi substituído por Manuel Corredoira López[2][3]. A partir desa data, e logo de retomar por un breve período o seu posto na Inspección Educativa na cidade da Coruña, pasou a exercer o cargo de Conselleiro de Educación e Ciencia na Embaixada de España en Bélxica, ata abril de 2017, cando foi nomeado Conselleiro de Emprego na Embaixada de España en Buenos Aires.[4][5]

Nos cambios políticos que sucederon ao inicio do curso da COVID-19 foi nomeado inicialmente secretario xeral de Educación e Formación Profesional en setembro de 2020,[6] e logo director xeral de Formación Profesional, ata maio de 2022, cando Mira Lema presentou a súa dimisión no cargo, xunto con todo o seu equipo, e regresou ao seu posto no Servizo de Inspección Educativa da Coruña.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Redacción (24 de abril de 2009). "El cabanés José Luis Mira es el primer alto cargo de la zona de la nueva Xunta". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2020. 
  2. "José Luis Mira cesa como director xeral de Educación y será sustituido por Manuel Corredoira". Europa Press. 14 de xuño de 2012.
  3. Portal da Transparencia Arquivado 22 de outubro de 2020 en Wayback Machine.. Ficha de Manuel Corredoira López, que sucedeu a Mira Lema na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
  4. Datos de Mira Lema no directorio da web da Embaixada de España en Bélxica Arquivado 07 de abril de 2017 en Wayback Machine..
  5. Redacción (29 de abril de 2017). "José Luis Mira y Luis de la Vallina, consejeros de Empleo y Seguridad Social en Buenos Aires y Berna". cronicasdelaemigracion.com (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2020. 
  6. Redacción (10 de setembro de 2020). "Román Rodríguez descabeza a cúpula da Consellaría de Educación". nosdiario.gal. Consultado o 11 de setembro de 2020. 
  7. Carreira, S. (2022). "Dimite el responsable de la FP gallega". En La voz de Galicia. 6 de outubro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]