José Fernández Canosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Fernández Canosa
Biografía
Nacemento1 de decembro de 1935 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
Piñeiro, Aldán
Datos persoais
Outros nomeso Ghaiteiro do Piñeiro
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónalbanel e gaiteiro
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeCarmen Ambroa Lago
Fillos7

José Fernández Canosa, máis coñecido como o Ghaiteiro do Piñeiro ou o Ghaiteiriño, nado en Piñeiro (Aldán) o 1 de decembro de 1935, é un gaiteiro galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Avelino Fernández e Dolores Canosa, comezou a traballar nun serradoiro aos 8 anos. Aos dezaoito meteuse a albanel, oficio que xunto co de gaiteiro, desempeñaría o resto da vida. Montou a súa propia empresa, pero aínda así acabou tendo a necesidade de buscar traballo fóra, en Zaragoza en 1976 e máis tarde saíndo por contratos a Suíza. No 1988 volveu ao seu barrio natal e retomou a súa empresa ata que se xubilou en 2000. Aos vinte e catro anos, coñeceu na rapa das bestas de Sabucedo a Carmen Ambroa Lago, coa que casou en 1960, e tiveron cinco fillos e dúas fillas.

Os primeiros contactos coa gaita chegáronlle de man do seu pai, Avelino, do seu tío materno, Eustaquio, gaiteiro de sona na parroquia, e do seu avó. Desde ben novo comezou a practicar na casa ou cando ía co gando ao monte, coas frautas de cana que el mesmo facía, ben de pito ou ben de través. Tamén aproveitaba a vexiga do porco para armar unha gaita de cana, con punteiro, soprete e mesmo ronco de adorno.

Logo de casar pensou en pasarse a actividade gaiteira dun xeito máis profesional. Xuntouse co seu curmán Armando, co seu cuñado Manolo (bombo) e co irmán deste, José de Marcelino (caixa). Nunha tenda compraron dúas gaitas de ébano, hoxe desaparecidas. Fixeron tamén os primeiros traxes ao estilo dos grupos de gaiteiros da época e, sendo todos do Piñeiro, recuperan o nome que José herdara da familia: Airiños do Piñeiro.

Tocou con esta primeira agrupación en múltiples festas: San Pedro, San Cibrán e Santo Amaro. Comezan tamén a ir ao carnaval do Hío, Aldán e Darbo. Entre 1976 e 1979 que foi traballar a Zaragoza seguiu exercendo de gaiteiro no Centro Galego, co que chegou a tocar en Barcelona.

Nestes anos o cuarteto sufriu diversos cambios mudando os compoñentes, e mantendo sempre de eixo central a José. Tocou con varios grupos da zona, e mesmo foi reclamado para tocar con cuartetos xa históricos do Morrazo como Airiños do Mar do Hío, Airiños do Castelo (San Pedro-Cangas), Airiños do Liboreiro (A Portela-Bueu). Entre 1981 e 1988 tocou para o grupo de baile Airiños de Arcade (Soutomaior).

Os Reis e a danza de Aldán[editar | editar a fonte]

Á marxe dos cuartetos, José recolleu o testemuño familiar de dúas importantes tradicións na parroquia: A danza e os Reis de Aldán. Foi polos vinte anos cando José colleu a remuda ao seu tío, Eustaquio Canosa, como gaiteiro acompañando os Reis. Tocou co bando de Reis do Piñeiro entre o ano 1955 e o 1960, tras o que se deixaron de cantar. Case trinta anos despois, José e máis a familia, procuraron a letra completa deste antigo romance e retomaron a tradición xunto coas dos Anos Novos e as Navidás.

Xa con 50 anos, José tomou tamén o relevo como gaiteiro da coñecida "Danza de Aldán", aínda que a melodía xa a tomara herdada do seu pai. Tocouna vinte anos acompañando á caixa por Felisiano Otero pai, tamborileiro dos Airiños do Mar e caixeiro tamén da "Danza do Hío" durante trinta anos.

Rúa[editar | editar a fonte]

En xuño do ano 2016 cambiouse o nome da rúa Tartoucido (en Piñeiro, rúa onde se sitúa a súa casa) por rúa Camiño do Ghaiteiriño, e descubríronse unha escultura e unha placa en homenaxe a José Fernández Canosa.

Repertorio[editar | editar a fonte]

José é un gaiteiro que leva en activo practicamente máis de cincuenta anos, tocando con moi diversas agrupacións e circunstancias. A súa experiencia e o seu afán por ter sempre novo repertorio fan que a cantidade de pezas que coñece e interpreta se faga inmensa e variada, desde as moi antigas, aprendidas na familia, ata as tocatas de moda dos nosos días. Estás adaptacións teñen sempre un toque persoal, e adoita dicir que “para faser o que fan os outros, xa o fan os outros”.

José ten importantes e amplas referencias no tocante aos cuartetos da súa época, cadrando con moitos deles ao longo do tempo no afamado carnaval do Hío. No entroido de Aldán, ao contrario ca na veciña parroquia do Hío, os grupos contratados non son cuartetos, senón charangas dos que José toma unha boa cantidade de pezas que logo adapta ao seu estilo.

Os ritmos bailables que interpreta son moi variados, destacando o pasodobre ou a rumba e soltos enxebres como a muiñeira ou a xota. Entre as pezas de moda inclúe unha boa cantidade de pasodobres e valses suramericanos, tangos e mesmo a polca.

Do seu toque destaca unha ornamentación moi rica en recursos, o constante venteo movendo toda a man, as posturas do tocar pechado, os silencios reais que gusta de facer e os requinteos que emprega cando a peza o require.

Gravou o CD José Fernández Canosa. O Ghaiteiro do Piñeiro, editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e Edicións do Cumio, e producido polo músico e compilador da tradición Guillerme Ignacio Costa. Nel colaboran o seu fillo Javier e outros músicos de formación popular como Marcelino Otero, Xosé Bermúdez, “O Peix” e Manuel Sotelo.

Os títulos das pezas son:

  1. "Himno das solteiras"
  2. "Baila aquí mi morena"
  3. "Rumba I"
  4. "Muiñeira I"
  5. "Valse I"
  6. "Pasodobre I"
  7. "Jota"
  8. "As vellas ocasias"
  9. "Alborada"
  10. "Polca"
  11. "Jota da escaleira"
  12. "A prosesión"
  13. "Que dirán"
  14. "Sebastián Barrighudo"