José López Rega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José López Rega
José López Rega detalle.jpeg
Nacemento17 de outubro de 1916
Lugar de nacementoBuenos Aires
Falecemento9 de xuño de 1989
Lugar de falecementoBuenos Aires
CausaDiabetes mellitus
NacionalidadeArxentina
Ocupaciónpolítico e diplomático
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica
editar datos en Wikidata ]

José López Rega, coñecido como o Brujo (Buenos Aires, 17 de outubro de 19169 de xuño de 1989) foi un político arxentino, célebre como secretario privado de Juan Domingo Perón, e cunha poderosa influencia sobre o líder peronista e a súa esposa.

Como ministro de Benestar Social durante os gobernos de Héctor J. Cámpora, de Raúl Alberto Lastiri e do propio Perón, promoveu unha política fortemente conservadora e organizou a Alianza Anticomunista Arxentina, un grupo armado de ultradereita que practicou asasinatos selectivos para combater a influencia da á esquerda do peronismo e de organizacións marxistas. Obrigado a renunciar ao seu cargo en 1975 tras as violentas reaccións ao plan económico promovido polo seu protexido Celestino Rodrigo para desmobilizar ao sindicalismo arxentino, exiliouse en España, e estivo prófugo da xustiza durante dez anos. Foi apresado en Estados Unidos e logo extraditado. Morreu á espera de ser xulgado por múltiples cargos de homicidio, asociación ilícita e secuestro.

Traxectoria xuvenil[editar | editar a fonte]

López Rega foi, de acordo ao seu biógrafo, un neno introvertido e calado, cun profundo interese en temas espirituais e relixiosos. Grazas ao apoio do Xefe de Policía Filomeno Velazco, López Rega integrou a garda que protexía a residencia presidencial. Empezou sendo cabo e máis tarde coa axuda do xeneral Perón, ascendeu a xefe da policía.

Proximidade aos Perón[editar | editar a fonte]

Desde pequeno sempre quixo ser policía, pero cando nunha manifestación, o xeneral Perón, quedou sen un custodia, o ”brujo” tomou o seu lugar, e desde ese momento subiu ao poder. Unha común afección polo espiritismo vinculou finalmente a López Rega con a esposa de Perón en 1965, cando esta, enviada polo seu esposo desde o seu exilio en España, organizou unha reunión en casa do maior Bernardo Alberte, delegado de Perón e promotor de varios dos movementos da esquerda peronista, entre eles a CGT dos Arxentinos.

Tras gañarse a confianza de Isabel, López Rega trasladouse a España, onde exerceu como custodio e logo como secretario privado do matrimonio. Tras as eleccións de 1973, nas que triunfou Cámpora, Perón enviouno para ocupar a carteira de Benestar Social; desde esta opúxose ás medidas dos elementos máis afíns á esquerda, como Esteban Righi. En xuño deste mesmo ano, cando regresou Perón ao país, foi López Rega o instigador do enfrontamento entre as dúas ás do peronismo que culminou na brutal masacre de Ezeiza, en que os sectores baixo o seu mando fusilaron ás columnas de Montoneros que intentaban aproximarse ao palco. As reaccións non se fixeron esperar; Mario Roberto Santucho, líder do Ejército Revolucionario del Pueblo, chamou a conferencia de prensa para acusar a López Rega e ao tenente coronel José Manuel Osinde do masacre. As declaracións de López Rega e de Perón, quen apoiara epistolarmente desde o exilio aos grupos como Montoneros, foron esta vez durísimas contra eles, e o delicado equilibrio que agrupara no movemento peronista a dúas faccións moi distintas non tardou en romper. López Rega criticou abertamente a posición de Cámpora en reunión de gabinete; tras os feitos, e ao decatarse das reunións de Perón cos líderes da CGT e o Ejéricto, tanto Cámpora como o seu vicepresidente renunciaron, e a presidencia quedou provisionalmente en mans do presidente da Cámara de Deputados, Raúl Alberto Lastiri.

Chegada ao poder[editar | editar a fonte]

O éxito de López Rega en desprazar do poder á esquerda peronista quedou demostrado o 4 de agosto, no Congreso Nacional Justicialista, co nomeamento da súa protectora Isabelita como candidata á vicepresidencia; o 23 de setembro, a fórmula Perón-Perón chegou ao poder co 61,85%. Preocupados pola tendencia que tomaba o goberno nacional, Montoneros asasinou o conservador secretario xeral da CGT José Ignacio Rucci o 25 de setembro de 1973, o que deu pábulo a López Rega para decretar a proscripción dos grupos armados e a clausura do diario El Mundo, afín aos mesmos. As accións de López Rega non se limitaron ao institucional: un mes máis tarde, o senador radical Hipólito Solari Yrigoyen foi gravísimamente ferido no primeiro atentado autoadxudicado pola Alianza Anticomunista Arxentina. Suponse que o atentado foi dirixido polo entón Xefe da Policía Federal, Rodolfo Almirón.

Entre as primeiras accións de Perón, tras asumir, contouse o agravamento das penas contra a "sedición" e a "subversión"; o agravamento da ruptura foi visíbel no enfrontamento interno da bancada peronista no Congreso, onde renunciaron oito deputados da Mocidade Peronista. Cando, o 1 de xullo, falecía Perón, Isabel asumiu a presidencia e López Rega un rango case de primeiro ministro, ao serlle confiada a dirección de todas as secretarías baixo a órbita da Presidencia. A composición do novo ministerio foi case integramente obra súa.

Caída[editar | editar a fonte]

López Rega abandonou España e refuxiouse en Suíza, onde viviría preto de Xenebra ata 1982, cando foi descuberto por un fotógrafo. Escapando da notoriedade, fuxiu a Bahamas, onde viviu ata 1986, alternando a súa residencia con Miami. En 1986 foi situado cando intentaba renovar o seu pasaporte e extraditado á Arxentina, onde a xustiza o buscaba por diversos delitos, entre eles corrupción, asociación ilícita e homicidio. No ínterim, a CONADEP atribuíra á Triple A a intervención en 19 homicidios en 1973, 50 en 1974 e 359 en 1975; sospeitábase ademais da súa participación en centos doutros. Preso e en espera de sentenza, morreu en Buenos Aires aos 73 anos.