Joaquín Satrústegui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joaquín Satrústegui
Aquí vivió Joaquín Satrústegui (cropped).JPG
Nacemento 17 de outubro de 1909
  Donostia
Falecemento 11 de marzo de 1992
  Donostia
Soterrado Polloe Cemetery
Nacionalidade España
Ocupación político e avogado
Fillos Miguel Satrústegui
editar datos en Wikidata ]

Joaquín Satrústegui Fernández, nado en Donostia o 17 de outubro de 1909 e finado ibídem o 11 de marzo de 1992, foi un avogado e político monárquico español. Combateu no bando franquista durante a Guerra Civil Española, e evolucionou desde o ultraconservadurismo da súa mocidade cara a posicións liberais, sempre dentro dos sectores monárquicos. Foi un dos asistentes á conferencia do Movemento Europeo celebrada en Múnic en 1962 (denominada como "contubernio de Múnic" polo réxime franquista). Tras a morte de Franco foi elixido sucesivamente senador e deputado.

Biografía[editar | editar a fonte]

Satrústegui naceu no seo dunha familia monárquica, acomodada e con intereses navieiros de Donostia.[1] O seu pai foi Enrique Satrústegui Barrié, barón de Satrústegui.[2] Estudou Dereito na Universidade Central de Madrid, obtendo a licenciatura en 1932. Ampliou os seus estudos en Economía e Dereito Público na Universidade de Georgetown (Estados Unidos).[3] Durante o período republicano formou parte de Renovación Española. O 17 de xullo de 1936, dentro das operacións do golpe de estado que deu inicio á Guerra Civil, formou parte do grupo de mozos militantes do partido monárquico que, liderados por Carlos Miralles, e seguindo ordes do xeneral Mola, ocuparon o porto de Somosierra,[1] co obxectivo de facilitar o acceso a Madrid ás columnas que, desde o norte, debían tomar a capital. Durante a Guerra Civil, Satrústegui, que fixera o servizo militar nas milicias universitarias e obtido o grao de alférez, chegou a capitán de complemento dentro das filas do exército franquista.[4]

Desexando restaurar a monarquía na persoa de Juan de Borbón, desde 1940, unha vez acabada a guerra enfrontouse a Franco, polo que foi multado e detido en varias ocasións. Foi candidato ás eleccións municipais por Madrid do 21 de novembro de 1954,[1] xunto a Joaquín Calvo Sotelo, Juan Manuel Fanjul e Torcuato Luca de Tena, pero os seus interventores foron expulsados do colexio electoral ante o temor do réxime dunha vitoria desta candidatura. Fundou a organización clandestina Unión Española (1957), movemento liberal que propugnaba a forma de Estado democrático para España e recoñecía a Juan de Borbón, entón no desterro, como lexítimo rei de España.[5] Participou no denominado Contubernio de Múnic, maio de 1962, polo que foi desterrado durante case un ano en Fuerteventura, xunto a Jaime Miralles e Fernando Álvarez de Miranda, entre outros.[6]

Co paso do tempo, converteuse nun activo defensor da integración de España na Comunidade Económica Europea, integrado nas plataformas de oposición ao franquismo e oposto á presenza de bases estadounidenses en España. En agosto de 1976, vinculou Unión Española á Federación de Partidos Demócratas e Liberais de Joaquín Garrigues Walker e ao Partido Liberal de Enrique Larroque, constituíndo a Alianza Liberal, da que foi elixido presidente. Colaborara coa oposición na Plataforma de Organismos Democráticos, coa que formou unha plataforma que se presentou ás eleccións de 1977 como Senador,[7] sendo elixido como candidato máis votado pola Circunscrición electoral de Madrid na coalición electoral Senadores por la Democracia.[8] No Senado integrouse no Grupo Progresistas e Socialistas Independentes, xunto a membros dos Partidos Socialista Popular e Esquerda Democrática, entre outros.[9] Tras a disolución de Alianza Liberal, en decembro de 1977, fundou o Partido Liberal Progresista, do que foi nomeado presidente,[10] pero que tamén se disolvería máis tarde. Finalmente, integrouse en Unión de Centro Democrático (UCD), partido que abandonou tras o desastre electoral de outubro de 1982. Foi deputado de UCD por Madrid na primeira lexislatura, na que foi vogal nas comisións de Asuntos Exteriores e Constitucional.

Estaba casado e tivo catro fillos, un deles Miguel Satrústegui.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]