José Javier Arizkuren Ruiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Javier Arizkuren Ruiz
Biografía
Nacemento13 de novembro de 1958 Editar o valor em Wikidata (65 anos)
Pamplona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónterrorista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

José Javier Arizkuren Ruiz, alias Kantauri, nado en Pamplona, Navarra o 13 de novembro de 1958, é un membro da organización terrorista ETA dende 1981, e dirixente do seu aparello militar entre 1993 e 1999, ano que foi detido en París. Condenado pola Audiencia Nacional por pertenza a banda terrorista e como responsable de numerosas accións violentas que causaron a morte de 20 persoas e ducias de feridos, así como pola súa participación en varios secuestros e outros delitos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Actividade terrorista en ETA[1][editar | editar a fonte]

En 1981, intégrase no comando legal Baratza participando en atentados con explosivos contra torretas e transformadores eléctricos en Navarra. En 1982, participou no atentado errado contra a substitución da Policía Nacional que prestaba servizo na estación eléctrica próxima ó Club de Natación de Pamplona.

En 1984, intégrase como membro do comando de liberados Araba co que participou nos seguintes atentados:

  • Asasinato do Subcomisario de Policía Pedro Ortiz de Urbina en Vitoria o 1 de marzo de 1984.
  • Metrallamento dunha patrulla da Policía Nacional en Mendizorrotza o 10 de marzo de 1985.
  • Atentado errado con bomba contra un garda civil, en Laudio, (Áraba), o 11 de abril de 1985.
  • Explosión dun coche-bomba contra o cuartel da Garda Civil en Laudio, (Áraba), o 2 de maio de 1985.
  • Asasinato dun policía nacional ó facer explosión un artefacto no seu vehículo particular en Vitoria o 14 de maio de 1985.
  • Atentado errado, con coche-bomba, contra membros da Policía Nacional en Mendizorrotza o 19 de maio de 1985.
  • Asasinato do carteiro Estanislao Galíndez Chairos en Amurrio, (Áraba), o 26 de xuño de 1985.
  • Asasinato dun garda civil, mediante a colocación dun artefacto explosivo en Luiano, (Áraba), o 3 de agosto de 1985.
  • Asasinato de dous policías, mediante a explosión dun artefacto ó paso dun vehículo do CNP en Vitoria o 16 de agosto de 1987.

En 1987, foxe a Francia xunto a María Soledad Iparraguirre, Anboto, tamén membro do comando Araba. En 1992, detéctase a súa presenza no comando Madrid, ó que se lle atribúen os seguintes atentados:

  • Intento de asasinato a María Jesús González e á súa filla, Irene Villa González, ó estalar un artefacto, mellor coñecido como "bomba-lapa", colocado na parte inferior do coche de María, o 17 de outubro de 1991.
  • Asasinato de catro militares e un funcionario, ó facer explosión un coche-bomba en Madrid o 6 de febreiro de 1992.
  • Asasinato do fillo dun Coronel do Exército ó estalar un artefacto colocado nos baixos do seu coche, en Madrid o 23 de marzo de 1992.
  • Asasinato do Coronel retirado Joaquín Vasco Álvarez pola explosión dun paquete-bomba, en Madrid o 31 de marzo de 1992.
  • Explosión dun coche bomba ó paso dunha furgoneta da Policía en Madrid o 24 de maio de 1992.
  • Asasinato do Subtenente da Garda Civil Miguel Miranda por explosión dun coche-bomba, en Madrid o 30 de novembro de 1992.

En 1993, foxe con Anboto a Francia tras detectar que as Forzas de Seguridade están tras eles. Tras a detención de Félix Alberto López da Rúa Gauna, Mobutu, sitúaselle como responsable dos comandos ilegais. En 1996, pasa a ser o máximo xefe do aparello militar de ETA. Dende Francia, planificou e ordenou a distintos comandos os seguintes actos:

  • Asasinato do sarxento da policía municipal Alfonso Morcillo Calero, disparado en Lasarte o 15 de decembro de 1994.
  • Asasinato do parlamentario popular Gregorio Ordóñez, tiroteado nun restaurante de Donostia o 25 de xaneiro de 1995.
  • Intento de asasinato ó rei Xoán Carlos I durante o verán de 1995, en Mallorca.[2]
  • Secuestro do funcionario de prisións José Antonio Ortega Lara en Burgos o 17 de xaneiro de 1996, liberado pola Garda Civil en Mondragón o 1 de xullo de 1997 tras 532 días de secuestro.
  • Asasinato do dirixente socialista Fernando Múgica en Donostia o 6 de febreiro de 1996.
  • Atentado contra un autobús militar en Córdoba o 25 de maio de 1996, no que morreu o sarxento Miguel Ángel Ayllón Díaz-González e resultaron feridas catro persoas máis.[3]
  • Secuestro do empresario vasco Cosme Delclaux o 11 de novembro de 1996 en Zamudio, retido 232 días e finalmente liberado tras pagar a súa familia 500 millóns de pesetas.[4]
  • Asasinato do concelleiro popular Alberto Jiménez Becerril e a súa esposa, tiroteados en Sevilla o 30 de xaneiro de 1998.

En 1998 é condenado en rebeldía en Francia a seis anos de prisión e prohibición de residencia definitiva por asociación de malfeitores para preparar un atentado terrorista.

Detención[editar | editar a fonte]

O terrorista Kantauri foi detido o 9 de marzo de 1999 xunto a tres dos seus lugartenentes en París pola Policía francesa en colaboración coa Garda Civil. Un dos lugartenentes que caeu xunto ó xefe do aparello militar foi José María Puy Lecumbery, o encargado da adquisición de armas no mercado negro internacional. A redada produciuse en plena tregua de Estella, un día antes de que a Policía Nacional desarticulase en Donostia ó novo comando Donosti.[5] Segundo fontes da loita antiterrorista, naqueles momentos Kantauri era un dos dirixentes etarras máis opostos á tregua.

Extradición e procesos xudiciais[editar | editar a fonte]

Após cumprir unha condena de seis anos en Francia por un delito de asociación de malfeitores con fins terroristas, a xustiza francesa autorizou en 2006 a reclamación de extradición presentada por España para que Kantauri fose xulgado polos delitos cometidos durante a súa actividade terrorista. Durante o tempo que cumpriu condena en Francia, Kantauri xa puido responder en parte ante a xustiza española, pois foi entregado temporalmente a España en 2001 e 2002, sendo o primeiro dos etarras en inaugurar o mecanismo de entrega temporal de delincuentes que Francia e España acordaran nun cume celebrado en 2001. Así, durante ese período temporal foi condenado pola Audiencia Nacional a 72 anos de prisión por tres condenas: polo intento de atentado contra o Rei Xoán Carlos en 1995 (13 anos de cárcere), o asasinato do subcomisario de policía Pedro Ortiz de Urbina en 1984 (37 anos) e o intento de asasinato dun garda civil en Áraba en 1985 (22 anos). No 2008, foi condenado de novo pola Audiencia Nacional a penas que sumaban 82 anos de cárcere pola súa participación, xunto a membros do comando Araba, no atentado con coche bomba contra unha patrulla policial o 6 de agosto de 1987 no que resultaron mortos dous axentes e ferida unha terceira persoa. No 2009, foi trasladado do cárcere gaditano de alta seguridade de Puerto III ó centro de Sevilla II, en Morón de la Frontera. Os informes que manexa o Ministerio do Interior constatan que Arizkuren mantense en posicións radicais a pesar da década que leva no cárcere. Agora é o único preso de ETA no penal sevillano, onde ocupa unha cela nun módulo de máxima seguridade. Fontes penais aseguran que a influencia mutua entre Kantauri e os outros etarras recluídos en Puerto III era negativa para ambas as partes. Dende a súa extradición en 2007, Arizkuren sempre estivera recluído en Cádiz, agás dalgúns traslados a Madrid para xuízos e unha brevísima estancia na prisión da Lama (Pontevedra) nada máis chegar dende Francia.[6]

Notas[editar | editar a fonte]